INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria
inicio  Información  Preguntas frecuentes  Enerxía Solar Térmica

Enerxía Solar Térmica

Para que se utilizan as instalacións solares térmicas?

As instalacións solares térmicas permiten quentar fluídos, normalmente auga, polo que se utilizan naquelas aplicacións nas que é necesario dispoñer de auga a temperatura superior á ambiente: produción de auga quente sanitaria, apoio á calefacción, climatización de piscinas e procesos industriais.

Cales son os tipos de instalacións solares térmicas?

Dentro das instalacións solares térmicas distínguense normalmente tres tipos:

  • Instalacións de baixa temperatura (permiten quentar fluídos ata 80 ºC aproximadamente).
  • Instalacións de media temperatura (permiten quentar fluídos ata 250 ºC aproximadamente).
  • Instalacións de alta temperatura (permiten quentar fluídos e xerar vapor a temperaturas de máis de 1.000 ºC), habitualmente chadadas solares termoeléctricas, xa que adoitan ser dedicadas á producción de electricidade.

Cantos paneis solares se necesitan para xerar auga quente na miña casa?

Nunha vivenda de consumo medio de auga quente (4 persoas), con dous paneis térmicos (entre 3 e catro metros cadrados de superficie de captación), normalmente é suficiente para cubrir entre o 60 e o 70% das necesidades enerxéticas anuais para a súa producción. O resto do aporte, ata chegar ao 100%, deberá ser proporcionado por unha instalación auxiliar (caldeiras de biomasa, gas, gasóleo, termoacumulador, bomba de calor,...).

Por que non interesa cubrir o 100% das necesidades enerxéticas de auga quente sanitaria coa instalación solar térmica?

Non compensa tratar de cubrir o 100% das necesidades enerxéticas para a producción de auga quente sanitaria xa que necesitaríase unha instalación demasiado grande para abastecer o consumo cando a radiación é menor (no inverno) e, sen embargo, existiría unha produción demasiado elevada no verán que non se aproveitaría. Polo tanto, o investimento inicial sería moito maior e non repercutiría dunha forma proporcional no aforro enerxético obtido.

Pódese utilizar a enerxía solar térmica para a calefacción?

Efectivamente, as instalacións solares térmicas poden utilizarse para apoiar ao sistema de calefacción. Sen embargo, esta é unha aplicación menos rendible que a produción de auga quente, xa que nos momentos en que existe un maior aporte solar (verán) non é necesaria a calefacción, e viceversa, nos momentos de maior demanda de calefacción (inverno), o aporte solar será menor.

Por outra banda, a aplicación da enerxía solar térmica á calefacción necesita que este último sistema sexa de baixa temperatura (chan radiante, radiadores de baixa temperatura, fan-coils), non sendo aconsellable para outros sistemas nos que é necesario dispoñer de temperaturas da auga moi elevadas.

Cantos paneis solares se necesitan para o apoio da calefacción nunha vivenda?

O apoio á calefacción dunha instalación solar dependerá esencialmente das necesidades enerxéticas da vivenda (que dependen da orientación, illamento, ...) e do sistema de calefacción utilizado.

Como dato aproximado, pódese considerar que cunha superficie de paneis térmicos dun metro cadrado por cada 10 metros cadrados de superficie a calefactar, reducirase entre un 20 e un 35% o consumo enerxético da calefacción considerando un sistema de calefacción de baixa temperatura.

Canto custa unha instalación solar térmica?

O custo dunha instalación solar térmica depende do seu tamaño, a facilidade na súa execución, a calidade dos equipos utilizados, etc.

Como referencia, o custo dunha instalación solar térmica atópase no rango dos 600 aos 1.000 euros por cada metro cadrado de captación para instalacións con paneis planos, e no rango dos 900 aos 1.400 euros por cada metro cadrado de captación para instalacións con tubos de baleiro.

Existen subvencións para as instalacións solares térmicas?

Existe unha liña de subvencións a fondo perdido para o fomento das enerxías renovables. Esta convocatoria publícase anualmente, e permite obter axudas de ata un 40%, aproximadamente, do investimento necesario para a execución dunha instalación solar térmica (a porcentaxe final dependerá do tipo de sistema, o número de solicitudes e a partida orzamentaria de cada ano).

Cal é a normativa aplicable nas instalacións solares térmicas?

Na execución dunha instalación solar térmica será necesario cumprir o establecido no Regulamento de Instalacións Térmicas en Edificios, o Real Decreto 865/2003 (prevención e control da lexionelose), o Código Técnico da Edificación (CTE).

Como afecta o Código Técnico da Edificación ás instalacións solares térmicas?

O Código Técnico da Edificación (CTE) determina a obligación para as novas edificacións de cubrir unha porcentaxe do consumo enerxético necesario para a producción de auga quente sanitaria mediante instalacións solares térmicas. Esta porcentaxe depende da zona onde se atopa a vivenda e do consumo diario de auga quente (as porcentaxes obrigatorias están entre o 30 e o 70%).

Como podo coñecer a instalación solar térmica que necesito?

Tendo en conta que é necesario realizar un estudo técnico das necesidades e do sistema actual de auga quente (e calefacción, no seu caso), é conveniente poñerse en contacto con algún instalador de enerxía solar térmica para deseñar o sistema idóneo e confeccionar o presuposto da instalación.