INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

"OS SOSTIBLES", VIDEOXOGO DO INEGA PARA APRENDER A AFORRAR ENERXÍA.

22/10/2008

O Inega enviará aos centros de ensino o videoxogo "Os Sostibles” para que os rapaces aprendan a aforrar enerxía. Santiago de Compostela, 22 de Outubro de 2008. O Instituto Enerxético de Galicia, (Inega), vén de editar o videoxogo titulado "Os Sostibles" dedicado ao aforro enerxético. O videoxogo vai dirixido aos nenos e nenas de idade entre 6 e 12 anos. Con el, o Inega pretende asentar neste colectivo as bases para unha xeración futura máis comprometida co aforro enerxético e o medio ambiente.

O Instituto Enerxético de Galicia fará chegar a todos os centros de ensino e bibliotecas municipais galegas varios exemplares do videoxogo.

O Inega considera que a utilización frecuente por parte dos nenos e nenas de todo tipo de videoxogos é un elemento moi aproveitable para transmitir contidos educativos dun xeito atractivo para eles.

Aproveitando as novas tecnoloxías, o Instituto Enerxético de Galicia pretende dar unha mellor formación aos menores ensinando e promovendo o respecto pola natureza, o medio ambiente e o desenvolvemento sostible.

A través dos "Sostibles", os máis pequenos aprenderán a utilizar diferentes tipos de lámpadas e as vantaxes das lámpadas de baixo consumo, as peculiaridades das lámpadas fluorescentes, facer unha correcta utilización da iluminación, reciclar as bombillas e as lámpadas nos puntos limpos, coñecer o consumo oculto no fogar e as etiquetas de cualificación enerxética.

Ademais, os nenos e nenas que xoguen cos "Sostibles" saberán cal debe ser o uso correcto dos electrodomésticos, a calefacción e a refrixeración así como, o illamento máis axeitado nunha casa para consumir menos enerxía.

O videoxogo do Inega ten capacidade para ser instalado nun PC de maneira rápida e sinxela a través dunha ferramenta de autoinstalación.