INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

INNOVACIÓN E INDUSTRIA ACHEGARÁ PRETO DE 40.000 EUROS PARA A POSTA EN MARCHA EN SANTIAGO O PROGRAMA DE AFORRO ENERXÉTICO E DO CONSUMO DE AUGA NO FOGAR, "FOGARES VERDES"

26/03/2008

O acordo, que foi asinado hoxe con ADEGA e a Concellaría de Medio Ambiente do Concello de Santiago, ten por obxectivo fomentar o aforro enerxético en vivendas unifamiliares.

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco; a presidenta da Asociación Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Adela Figueroa, e a concelleira de Medio Ambiente do Concello de Santiago, Elvira Cienfuegos, asinaron na mañá de hoxe un convenio de colaboración mediante o cal se porá en marcha o marco de actuacións para a realización do programa "Fogares Verdes. Programa de aforro enerxético e do consumo de auga no fogar". Para o correcto desenvolvemento deste programa, a Consellaría de Innovación e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), achegará un total de 38.870 euros.

Este proxecto ten por obxectivo fundamental o fomento do aforro enerxético en vivendas unifamiliares, nas que se contribuiría á redución das emisións do CO2 nun 5,2% e o consumo de auga entre un 6 e un 10%. Ao abeiro desta iniciativa, 50 fogares do Concello de Santiago participarán no desenvolvemento de actuacións en materia de aforro enerxético, priorizando aqueles nos que se leven a cabo actividades de compostaxe caseiras e, por outra banda, teñan manifestado a súa dispoñibilidade para eventuais futuras actividades.

"Fogares Verdes" estará dividido en tres niveis de participación, en función do grao de implicación dos participantes. A primeira delas, denominada "Coñecer o gasto do teu fogar", na que os educadores que colaboran neste proxecto realizarán unha pequena ecoauditoría do fogar, mediante a que se poderán introducir cambios no comportamento de cara a un aforro de enerxía e auga, sen ter que adquirir sistemas economizadores.

O segundo nivel de actuación deste proxecto e no que os participantes terán que facer unha pequena inversión xa que, asesorados polos educadores cos que conta esta iniciativa, contarán cun pacote no que aparecerán sistemas de aforro de baixo custe como poden ser os perolizadores e difusores de auga ou as lámpadas de baixo consumo.

O último nivel de intervención será o que máis implicación por parte dos participantes requirirá. Esta fase necesitará dun cambio de hábitos amais dun gasto económico encamiñado a realizar un aforro eficiente como pode ser obras de illamento, instalacións de placas solares, troco e electrodomésticos ou cambios do sistema de rega. Para iso, serán puntualmente informados sobre as subvencións do INEGA que lles poidan ser de interese.