INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria
inicio  A Enerxía en Galicia  Sicapde

Que é o Sicapde

Sistema de Captación e Procesamento dos Datos Enerxéticos de Galicia


Galicia destaca por ser unha rexión cunha estrutura de xeración enerxética sólida e diversificada. Asemade, os ambiciosos plans de fomento das enerxías renovables, especialmente a enerxía eólica, puxeron de manifesto a necesidade de dispoñer dunha maior información do noso sistema enerxético para resolver problemas de xestión destas enerxías, problemas asociados ó carácter variable e fluínte das mesmas que supón que a dispoñibilidade da súa potencia real non sexa facilmente predicible, o cal limitaba en gran medida o seu desenvolvemento.

Por elo considerouse absolutamente necesario dispoñer de modelos precisos e fiables da xeración en réxime especial, o que orixinou o Sistema Informático de Captación e Procesamento de Datos Enerxéticos (Sicapde), que é unha ferramenta informática estruturada en rexistros e modelos en constante actualización e evolución que permitirá realizar previsións de xeración eléctrica mais certeiras e seguras, permitindo coñecer dunha maneira máis profunda e detallada o novo escenario eléctrico establecido polo impulso das enerxías en réxime especial e posteriormente estendelo ó resto dos recursos enerxéticos galegos. A finalidade desta iniciativa non é outra que poder realizar unha eficaz planificación e optimización dos recursos enerxéticos e garantir un maior equilibrio no noso sistema eléctrico.

A Orde do 29 de xullo de 2002 regulamenta o procedemento para a captación e o procesamento dos datos de producción enerxética de Galicia correspondentes ás instalacións acollidas ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica. A execución práctica da devandita norma concrétase no desenvolvemento do "Sistema informático de captación e procesamento de datos enerxéticos" (Sicapde), unha ferramenta que recolle e integra toda a información relevante relacionada coa producción e o vertido de enerxía á rede por parte de cada un dos xeradores especiais de potencia maior de 1 MW na Comunidade Autónoma de Galicia.

O tempo transcorrido desde a súa implantación, a experiencia e o impulso que a Administración debe darlle ao emprego de medios informáticos nas súas relacións cos cidadáns, así como a evolución tecnolóxica das aplicacións telemáticas, unidos a un obxectivo de simplificación administrativa e de mellora dos servizos recomendaban unha revisión dos contidos da Orde do 2002, o que deu lugar o desenvolvemento da nova Orde de 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia. Na devandita Orde amplíase o ámbito da aplicación ás centrais solares fotovoltaicas acollidas ao REPE e obrigadas a dispoñer de telemedida segundo o Real decreto 1110/2007, do 24 de agosto de 2007, polo que se aproba o Regulamento unificado de puntos de medida do sistema eléctrico.