INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

INNOVACIÓN E INDUSTRIA PON EN MARCHA POR TERCEIRO ANO O PLAN RENOVE DE ELECTRODOMÉSTICOS CUN INCREMENTO ORZAMENTARIO DO 12,5%.

25/08/2008

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, presentou a edición de 2008 do Plan Renove, dotado dun orzamento de 4,5 millóns de euros.

A Consellaría amplía as axudas á substitución de electrodomésticos por outros eficientes a fornos e placas de cociña de indución e de gas.

Este ano preténdese subvencionar a renovación duns 50.000 aparatos, o que inducirá un aforro enerxético equivalente ao consumo eléctrico anual de 7.170 familias.

Santiago de Compostela, 25 de Agosto de 2008. A Consellaría de Innovación e Industria pon en marcha unha nova convocatoria do Plan Renove de Electrodomésticos cun orzamento total de 4,5 millóns de euros, medio millón máis que na edición de 2007 e 1,4 millóns máis que os destinados ao plan en 2006.

O conselleiro de Innovación e Industria, o nacionalista Fernando Blanco, acompañado polo director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Anxo Calvo, e polo director do Inega, Juan Álvarez, presentou esta mañá o Plan, que este ano renova os obxectivos de reducir o consumo de enerxía eléctrica no sector doméstico por medio da substitución de electrodomésticos antigos por equipos enerxeticamente máis eficientes. Todos os galegos e galegas que fagan este cambio de electrodomésticos poden obter axudas do plan, que entra en vigor o 15 de setembro e remata co esgotamento dos fondos.

Segundo explicou Fernando Blanco, o Plan Renove 2008 amplía o abano de electrodomésticos subvencionábeis. Así, se ata o de agora se apoiaba a substitución de lavadoras, lavalouzas e frigoríficos combi, este ano tamén será obxecto de axuda a renovación de fornos eléctricos e placas de cociña de indución e de gas. A contía das subvencións varía entre os 50 e os 125 euros, en función do electrodoméstico do que se trate e da súa clasificación enerxética, valorándose máis a maior eficiencia. O conselleiro destacou o incremento da contía no caso dos frigoríficos, conxeladores e combis de categoría A+ e A++ en 10 e 20 euros respectivamente. En calquera caso, a porcentaxe de subvención non poderá exceder do 25% do custe do aparato.


Adhesión dos comerciantes

O titular nacionalista informou de que mañá martes 26 de agosto se abre o prazo para que os comerciantes interesados soliciten a súa adhesión ao Plan Renove, para o cal teñen que cubrir os formularios dispoñíbeis na páxina web do Inega (www.inega.es). Este ano existirán dúas modalidades de adhesión, unha simplificada para a renovación de establecementos que xa estiveran acollidos ó Plan Renove 2007 e outra alternativa para os novos comercios. Esta última modalidade poderá solicitarse desde hoxe ata o esgotamento dos fondos, mentres que a opción simplificada deberá solicitarse no periodo comprendido entre o 28 de agosto e o 12 de setembro. O Inega comunicará aos comerciantes a aceptación enviándolles as claves necesarias para o acceso á aplicación web.


Obtención da axuda

O proceso para obter as axudas é sinxelo. Coma en edicións anteriores, o usuario só terá que achegarse a un establecemento adherido ao Plan e mercar un dos electrodomésticos citados con eficiencia enerxética clase A ou superior, a un prezo que xa inclúe a minoración do importe da axuda. A continuación, o comerciante cumprimentará o formulario de solicitude que terá ao seu dispor na páxina web do Inega e que asinará o comprador. A relación posterior unicamente se establece entre o Inega e o establecemento comercial, que se compromete a enviar o antigo equipo para a súa recliclaxe e a tramitar no INEGA as solicitudes realizadas a mes vencido coa correspondente documentación para o pagamento do seu importe total por parte do Instituto.


Aforro enerxético

Dende que comezou a súa execución en 2006, o Plan Renove de Electrodomésticos permitiu xa a substitución de máis de 87.000 electrodomésticos vellos por outros de maior eficiencia, estimándose o aforro enerxético desta medida en 37.000 MWh/ano. A Consellaría de Innovación e Industria pretende, coa convocatoria de 2008, conseguir a substitución duns 50.000 aparatos, o que significará un aforro de 23.662 MWh/ano, equivalente ao consumo eléctrico anual de 7.170 familias.

Ademais, Fernando Blanco destacou que as axudas do Plan Renove 2008 incidirán na capacidade de compra das familias e permitirán mobilizar investimentos por importe de 18 millóns de euros, unha cantidade de recursos que segundo o titular nacionalista repercutirá positivamente na actividade comercial ao reactivar o consumo, circunstancia que o conselleiro considerou primordial na actual conxuntura de crise económica.

Ligazón á páxina web do Plan Renove 2008:PLAN RENOVE INEGA