INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria
inicio  Eficiencia Enerxética  Transporte

TRANSPORTE

CONSUMO ENERXÉTICO

CONSUMO ENERXÉTICOO consumo enerxético no sector transporte en Galicia supera considerablemente ao residencial e ao de servizos. Trátase dun sector crítico, cunha dependencia case total do petróleo e das importacións e que emprega con frecuencia as solucións que presentan maiores consumos enerxéticos (por exemplo, o camión fronte ao ferrocarril). O maior consumo de combustibles no sector transporte corresponde ao transporte terrestre, cun 88% do total, seguido do transporte marítimo cun 9,5 % e, en menor medida, o transporte aéreo cun 2,2%.

Entre os factores que máis influíron no aumento do consumo de combustible no sector do transporte galego destaca a crecente motorización do parque e o aumento da quilometraxe por vehículo, como consecuencia da mellora que se está producindo no sistema viario.

Pese aos avances tecnolóxicos e as distintas normativas ambientais que permitiron reducir os consumos específicos nos últimos anos, o consumo neste sector segue medrando, debido a que o aumento da actividade de comercialización implica maior movemento de mercancías e persoas, e por conseguinte, maior demanda enerxética.

A iso hai que engadir tamén que se prevé aumentar o consumo de enerxía no entorno das cidades como consecuencia da maior necesidade de mobilidade motorizada dos cidadáns para o desenvolvemento das súas funcións cotiás (compras, traballo, escola,...) en modelos territoriais que impoñen cada vez distancias e tempos de viaxe máis prolongados.

A) ACTUACIÓNS TECNOLÓXICAS NO ÁMBITO DA UE

1) O Regulamento CE 443/2009 de 23 de abril establece para o parque de vehículos novos un obxectivo, aplicable a partir de 2020, de 95 g de CO2/km de emisións medias.  Ademais recorda o obxectivo global da Comunidade Europea segundo o cal as emisións medias de CO2 dos turismos novos debe situarse en 120 g de CO2/km, ao máis tardar en 2012. Para conseguilo establece penalizacións por vehículo aos fabricantes que superen os valores máximos fixados.

A Comisión fará un seguimento dos resultados é marcará as pautas de cara a conseguir o obxectivo de 95 g de CO2/km a máis tardar no ano 2020.

2) Etiquetaxe enerxética dos vehículos automóbiles. A Directiva 1999/94/CE (incorporada o ordenamento xurídico español polo Real Decreto 837/2002, de 2 de agosto) constitúe un dos piares sobre os que se apoia a estratexia comunitaria para reducir as emisións de CO2 producidas polos automóbiles e para potenciar o aforro de enerxía. Esta Directiva considera que a información desempeña un papel fundamental para o comprador, polo que se establece unha etiquetaxe de vehículos que conteña as cifras de consumos de enerxía e emisións de CO2. A eficiencia enerxética do parque automobilístico aumentará con esta medida, por un incremento da proporción de vehículos de baixo consumo; paralelamente, a maior demanda de turismos de menor consumo enerxético inducirá os fabricantes a incrementar os esforzos para reducir os consumos específicos dos novos vehículos.

3) Fomento do rendemento dos vehículos mediante medidas fiscais. É unha constante na normativa europea a recomendación de ligar os impostos ás emisións dos vehículos. Neste sentido a nivel estatal a Disposición adicional sexagésima segunda da Lei 51/2007 de 26 de decembro pola que se modifica a estrutura do Imposto Especial sobre determinados medios de transporte establece que o tipo impositivo será función das emisións oficiais de CO2 que veñen especificadas no Certificado de Conformidade Europeo establecendo as seguinte porcentaxes:

Emisións

 

Tipo impositivo

 

≤ 120 g CO2/km

 

0 %

 

Entre 120 e 160 g CO2/km

 

4,75 %

 

Entre 160 e 200 g CO2/km

 

9,75 %

 

≥ 200 g CO2/km

 

14,75 %

 

 

4) Fomento do uso de biocombustibles no transporte. A Directiva 2003/30/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, de 8 de maio de 2003, relativa ao fomento do uso de biocarburantes e outros combustibles renovables no transporte, establece que os Estados membros deberán velar para que se comercialice nos seus mercados unha proporción mínima de biocarburantes e outros combustibles renovables. Esta obrigación foi trasposta mediante a Orde ITC/2877/2008, de 9 de outubro, pola que se establece un mecanismo de fomento do uso de biocarburantes e outros combustible, e que específica uns obxectivos obrigatorios  para cada distribuidor do 5,83 % de biocarburantes para o conxunto de diésel e gasolina comercializado.

Recentemente, a Directiva 2009/28/ CE do Parlamento Europeo e do Consello de 23 de abril de 2009 establece que cada Estado membro velará por que a cota de enerxía procedente de fontes  renovables en todos os tipos de transporte en 2020 sexa como mínimo equivalente ao 10 % do seu consumo final de enerxía no transporte.

Os motivos que aconsellan a substitución a longo prazo do gasóleo e da gasolina convencionais residen, por unha parte, na conveniencia de incrementar a seguridade do abastecemento enerxético, pero tamén responden á necesidade de reducir o impacto do sector do transporte sobre o ambiente, en especial polo que respecta ao cambio climático.
 

