INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O INEGA PRESTARÁ ASESORAMENTO TÉCNICO PARA CONVERTIR CIUDAD LIBERTAD NUNHA CIDADE ENERXETICAMENTE EFICIENTE.

28/05/2008

A Habana, 28 de Maio de 2008.

O director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Juan J. Álvarez Carril foi recibido na Habana pola Viceministra do Ministerio de Educación, Victoria Arencibía Sosa, tralo acto de inauguración do Simposio Internacional de Enerxía Gea 2008 que se está a celebrar en "Ciudad Libertad" no municipio cubano de Marianao.

Para Victoria Arencibía "Cuba leva dende o ano 2000 traballando na terceira revolución educacional que aposta por unha cultura científica baseada en coñecementos éticos e solidarios "xa que -segundo afirmou-" non existe igualdade posible sen igualdade de cultura".

A Viceministra cubana mantivo un encontro co Director do INEGA ao que lle trasladou a petición de asesoramento do ente que dirixe, sobre o proxecto de converter a comunidade escolar e universidade "Ciudad Libertad" nun proxecto de "excelencia na xestión enerxética"

Pola súa banda, Álvarez Carril amosou o seu interese por este proxecto que pode constituír un modelo para o resto dos centros públicos educativos cubanos e da sociedade en xeral.

Álvarez Carril trasladoulle á Viceministra o seu compromiso de aportar a experiencia do Instituto Enerxético de Galicia para este tipo de proxectos que utilizan os recursos e infraestruturas enerxéticas como instrumentos de formación e divulgación.


O director do INEGA asegurou que "Ciudad Libertad" pode chegar a ser un referente de modelo de eficiencia enerxética se se acometen melloras de: aproveitamento de fontes renovables, utilización de sistemas de alta eficiencia na climatización, mellora na envolvente térmica dos edificios ( portas, ventás, cubertas...) ou nas infraestruturas de subministro eléctrico.

A actividade do Simposio Internacional de Enerxía Gea 2008, continuará nos vindeiros días coa celebración de diferentes conferencias, comisións e talleres prácticos nos que hai que salientar a presenza da delegación do Instituto Castro de Uz das Pontes de García Rodríguez que realizará unha experiencia práctica con materiais didácticos baseada nas enerxías renovables nas aulas.