INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O PLAN RENOVE DA CONSELLARÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA PERMITIU SUBSTITUÍR 50.400 ELECTRODOMÉSTICOS NA SÚA TERCEIRA EDICIÓN.

01/11/2008

Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2008.
O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Consellaría de Innovación e Industria, vén de pechar a terceira edición do Plan Renove de Electrodomésticos que este ano permitiu substituír un total de 50.400 aparellos, o que supón un aforro enerxético equivalente ao consumo eléctrico anual de 7.200 familias.

  • O Plan, xestionado a través do Instituto Enerxético de Galicia, contou este ano cun orzamento de 4,5 millóns de euros.
  • A posta en marcha desta medida permite aforrar o equivalente ao consumo eléctrico anual de 7.200 familias.


Dende que a Consellería de Innovación e Industria puxo en marcha o Plan Renove de Electrodomésticos en Galiza no ano 2006, substituíronse máis de 137.600 electrodomésticos vellos por outros de maior eficiencia, estimándose o aforro enerxético desta medida en 60.700 MWh/ano. Nesta terceira edición, a Consellaría logrou o seu obxectivo de impulsar a substitución de máis de 50.000 electrodomésticos, producíndose un aforro de 23.662 MWh/ano.

O departamento autonómico destinou este ano ao Plan un orzamento total de 4,5 millóns, fondos que foron esgotados en mes e medio o que segundo o Inega confirma o interese dos usuarios e usuarias por un aforro enerxético e un consumo eficiente que repercutirá en grande medida na súa economía e no medio ambiente.

Para a Consellería que dirixe o nacionalista Fernando X. Blanco, as axudas do Plan Renove 2008 incidiron na capacidade de compra das familias e permitiron mobilizar investimentos por valor de 18 millóns de euros, recursos que repercutirán positivamente na actividade comercial ao reactivar o consumo, circunstancia que para o titular da Consellería é primordial na actual conxuntura de crise económica.