INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O CAMBIO DE HORA DA MADRUGADA DO VINDEIRO DOMINGO SUPORÁ UN AFORRO ENERXÉTICO DO 0,4% NO CONSUMO ELÉCTRICO GALEGO.

24/09/2008

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2008.
O cambio de hora previsto para a madrugada do vindeiro domingo, 25 de outubro, representará un aforro enerxético, no sector doméstico, do 1%, ao igual que no dos servizos, acadando unha diminución no consumo eléctrico total do país dun total do 0,4%. Desta maneira, o aforro motivado polo cambio de hora repercutirá sobre todo no ámbito doméstico, xa que no industrial a estrutura da produción mantense de forma constante independentemente do horario.

En relación a outras partes do Estado, o devandito aforro do 1% do consumo eléctrico no sector doméstico é relativamente pequeno, pero en calquera caso o Instituto Enerxético de Galicia, dependente da Consellaría de Innovación e Industria, cualifica o cambio de hora como unha medida positiva porque se trata de niveis de consumos moi elevados, polo que calquera práctica que induza á súa redución é boa, aínda que sexa nunha porcentaxe baixa.

Así, o cambio de hora permitirá a redución de 6.690 toneladas equivalentes de petróleo, o que significa xa unha pequena diminución na produción e importación deste produto que constitúe por outra banda un aforro económico ante os actuais prezos dos combustibles. A Novena Directiva establece que o cambio de hora en Europa rematou co debate sobre a idoneidade da medida, pero a súa principal novidade radica no seu carácter indefinido para asegurar o bo funcionamento de todos aqueles sectores enerxéticos que dependen dunha programación estábel a longo prazo.

Segundo os datos do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), durante os meses de verán o consumo enerxético reduciuse nun 5%, que supón o aforro de 6 euros en cada fogar, acadando no sector servizos un aforro do 3%. O cambio de hora ten por finalidade adaptar o máis posible o inicio da xornada laboral á saída do sol. Desta forma, conséguese aproveitar máis a luz natural co conseguinte aforro enerxético.

A pesar do baixo índice de aforro derivado desta medida, non debe pasar desapercibido que a medida propicia socialmente un debate necesario sobre os recursos enerxéticos e o uso que deles se fai.