INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

Santiago de Compostela, Maceda, Laxe, Meaño e Monterroso aforrarán ata o 5% de enerxía co proxecto europeo EnerinTown, posto en marcha polo Inega.

04/08/2008

A fase final do proxecto céntrase en facer aforros, estimados nun mínimo de ata o 5% nos edificios municipais, utilizando os datos facilitados polos equipos de vixilancia.

Santiago de Compostela, 4 de Agosto de 2008. O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), vén participando dende o ano 2006, ata a actualidade, no proxecto europeo EnerinTown. Este proxecto, no que tamén están presentes diferentes organizacións de España, Italia, Irlanda, Portugal, Francia, Lituania, Alemaña e Grecia, ten por obxecto o deseño e posta en marcha dun sistema de monitorización dos consumos enerxéticos das instalacións municipais a través da internet.

Entre outras liñas de traballo, o proxecto aborda a necesidade de establecer un maior control sobre o consumo enerxético municipal nos edificios propiedade dos concellos. Para isto, partiuse da proposta dunha solución que permita eliminar dúas das barreiras existentes: a falta de coñecemento detallado sobre as cifras de consumo e a falta de persoal cualificado, coa intención de propoñer accións de mellora no aforro de enerxía.

Este proxecto centrouse exclusivamente nos edificios públicos, que actuaron como proxectos piloto onde os posibles erros poden ser identificados e emendados. O proxecto levouse a cabo en colaboración con autoridades municipais de toda Europa, interesadas nunha mellor xestión da enerxía nos edificios públicos e centros de consumo.

No noso país, o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), vén desenvolvendo dende o ano 2006 diferentes actividades centradas na materialización deste proxecto europeo destinado ao aforro de enerxía nos centros públicos.

Nun primeiro momento, O Inega foi o responsable da elaboración do modelo de convenio asinado coas autoridades municipais seleccionadas por cada un dos socios e a sinatura dos convenios de colaboración cos concellos que participarán no proxecto: Santiago de Compostela, Maceda, Meaño, Laxe e Monterroso, así como a organización nas dependencias no propio INEGA do Curso de Xestor Enerxético Municipal para os técnicos dos concellos que participan no devandito proxecto.

Asemade, o Instituto Enerxético de Galicia elaborou a guía para o deseño e construción de edificios empregando criterios enerxéticos. A guía dará axuda e orientación ós xestores locais na adquisición de equipos e deseño de propiedades, utilizando criterios baseados na eficiencia enerxética e o uso de recursos renovables.

O Inega, tamén encargouse da instalación dos equipos de medida dos consumos de enerxía eléctrica e térmica nos doce centros municipais, conexión dos equipos á rede e monitorización dos consumos a través internet. Ademais procedeuse a instalación de paneis informativos nos centros.

Por outra banda, o Instituto Enerxético de Galicia realizou o deseño dunha base de datos que recolle as cen instalacións municipais monitorizadas por todos os socios do proxecto, a revisión dos programas informáticos do Sistema SICAPDE (Sistema Informático de Captación e Procesamento de Datos Enerxéticos de Galicia, operado polo INEGA dende o ano 2004) para permitir a conexión cos equipos de medida das dependencias municipais e o seguimento dos consumos enerxéticos a través da internet.

Finalmente, ofreceranse tamén os resultados de avaliación do proxecto para obter mais información sobre o proxecto e os seus resultados pódense consultar na páxina web: www.enerintown.org.