INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O PLAN RENOVE DE FIESTRAS 2009 DO INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA XEROU UN INVESTIMENTO ASOCIADO DE 5 MILLÓNS DE EUROS

05/12/2009

Santiago, 5 de decembro de 2009.

O Plan Renove de Fiestras 2009 posto en marcha polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), organismo dependente da Consellería de Economía e Industria, cun orzamento inicial de 1,2 millóns de euros, completou xa a súa execución, no terceiro día da súa posta en funcionamento, logo de rexistrar unha elevada demanda de axudas desde a primeira hora da súa activación. A campaña, que xerou un investimento asociado de aproximadamente 5 millóns de euros, posibilitou a substitución de fiestras en máis de 900 vivendas e a participación, ata a data, de case 350 establecementos.

O director do Inega, Eliseo Diéguez destaca que "con este Plan, cuxos fondos se esgotaron en tan só tres días, o que confirma a elevada demanda que tivo entre o conxunto da cidadanía, o Instituto Enerxético de Galicia ve cumpridas as súas expectativas, coa substitución de fiestras en máis de 900 vivendas e con preto de 350 establecementos adheridos ata o momento". "Se ben -precisou- o número de obras é lixeiramente menor ás 1.000 previstas inicialmente, isto é explicable debido a que se trata de actuacións de maior envergadura e, polo tanto, cun investimento superior", explica.

"Temos que precisar tamén que dado que o período de duración de fondos foi moi curto polas expectativas e a alta demanda xerada por esta campaña, o número de instaladores adheridos ata a data son case 350", aclara. "Non obstante hai que matizar que este Plan aínda non está pechado, e é previsible que se poidan aumentar os fondos nos vindeiros meses, polo que o período de adhesión de instaladores novos non se cerra, co que se prevé que se acaden os 500 instaladores adheridos", puntualiza. "Agradezo aos comerciantes a colaboración prestada e animo aos que non o fixeron aínda, a que se dean de alta para colaborar en futuras actuacións", resalta.

25% de axuda

As axudas contempladas no Plan son de 100 euros por metro cadrado de fiestra, cun máximo do 25% do custo total da obra, e están destinadas a mellorar a eficiencia enerxética das vivendas e dos edificios. A través desta actuación o Inega subvencionou a renovación de fiestras, medida contemplada desde o 1 de decembro ata o 30 de outubro de 2010 ou ata o remate de fondos, que se produciu o pasado xoves.

O Instituto estudará proximamente a posibilidade de ampliar os fondos, en función de se existen remanentes doutras actuacións que se puidesen destinar a preparar unha segunda edición do Plan Renove de Fiestras. Con esta campaña o Inega conseguiu xerar un aforro de enerxía primaria estimado en 1.356 MWh, o que supón evitar a emisión de 274 toneladas de CO2 á atmosfera.

Estratexia de aforro e eficiencia enerxética

O Plan Renove de Fiestras 2009 inscríbese dentro das actividades de aforro e eficiencia enerxética da estratexia en marcha para este ano en curso, que conta cun orzamento total de máis de 23 millóns de euros. Dentro destas iniciativas cómpre destacar o xa finalizado con éxito Plan Renove de Electrodomésticos, o Plan de Vehículos Eficientes, o Plan Renove Equipos de Climatización ou a posta en marcha dunha experiencia piloto para o desenvolvemento de polígonos empresariais enerxeticamente eficientes. Coa xestión do conxunto de actividades inscritas na estratexia para 2009, prevese a xeración dun aforro de enerxía primaria de 538.000 toneladas equivalentes de petróleo, o que supón evitar a emisión á atmosfera de preto de 1.300.000 toneladas de CO2.

 

 

  1. Descarga