INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O INEGA DISPÓN DUNHA NOVA PÁXINA WEB CON NOVOS CONTIDOS E MAIOR ACCESIBILIDADE.

07/04/2008

O Instituto Enerxético de Galicia, dependente da Consellaría de Innovación e Industria, pretende con este cambio ofrecer aos usuarios a información que soliciten de forma directa e rápida.

O Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) vén de poñer en marcha a súa nova páxina web na que introduce novos contidos e información máis ampliada do sector enerxético en Galiza.

Con este cambio, o INEGA quere facer chegar a todos os usuarios os datos e liñas de traballo nos que na actualidade desempeña a súa función este organismo dependente da Consellaría de Innovación e Industria.

A interface é máis fácil de manexar para todas as persoas que desexen entrar na nova páxina do INEGA, que segue mantendo o mesmo enderezo: www.inega.es. Asemade, introduciuse unha guía de consellos prácticos para o aforro e eficiencia enerxética. As publicacións realizadas polo Instituto Enerxético de Galicia poderán ser descargadas en formato PDF de maneira rápida e sinxela. A exposición itinerante "Un mundo de Enerxía" tamén conta co seu propio espazo na nova páxina onde se poderán consultar os lugares e horarios nos que estará aberta ao público nas diferentes cidades galegas.

Como grande novidade, o INEGA quere destacar a posibilidade coa que contarán a partir de agora os usuarios que se inscriban nun curso formativo porque recibirán por correo electrónico boletíns e información relativa a novos cursos organizados polo Instituto Enerxético de Galicia.

A nova páxina tamén conta cun apartado de "ligazóns" con outros organismos o que permitirá unha canle de información máis completa e rápida para os usuarios.

O dossier de prensa, no que se recollen todas as noticias do sector enerxético, as campañas divulgativas do INEGA e os datos enerxéticos aportados mensualmente polo Sistema informático de captación e procesamento dos datos de produción enerxética de Galiza "Sicapde", ocuparán un lugar preferente na portada da nova páxina.

Con este cambio na súa páxina web, o INEGA agarda que as persoas que se acercan a ela poidan resolver todas as dúbidas e recibir a información precisa e necesaria en cada momento.