INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

INNOVACIÓN E INDUSTRIA INCREMENTA A DOTACIÓN ORZAMENTARIA DO PROGRAMA DE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA E ENERXÍAS RENOVÁBEIS ATA SUPERAR OS 27 MILLÓNS DE EUROS EN 2008.

04/03/2008

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, presentou as axudas do seu departamento a renovábeis e aforro e eficiencia enerxética, cuxos recursos multiplican por seis os existentes en 2005.

As axudas de aforro e eficiencia aumentan o seu orzamento o 30,8% respecto a 2007 e o 846% respecto a hai tres anos, mentres que as destinadas a renovábeis se incrementan un 33% sobre o ano pasado e un 167% sobre 2005.

O aforro enerxético que se logrará cos investimentos de 2008 equivale ao consumo anual de preto de 16.000 familias ou, en termos económicos, a 19,1 millóns de euros.

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, presentou esta mañá en Santiago, na véspera do Día Mundial do Aforro e Eficiencia Enerxética, o programa de axudas de aforro e eficiencia enerxética e enerxías renovábeis do seu departamento para este ano 2008. Segundo informou o titular nacionalista, en presenza do director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Anxo Calvo, e do novo director do INEGA, Juan Álvarez, os recursos de ambos conceptos increméntanse por riba do 30% con respecto aos destinados o pasado exercicio; un 846% sobre 2005 no caso das axudas a aforro e eficiencia e un 164%, tamén sobre 2005, no caso das enerxías renovábeis. En conxunto, en 2008 a Consellería de Innovación e Industria multiplica por seis os recursos de aforro, eficiencia e enerxías renovábeis existentes hai tres anos. O Instituto Enerxético de Galicia tramitará todas as liñas de axuda, que se convocarán mediante unha única orde, logo de que se centralizase a súa xestión no devandito organismo, por vez primeira, o pasado ano 2007.

Aforro e eficiencia enerxética

Cun orzamento de 22 millóns de euros, o programa de aforro e eficiencia enerxética da Consellaría de Innovación para 2008 pretende ampliar as subvencións tanto en número de beneficiarios coma no obxecto das axudas. A contía neste concepto varía entre porcentaxes do 10% e do 75% do importe total do investimento e, igual que o ano pasado, procúrase que a tramitación das axudas sexa o máis áxil posible, para o que se dispón da opción de tramitalas por medio da web do INEGA (www.inega.es). Segundo explicou Fernando Blanco, a maior parte do importe (14,9 millóns) destinarase a orzar as liñas de axuda de aforro e eficiencia, mentres que o resto permitirá sufragar actuacións de mobilidade e outras que xestionará o propio Instituto Enerxético de Galicia.

Fernando Blanco cifrou en 72.203 toneladas equivalentes de petróleo o aforro enerxético que se conseguirá cos investimentos en aforro e eficiencia de 2008, o equivalente ao consumo anual de 15.952 familias, que se traduce en termos económicos nun aforro de 19,1 millóns de euros. Dende 2005 o aforro económico acumulado inducido polos recursos da Consellería supera os 75 millóns de euros e, segundo dixo o conselleiro, en 2012 o aforro cifrarase en 202,6 millóns de euros só coas medidas desenvolvidas ata o momento actual, xa que as cantidades crecentes de aforro enerxético conseguidas cada ano teñen repercusión en anos seguintes.

O titular nacionalista explicou os contidos do programa de axudas do presente exercicio. Innovación e Industria apoiará proxectos de aforro e eficiencia e auditorías enerxéticas en industrias localizadas en Galicia, así como en empresas do sector servizos; plans de mobilidade urbana sostíbel en concellos e plans de transporte para empresas en centros de traballo. No referido á edificación, poderán recibir subvención persoas e empresas que desenvolvan proxectos de rehabilitación envolvente térmica, de mellora de instalacións térmicas e do alumeado interior das súas vivendas e instalacións así como novas instalacións térmicas de alta eficiencia.

Tamén dentro do programa de aforro e eficiencia, contémplanse axudas para proxectos de coxeración, neste caso para auditorías, estudos de viabilidade e proxectos de coxeración non industrial en empresas do sector servizos. Por primeira vez este ano fomentarase o aforro e a eficiencia enerxética no sector pesqueiro, con subvencións para a elaboración de auditorías enerxéticas para buques de pesca, que poden acadar o 70% do total do investimento. Pola súa parte, os concellos poderán conseguir apoios de ata o 40% para proxectos de renovación do alumeado público e para novas instalacións que sigan criterios de eficiencia enerxética.

As liñas de aforro e eficiencia abranguen un ano máis o Plan Renove de Electrodomésticos e o Plan de Vehículos Eficientes, que contarán cun orzamento de 4,5 millóns de euros no caso do primeiro (un 10% máis que o ano pasado); e de 400.000 euros no caso do segundo, dobrando en presuposto con respecto a 2007.

Enerxías renovábeis

O outro grupo de axudas presentado hoxe por Fernando Blanco é o que ten por obxecto as enerxías renovábeis. A dotación presupostaria que presenta o pulo á solar, á biomasa e ás outras renovábeis chega este ano a 5,35 millóns de euros. Os maiores importes dentro destas axudas son os destinados á implantación de solar térmica (2,2 millóns de euros) e a biomasa (2,49 millóns).

A solar térmica contará con axudas para a súa instalación nos casos nos que non sexa de execución obrigada por mor do novo Código Técnico da Edificación. Tanto as administracións públicas coma os particulares e empresas acadarán un 35% de axuda do investimento neste tipo de instalacións. No caso da enerxía solar fotovoltaica, subvencionaranse ata un 15% dos proxectos cando se contemple a súa conexión á rede, e de ata o 40% cando sexan instalacións illadas. Para outro tipo de renovábeis, como aeroxeradores de baixa potencia para autoconsumo ou microturbinas, a subvención tamén pode chegar ao 40% de axuda cun límite máximo de 10.000 euros.

As caldeiras de biomasa, pola súa banda, contarán co 30% de axuda, ben sexan para uso doméstico, agrario ou industrial. En canto á xeración de calor e electricidade mediante procesos de gasificación de biogás, a axuda será do 15% cun máximo de 120.000 euros por proxecto, sempre e cando a potencia sexa inferior a 500 kW.

O conselleiro de Innovación e Industria recordou, por último, que os dous grupos de axudas presentados redundarán nun maior emprego das enerxías renovábeis e nun maior aforro e eficiencia enerxética, obxectivos encadrados no Plan Enerxético 2007-2012 elaborado pola Consellaría, dentro da Estratexia Energos. Consonte os obxectivos desta estratexia, as liñas de axuda de aforro, eficiencia e renovábeis contribuirán a conseguir que o 95% da enerxía eléctrica consumida en Galiza proveña de fontes renovábeis, reducíndose do 3% ao 2% a taxa de incremento da demanda do noso país.