INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O INEGA LEVA RECIBIDAS PRETO DE 10.000 BORRADORES DE AXUDAS DE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA E ENERXÍAS RENOVABLES

06/12/2009

Santiago, 6 de decembro de 2009.

Un total de 9.826 borradores de axudas son as que se levan rexistradas no Instituto Enerxético de Galicia (Inega) a falla de case unha semana de rematar o prazo, que finaliza o próximo día 11 de decembro, tras a recente ampliación temporal acordada como consecuencia do alto número de solicitudes rexistradas. Esta cifra supón un incremento considerable, o 264%, con respecto á convocatoria anterior na que houbo un total de 2.696 peticións.

Concretamente o organismo que dirixe Eliseo Diéguez, adscrito á Consellería de Economía e Industria recibiu ata o momento 5.212 borradores para subvencións de aforro e eficiencia enerxética e 4.614 borradores de axudas para o desenvolvemento de proxectos de enerxías renovables, fronte ás 1.069 e 1.627 do ano 2008, respectivamente do ano pasado.

Para o director do Instituto Enerxético de Galicia, "trátase dun cómputo altamente positivo, posto que a elevada demanda de solicitudes, 250 por día, que nos levou recentemente a ampliar o prazo, confirma o interese que está a espertar o programa de axudas do Inega que, cun orzamento de preto de 16 millóns de euros, vai xerar un investimento asociado de case 62 millóns de euros, posibilitando á redución na emisión á atmosfera de 60.500 toneladas de CO2 anuais".

"No proceso de presentación deste alto número de solicitudes, que abranguen todos os sectores económicos galegos, está a ter incidencia a presentación vía telemática das axudas, unha das novidades da actual convocatoria e, que sen dúbida, axuda á simplificación dos trámites", explica. "Tamén inflúe nesta ampla difusión do noso programa de axudas a alta participación alcanzada nas dúas xornadas informativas que realizamos para dar a coñecer as subvencións, mediante as que logramos reunir máis de 500 asistentes de distintos ámbitos económicos", subliña.

Axilizar a tramitación

"Desde o Inega estamos centrando esforzos en axilizar a tramitación das axudas para dar cumprimento ao noso compromiso de reducir nun terzo os tempos, de xeito que tardemos 4 meses como máximo en procesalas e 6 ao sumo en resolvelas", precisou Diéguez. "Proba disto é o bo ritmo ao que imos, xa que a día de hoxe están aceptadas e tramitadas 2.227 axudas", precisa.

Axudas por tipoloxías

No que se refire ás axudas de aforro e eficiencia enerxética as liñas de axuda máis demandadas están a ser ás destinadas á mellora da eficiencia enerxética de instalacións térmicas existentes, á renovación de instalacións de iluminación pública exterior (onde o Inega aumentou este ano a contía subvencionable do 40 ata o 70% para axudar aos concellos nesta conxuntura económica adversa) e á realización de auditorías no sector industrial.

Os proxectos de instalación de caldeiras de biomasa e de solar térmica copan en boa parte o número de solicitudes no que respecta ás axudas para o desenvolvemento de proxectos de enerxías renovables.

 

 

  1. Descarga