INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O DIRECTOR DO INEGA, JUAN J. ÁLVAREZ CARRIL AFIRMA EN PONTEVEDRA QUE POR PRIMEIRA VEZ "O GOBERNO GALEGO FAI UNHA APOSTA INTEGRAL POLA BIOMASA".

04/04/2008

O director do Instituto Enerxético de Galicia, Juan Álvarez Carril afirmou en Pontevedra que por primeira vez "o Goberno galego fai unha aposta integral pola biomasa" como elemento estratéxico da xestión forestal e ambiental, da política enerxética, da planificación económica e do equilibrio social e territorial.

Álvarez Carril na súa intervención na Xornada de Medio Ambiente celebrada na cidade de Pontevedra reiterou que é necesario o establecemento dun "modelo propio de aproveitamento enerxético dos residuos forestais que sexa economicamente viable, tecnoloxicamente avanzado e compatible coas actividades tradicionais da industria madeireira", deste xeito -dixo- Galiza será a vangarda da produción enerxética a partir da biomasa forestal primaria.

Por outra banda, tamén se referiu as novas tecnoloxías neste sector destacando a experiencia das tradicionais aplicacións térmicas, explorando ao máximo as posibilidades que ofrecen as aplicacións eléctricas e mixtas.

A Realización de estudos de avaliación do potencial do recurso en Galiza de cara a súa valorización estratéxica e a identificación das zonas de interese para o aproveitamento da biomasa forestal primaria e industrial deben ser prioritarios para acadar un desenvolvemento completo do Plan integral da Biomasa en Galicia garantindo a transversalidade e a coordinación de todos os actores.

Asemade, Álvarez Carril salientou algunhas das liñas nas que cumpre traballar para tirar o máximo rendemento na utilización da biomasa galega, "a potenciación dos procesos de mecanización nas explotacións forestais para garantir a viabilidade da extracción e o abastecemento de residuos forestais, a creación dun mercado galego de biomasa, a xeración de enerxía térmica e eléctrica e o fomento das instalacións de calefacción alimentadas con caldeiras de biomasa" son -ao seu xuízo- as medidas necesarias para "optimizar o uso da biomasa galega".

Neste sentido avanzou que xa existe unha liña de colaboración entre a Consellería de Innovación e Industria e a Consellería do Medio Rural co obxecto de optimizar o uso enerxético da biomasa forestal en Galiza, de acordo coas estratexias e obxectivos tanto da política enerxética como de desenvolvemento rural.

Finalmente, o director do Instituto Enerxético de Galicia, Juan J. Álvarez Carril amosou o apoio á instalación, de polo menos 7 centros de produción enerxética da biomasa forestal primaria, en áreas estratéxicas previamente definidas en función da potencialidade do recurso e da loxística de subministración.