INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

INNOVACIÓN E INDUSTRIA PON EN MARCHA O PRIMEIRO PLAN RENOVE DE FIESTRAS E UNHA NOVA EDICIÓN DO PLAN DE VEHÍCULOS EFICIENTES.

29/12/2008

Fernando Blanco presentou hoxe as dúas iniciativas enmarcadas no ámbito do aforro e a eficiencia enerxéticos.

A Consellaría destina este ano 720.000 euros ao Plan de Vehículos Eficientes, case 4 veces máis que na edición anterior, e abre o Plan Renove de Fiestras con 500.000 euros que ascenderán a 1,5 millóns na vindeira campaña.
Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2008. O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, presentou hoxe as dúas novas medidas postas en marcha polo seu departamento, a través do Inega, no ámbito do aforro e a eficiencia enerxéticos. Segundo explicou o conselleiro nacionalista trátase, por unha banda, do Plan de Vehículos Eficientes e, por outra, do novidoso Plan para renovar a envolvente térmica dos edificios.

Co primeiro deles, o departamento autonómico pretende contribuír á modernización do parque automobilístico galego e aproveitar a maior eficiencia enerxética dos novos vehículos que se alimentan con combustibles alternativos aos convencionais de gasolina e gasóleo. Este menor consumo enerxético estímase que suporá un aforro de 112 toneladas equivalentes de petróleo ao ano. Esta liña de axudas está destinada á compra de vehículos novos de propulsión eléctrica ou híbrida (é dicir, con capacidade de tracción ao 100% mediante baterías) ou os vehículos alimentados con gas natural, Gases Licuados do Petróleo (GLP) ou hidróxeno, estas últimas variedades novidosas respecto do plan do ano pasado.

Tamén destaca como novidade este ano que o Plan subvenciona igualmente as adquisicións de motocicletas con capacidade de tracción eléctrica ao 100% e a transformación de vehículos matriculados, novos ou usados, a GLP. Serán beneficiarios das axudas todas as persoas físicas ou xurídicas radicadas en Galiza e ademais admítense os sistemas de financiamento de renting, leasing ou outros sistemas de arrendamento financeiro para estes vehículos eficientes. O orzamento total do plan acada os 720.000 euros, case 4 veces máis que o ano pasado, no que se subvencionou a adquisición de preto dun cento de vehículos.

A contía da subvención dependerá do tipo de vehículo e terá un máximo do 15% do prezo de mercado do mesmo. Para os novos turismos de propulsión eléctrica, hidróxeno ou de pilas de combustible a subvención será de até 6.000 euros; de 2.000 euros no caso dos vehículos de propulsión híbrida e os alimentados con gas natural e GLP; de 750 euros para as motos eléctricas, de hidróxeno ou con pila de combustible; e de 450 euros para a transformación de vehículos a GLP con posterioridade á súa matriculación. Poderán tomar parte do plan –que estará vixente até o 30 de agosto de 2009 ou remate dos fondos asignados– todos os concesionarios que operen en Galiza e que comercialicen vehículos eficientes, así como todos os talleres autorizados para realizar transformacións de vehículos a GLP.

Por outra banda, Innovación e Industria pon en marcha o primeiro Plan Renove de Fiestras, que está destinado á rehabilitación da envolvente térmica das edificacións. Esta liña subvenciona a rehabilitación dos ocos acristalados das fachadas, tanto os marcos como os seus acristalamentos, coa fin de mellor a eficiencia enerxética do edificio. Deste xeito subvencionaranse as novas fiestras ou portas-fiestras que separen estanzas calefactadas do exterior e cumpran requisitos como dispoñer de marcado CE, ter dobre acristalamento con cámara de 6 mm. ou superior; ser de carpintería de madeira, PVC ou metálica con rotura de ponte térmica de cando menos 4 mm. e que se substitúa unha fiestra de igual tamaño.

As axudas serán de 100 euros por metro cadrado de fiestra, non podendo superar o 25% do custo total da obra nin os 6.000 euros por vivenda unifamiliar. O Plan subvencionará as renovacións de fiestras dende o 1 de febreiro de 2009 até o 30 de xullo ou o remate dos fondos, e contará nesta primeira fase cun orzamento de 500.000 euros que, segundo anunciou Fernando Blanco, ascenderá a 1,5 millóns na vindeira campaña. Poderanse adherir ao programa todos aqueles instaladores ou empresas de vendan de fiestras que o desexen, mediante o protocolo de adhesión dispoñible na web do Inega. Co orzamento de 500.000 euros deste ano estímase que cando menos 500 familias poderán aforrar o 30% do seu consumo anual en calefacción.

Para máis información prema nos seguintes enlaces:

 Documentos de descarga

  1. Descargar Información Xeral dos Plans [PPS]