B) ACCIÓNS NO ÁMBITO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

De cara a conciliar os obxectivos e estratexias enerxéticas de Galicia coas do medio de referencia comunitario, o presente Plan Enerxético contempla un paquete de medidas orientadas a conter o consumo enerxético do sector do transporte na nosa Comunidade Autónoma, entre as que destacan:

1) Plan Movega para a promoción de vehículos eléctricos

A Xunta de Galicia está a elaborar un Plan Director para a promoción do vehículo eléctrico en Galicia, en adiante Plan Movega, co obxecto de posicionar a Galicia nos primeiros postos das novas tecnoloxías de automoción e mobilidade sostible, tanto a nivel de mercado como a nivel industrial. O Plan Movega centrarase nos seguintes eixos de actuación:

  • Accesibilidade e uso. Crear e planificar as condicións necesarias para que os cidadáns teñan acceso aos vehículos eléctricos en condicións favorables.
  • Infraestruturas de recarga. Impulsar unha rede intelixente de recarga que minimice o investimento preciso e resulte eficiente dende o punto de vista dos recursos eléctricos dispoñibles.
  • Promoción urbana da mobilidade sostible.
  • Potenciación e adaptación do texido industrial as novas tecnoloxías
  • Desenvolvemento tecnolóxico e normativo para garantir a operatividade e seguridade das instalacións de recarga

 

2) Cambio modal cara a modos máis eficientes

Fomentaranse actuacións tendentes a utilizar modos de transporte máis eficientes, desde o punto de vista enerxético, mediante distintas accións como son a subvención de estudos e o asesoramento técnico. Entre estas actuacións cabe destacar:

  • Fomento dos plans de mobilidade urbana, cos que se pretende a maior participación dos medios de transporte máis efectivos e unha redución progresiva da utilización do uso do vehículo privado con baixa ocupación. Para o fomento deste tipo de actuacións contarase con axudas públicas á realización de:

- Plans de mobilidade urbana sostible (PMUS): axudas a realización de estudos dirixidos a promover actuacións na mobilidade urbana que fagan posible un cambio modal cara a utilización dos medios de transporte menos consumidores de enerxía.

- Plans de promoción de transporte urbano en bicicleta: deseño e a implantación de sistemas con bicicletas de uso público en cidades de tamaño medio.

biocidadáns

Galicia é un lugar idóneo para os desprazamentos en bicicleta polo seu clima moderado e desniveis en xeral suaves. Desde que se puxo en marcha o programa no ano 2006 promovéronse sistemas de préstamos en 15 concellos (Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago, Pontevedra, Vilagarcía, A Coruña, Redondela, Culleredo, Lalín, O Barco, A Rúa, Noia, Lousame e Porto do Son), o que supón que máis de 850.000 galegos xa se poden beneficiar deste sistema de préstamo automático de bicicletas de uso público.

 

 - Estudos de viabilidade de actuacións relacionadas cos PMUS: incentivase a realización de estudos previos á implantación de medidas específicas de mobilidade urbana sostible.

 

  • Plans de transporte para empresas ou centros de traballo, co fin de reducir a participación dos desprazamentos en vehículo privado na mobilidade domicilio-lugar de traballo ou estudo.
  • Transferencia de cargas de estrada a ferrocarril e modo marítimo.
  • Fomento da utilización de transporte público urbano e interurbano.


3) Información sobre etiquetaxe enerxética de vehículos

De acordo co establecido na Directiva 1999/94/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de decembro, no seguinte enlace pode consultar información sobre o consumo de combustible e emisións de CO2 dos distintos modelos de vehículos para tratar de orientar a súa decisión final de compra cara aqueles automóbiles enerxeticamente máis eficientes.

 

4) Renovación do parque de vehículos

Con esta medida preténdese a modernización do parque de turismos para aproveitar as vantaxes da maior eficiencia enerxética dos vehículos novos.

O Inega, en concordancia coas liñas de actuación da Estratexia de Aforro 2004-2012 (E4), subvenciona a fondo perdido a adquisición de vehículos novos de propulsión eléctrica, híbrida, de pila de combustible, ou alimentados por gas natural, gases licuados do petróleo, ou hidróxeno.
 

5) Información sobre condución eficiente e realización de cursos prácticos

Na guía que se xunta inclúense unha serie de consellos para aforrar combustible. Ademais o Inega realiza continuas campañas con recomendacións sobre a utilización correcta do automóbil, o seu mantemento e o fomento de novas técnicas de condución coas que se pode aforrar ata un 15% do consumo de carburante, entre estas destaca a impartición de cursos de condución eficiente.
transporte02

 

Información sobre condución eficiente e realización de cursos prácticos:

MANUAL DE CONDUCIÓN EFICIENTE

 

6) Diversificación enerxética

Para a diversificación das fontes enerxéticas utilizadas no transporte, ademais de impulsar a utilización de vehículos eléctricos xa indicada, prevese fomentar o uso do biodiésel e do gas natural en flotas cativas (autobuses urbanos, camións de limpeza,...). Desde o Inega vanse promover acordos cos concellos para que nas renovacións das flotas adquiran vehículos equipados con motores que permitan o emprego de biodiésel ou do gas natural, conscientes das vantaxes que ofrece a súa utilización. O biodiésel permite reducir o nivel de emisións de CO2 e de sulfuros, o fume visible e os gases nocivos, e os vehículos a gas natural producen menos ruído e menos emisións de CO2 (un 25% menos que con gasóleo) e doutros contaminantes atmosféricos.