INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

GALICIA IMPULSARÁ AS PILAS DE COMBUSTIBLE E HIDRÓXENO NO 2010-2020

15/04/2008

A Consellería de Innovación e Industria a través da Dirección Xeral de Industria e Minas e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), vén de integrarse na Alianza de Rexións e Municipios Europeos sobre o Hidróxeno e Pilas de Combustible (HyRaMP).Bruxelas, 14 de abril de 2008. A Consellería de Innovación e Industria a través da Dirección Xeral de Industria e Minas e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), vén de integrarse na Alianza de Rexións e Municipios Europeos sobre o Hidróxeno e Pilas de Combustible (HyRaMP).

A Alianza de Rexións e Municipios Europeos sobre o Hidróxeno (HyRaMP) constituída no Parlamento Europeo impulsará a utilización do hidróxeno como combustible e proxectos de investigación nas comunidades de Galicia, Cataluña, Madrid, Aragón e Castela-A Mancha.

Os integrantes desta alianza, que conta co apoio da Comisión europea e da Asociación Europea do Hidróxeno, formarán parte da iniciativa tecnolóxica conxunta denominada JTI, propiciada pola Unión Europea para que no período 2010-2020 se converta en realidade o uso das pilas de combustible e hidróxeno no mercado do automóbil.

No acto de constitución da HyRaMP, o Director Xeral de Industria, Enerxía e Minas, Anxo Calvo Silvosa, acompañado polo Director do Instituto Enerxético de Galicia, Juan J.Álvarez Carril, afirmou que "dende hai tempo a Consellería de Innovación e Industria vén desenvolvendo diversas actividades a prol de conseguir que o hidróxeno sexa unha alternativa real, económica, respectuosa co medio ambiente e sustentable nun contexto enerxético como o actual".

Pola súa parte, o director do INEGA, Juan Álvarez Carril salientou que a demanda enerxética medra a uns ritmos cada vez maiores e as fontes tradicionais de enerxía (petróleo , carbón, gas...) son limitadas e están localizadas en puntos xeográficos de grande inestabilidade política, o que fai necesario atopar "novas formas de transformación enerxética" que diminúan a dependencia exterior e permitan un desenvolvemento sostible.

Finalmente, Anxo Calvo referiuse a instalación experimental para a produción de hidroxeno que vén de poñer en funcionamento a Consellería de Innovación e Industria no Parque Eólico Experimental Sotavento, parque eólico promovido pola Xunta de Galicia que coordina a iniciativa privada e a pública.

O Parque Sotavento -dixo- é o lugar ideal para esta instalación, xa que unha das súas finalidades é acoller actividades de I+D e ser un centro de formación e divulgación das enerxías renovables. Polas súas instalacións, situadas nos termos municipais de Xermade (Lugo) e Monfero (A Coruña), pasan cada ano máis de 20.000 visitantes para coñecer de cerca o mundo das enerxías renovables e dos últimos avances tecnolóxicos como é este proxecto de H2, entre outros que se desenvolven nas súas instalacións.