INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria
inicio  Información  Preguntas frecuentes  Enerxía Solar Fotovoltaica

Enerxía Solar Fotovoltaica

Para que se utilizan as instalacións fotovoltaicas?

As instalacións fotovoltaicas utilízanse para transformar a radiación solar en enerxía eléctrica, que pode ser autoconsumida ou inxectada á rede. Por este motivo, as instalacións fotovoltaicas divídense en dous grandes clases:

  • Instalacións fotovoltaicas illadas, adicadas ao autoconsumo da electricidade xerada.
  • Instalacións fotovoltaicas conectadas á rede, adicadas á inxección á rede e venda da enerxía eléctrica.

Onde se poden colocar os paneis fotovoltaicos?

Os paneis fotovoltaicos poden colocarse tanto na cuberta dunha edificación coma sobre soportes no chan, seguedores solares, estructuras para dar sombra, etc. Non obstante, aconséllase buscar a maior integración posible co entorno.

Canto ocupa unha instalación fotovoltaica?

Un quilovatio pico (kWp) necesita unha superficie de paneis fotovoltaicos entre 8 e 10 metros cadrados. No caso de ter varias filas de paneis, deberanse evitar as sombras, polo que a superficie ocupada real necesaria no chan ou na cuberta pode ser superior á superficie de paneis.

Por que se necesitan baterías nunha instalación fotovoltaica illada?

En xeral, son necesarias as baterías nas instalacións illadas para poder dispoñer de electricidade incluso cando a radiación solar é baixa ou nula (de noite). Excepcionalmente, podería existir algún sistema no que non fosen necesarias as baterías, como sistemas de bombeo de auga, pero unicamente se disporía de electricidade nos momentos en que a radiación solar fose suficiente.

Cal é a produción dunha instalación fotovoltaica en Galicia?

De forma xeral, as horas pico equivalentes dunha instalación solar con paneis fixos en Galicia se atopan entre 1.000 (norte de Galicia) e 1.250 (sur de Galicia).

Isto quere dicir que unha instalación fotovoltaica de 1 kWp instalado produciría anualmente 1.000 kWh no norte de Galicia e 1.250 kWh no sur de Galicia.

No caso de utilizar seguedores solares, esta produción pode aumentar ata un 30%.

Estes datos deben tomarse como estimacións, xa que os valores finais dependerán do tipo de equipos utilizados, orientación, inclinación, sombras, perdas, etc.

Canto custa unha instalación fotovoltaica?

O custo das instalacións fotovoltaicas varía en función do tipo de instalación, principalmente pola necesidade das baterías nas instalacións illadas.

Para instalacións fotovoltaicas illadas este custo é de 12.000 a 14.000 euros por kWp instalado, mentres que para instalacións fotovoltaicas conectadas a rede é de 5.500 a 7.500 euros por kWp instalado, en función do tamaño, equipos, facilidade da execución, etc.

¿Teño garantido o prezo de venda da electricidade xerada coa instalación fotovoltaica conectada á rede?

Segundo a lexislación vixente, o prezo de venda da electricidade xerada cunha instalación fotovoltaica é a seguinte:

· Instalacións de ata 100 kW: 575% da tarifa eléctrica media durante os 25 primeiros anos dende a posta en marcha e 460% a partir de entón.

· Instalacións de máis de 100 kW: 300% da tarifa eléctrica media durante os 25 primeiros anos dende a posta en marcha e 240% a partir de entón (co modelo de tarifa fixa).

Non obstante, as dúas últimas modificacións da tarifa eléctrica media (xullo 2006 e xaneiro 2007) non se teñen en conta no prezo de venda da electricidade no réxime especial e, por outro lado, proximamente publicarase un novo Real Decreto que modificará a normativa da retribución do réxime especial.

É rendible unha instalación fotovoltaica?

As instalacións illadas pode considerarse rendibles naquelas zonas nas que non hai posibilidade, ou é moi custoso, levar as liñas eléctricas convencionais.

As instalacións fotovoltaicas conectadas á rede posúen períodos de retorno que se atopan entre 9 e 12 anos en Galicia, dependendo do emprazamento, os equipos utilizados, presencia dun sistema de seguemento,...

¿Existen subvencións para as instalacións fotovoltaicas illadas?

Si, as instalacións illadas reciben unha elevada porcentaxe de axuda con respecto ao investimento cando se considera obxectivamente que son necesarias para ter subministración eléctrica.

¿Existen subvencións para as instalacións fotovoltaicas conectadas á rede?

Si, aínda que as porcentaxes de subvención son bastante reducidas e incluso nulas para instalacións de tamaño medio ou alto. Neste sentido, convén lembrar que o prezo de venda da electricidade fotovoltaica é moi superior ao prezo medio da electricidade no mercado, o que é un mecanismo de axuda pública imprescindible para garantir a viabilidade económica das instalacións.

¿Cales son os pasos a seguir para construir unha instalación fotovoltaica conectada á rede?

Existen dous aspectos principais que poden condicionar a posibilidade de implantar unha instalación fotovoltaica conectada a rede: a interconexión eléctrica e a licenza urbanística.

Polo tanto, as dúas primeiras accións a realizar son a solicitude do punto de conexión á compañía eléctrica distribuidora da zona, e a licenza de obras ao Concello.

Posteriormente, será necesario solicitar a autorización administrativa, así como a solicitude de inscrición provisoria no Réxime Especial (Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria) para, unha vez outorgadas, comenzar a montaxe da instalación.

Unha vez finalizada a execución, deberase presentar a certificación da instalación de baixa tensión na D.P. da Consellería de Innovación e Industria, asinar o contrato de compravenda coa compañía eléctrica distribuidora, solicitar a inscrición definitiva no Réxime especial e solicitar a posta en marcha da instalación.

Cal é a normativa aplicable nas instalacións solares fotovoltaicas?

Ademais da normativa básica do Sector Eléctrico, cómpre ter en conta principalmente o Real Decreto 436/2004 (marco retributivo), o Regulamento Electrotécnico de Baixa Tensión, o Real Decreto 1663/2000 (conexión de instalacións fotovoltaicas á rede de baixa tensión), así como a Resolución do 31 de maio de 2001, da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, que establece o modelo de contrato compravenda e factura tipo para instalacións fotovoltaicas.

Como podo coñecer a instalación solar fotovoltaica illada que necesito ou a instalación conectada á rede que podo instalar?

Tendo en conta que é necesario realizar un estudo técnico das necesidades para as instalacións illadas, ou das posibilidades e produción das instalacións conectadas á rede, é conveniente poñerse en contacto con algún instalador de enerxía solar fotovoltaica para deseñar o sistema idóneo e confeccionar o presuposto da instalación.

Como afecta o Código Técnico da Edificación ás instalacións solares fotovoltaicas?

O Código Técnico da Edificación (CTE) determina a obligación de implantar instalacións fotovoltaicas nas novas edificacións adicadas a certos usos (hipermercados, naves industriais, hoteis, hospitais, edificios administrativos,...). Segundo o tamaño da edificación e o seu emprazamento establécense unha potencia mínima fotovoltaica para a instalación.