INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O DIRECTOR DO INEGA INAUGUROU O PARQUE EÓLICO CASA EN VILALBA-GUITIRIZ (LUGO)

16/06/2008

Coa instalación de 13 grandes aeroxeradores, este parque producirá preto de 30 MW de enerxía eléctrica, a partir do vento.

Santiago de Compostela, 17 de Xuño de 2008. O director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Juan Álvarez Carril inaugurou o parque eólico "Casa", propiedade de Enel-Fenosa nun acto ao que asistiron os máximos representantes da empresa eléctrica, o delegado de Industria para a provincia de Lugo, Ramón Jesús Cortés, o alcalde de Vilalba e a tenente de alcalde de Guitiriz.

O director do Inega afirmou que a Consellaría de Innovación e Industria rematou de implantar nestes últimos meses o novo modelo de aproveitamento da enerxía eólica galega e que coa nova concepción da eólica pretendese reorientar a planificación e os procedementos administrativos para facer da enerxía un auténtico factor de progreso para Galicia. Neste sentido engadiu que "o novo modelo caracterízase por ser socialmente responsable, transparente, dinamizador da economía, orientado a unha xestión profesional e que valora a posibilidade de participación pública e dos veciños nos beneficios xerados. Ademais para a planificación das zonas de implantación de novos parques contémplanse as Áreas de Desenvolvemento Eólico, que son aquelas óptimas dende o punto de vista do vento".

Álvarez Carril reiterou que "Galicia dispón dun recurso eólico de calidade, un recurso de enerxía renovable que debe xerar riqueza para o conxunto da sociedade e que debemos asegurar para o futuro".

Ante a finalización do concurso eólico no que Consellería de Innovación e Industria adxudicará 2325 MW para o período 2008-2012 aos diferentes grupos económicos que os solicitaron, o director do Inega asegurou que "a actividade económica asociada aos futuros parques eólicos é moi grande e vai permitir un maior benestar social. Estimamos –dixo- que se van mobilizar uns investimentos directos e inducidos por preto de 5.500 M€, así como a creación de 3.000 novos postos de traballo até o 2012. Estamos pois ante unha medida de dinamización económica de fondo calado".

Asemade, o director do Inega asegurou que a Consellaría está a crear un escenario idóneo para que o sector das renovables se converta en estratéxico na economía galega e apostou polo desenvolvemento de proxectos de investigación e innovación tecnolóxica "que nos fagan ter vantaxes competitivas".

Para iso -dixo- "estamos a promover a constitución do Centro Tecnolóxico das Enerxías Renovables en Ourense e do Centro EnergyLab de Eficiencia e Sustentabilidade Enerxética en Vigo".

Finalmente, Juan Álvarez Carril fixo referencia ao último proxecto da Consellaría de Innovación e Industria que promoveu o pasado ano a constitución da Plataforma Tecnolóxica da Enerxía, que -ao seu xuízo- reúne a todos os axentes do sector para a posta en marcha de proxectos estratéxicos para o avance na investigación de tecnoloxías enerxéticas limpas e eficientes.