INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria
inicio  Eficiencia Enerxética  Industrial e Primario

Industrial e primario

Da análise de máis de 250 prediagnoses enerxéticas realizadas polo Inega, dedúcese que os industriais galegos mostran interese polas estratexias de aforro enerxético e que as posibilidades de aforro son importantes posto que os consumos específicos nalgúns sectores son aínda elevados, a dependencia dos produtos petrolíferos é moi alta e o nivel de utilización de fontes de enerxía renovábeis é baixo.

Na gráfica da evolución da demanda, pódese apreciar a evolución do consumo de enerxía final nestes sectores nun escenario tendencial sen aplicar medidas de aforro e o escenario eficiencia, no que si se aplican.

sector_industrial 

 Actuacións no sector Industrial

Programas de xestión enerxética

Desde o Inega, considérase fundamental o fomento de programas de xestión enerxética nas empresas, que inclúen as auditorías enerxéticas como un primeiro paso para cuantificar os custes enerxéticos e para avanzar na racionalización do consumo e no estudo de medidas de aforro aplicables. Estas auditorías teñen como obxectivo obter o maior rendemento posible da enerxía, permitindo reducir o consumo da mesma, sen diminuír o nivel de prestacións.

As auditorías enerxéticas dos programas de xestión, deberán incluír:

  • Información dos procesos produtivos.
  • Consumos globais da planta.
  • Consumos por áreas ou centros de utilización.
  • Análises de custe de enerxía.
  • Valoración de enerxías propias autoproducidas.
  • Determinación de medidas de aforro e mellora.
  • Xustificación dos investimentos.

 

O Inega, dentro das liñas de actuación da Estratexia de Aforro 2004-2012 (E4), subvencionará a realización de estudos de optimización enerxética no sector industrial.


Estudos sectoriais

14-f-galiciaindustrialCabe esperar que nos próximos anos, certos sectores incrementen significativamente os seus niveis de produción e polo tanto o seu consumo enerxético. Nestes sectores considérase de interese a realización de estudos sectoriais que axuden a introducir melloras nos rendementos dos procesos produtivos e fomenten a substitución de equipos por outros de maior eficiencia enerxética.

Estes estudos permitirán comparar instalacións similares e obter medidas de racionalización e aforro de enerxía aplicables ás empresas do sector analizado que se divulgarán entre todos os industriais para a súa posta en práctica.

Ata agora o Inega levou a cabo estudos de optimización enerxética en diferentes subsectores industriais

Publicación estudos Sectoriais

Presentación conserveiro

Presentación pesqueiro

Introdución de tecnoloxías innovadoras. Desenvolvemento de proxectos de demostración.

A evolución tecnolóxica fai necesario a realización de accións piloto para introducir no sector industrial, equipos, técnicas de mantemento, técnicas de operación, ciclos produtivos, etc. que permitan reducir a demanda de enerxía por unidade de produto elaborado.

Medidas orientadas ao uso eficiente da enerxía

En empresas do sector industrial, as principais medidas deben ir orientadas ao uso eficiente da enerxía e, entre outros, convén incidir nos seguintes aspectos:

  • Melloras na operación e no mantemento dos equipos encamiñadas ao aforro de combustibles e de electricidade, por exemplo a través de boas prácticas.
  • Mellora dos equipos existentes e introdución de compoñentes auxiliares que aproveiten mellor os diferentes fluxos enerxéticos na industria. Por exemplo: intercambiadores de calor e automatización de procesos.
  • Substitución dos equipos existentes por outros de menor consumo enerxético: xeradores de calor, equipos de proceso, equipos auxiliares (aire comprimido,...).

Para o apoio económico a este tipo de proxectos, contase cunha liña de axudas públicas que subvencionan parte do investimento.


Diversificar fontes enerxéticas

Durante os últimos anos a enerxía, como consecuencia da tendencia alcista do prezo do petróleo, experimentou uns aumentos de custe considerables, que están afectando á rendibilidade de moitas empresas. Por iso, é fundamental diversificar as fontes enerxéticas introducindo aquelas máis eficientes e que teñan prezos máis estables. O Inega asesorará ás empresas que o soliciten nas posibilidades de diversificación enerxética para a súa demanda actual e prevista.

  • Para o apoio á realización destes estudos, o Inega, dentro das liñas de actuación da Estratexia de Aforro 2004-2012 (E4), subvencionará as seguintes actuacións:
  • Estudos de viabilidade para coxeracións dirixidos a promover novas plantas de coxeración, que definirán as solucións e os deseños técnicos máis correctos a partir das demandas de calor útil.
  • Auditorías enerxéticas en coxeracións, co obxecto de mellorar a eficiencia enerxética das plantas de coxeración existentes (estudo do redeseño da súa potencia para adaptarse mellor ás demandas térmicas que deben satisfacer actualmente, e aplicación de novas tecnoloxías desenvolvidas en turbinas/motores).


Formación de técnicos enerxéticos e creación da figura do “Coordinador Enerxético” nas industrias

Con frecuencia, a responsabilidade sobre a enerxía consumida por unha empresa atópase distribuída ao longo de diversos departamentos desta, sen que exista unha persoa responsable de realizar unha análise crítica do tipo de enerxías que se consomen, das condicións en que se adquiren, e da efectividade con que se utilizan.

A práctica da xestión enerxética require dispoñer de certos coñecementos de carácter pluridisciplinar. Por unha parte, supón empregar recursos e ferramentas de xestión e, por outra banda, habilidades e coñecementos de tipo técnico e tecnolóxico ligados ao tipo de industria ou organización na que se consume a enerxía.

O Inega vai continuar coa súa oferta formativa, que incluirá seminarios que aporten aos participantes recursos, coñecementos e unha visión de conxunto que permita optimizar o consumo enerxético. Dentro desta oferta formativa inclúese o curso de xestor enerxético que cada ano organiza o Inega.

Ademais, vaise potenciar nas empresas a creación da figura do “Coordinador Enerxético”, que terá por misión transmitir e promover ideas de mellora, indicando os obxectivos enerxéticos a lograr.