INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O PROGRAMA DE AXUDAS DO INEGA PÉCHASE CON 3.698 SOLICITUDES DE AXUDAS ACEPTADAS, A CIFRA MÁIS ALTA DE TODAS AS CONVOCATORIAS, UN 37% MÁIS QUE EN 2008

25/12/2009

Santiago, 25 de decembro de 2009.

Finalizado o prazo de presentación de solicitudes o pasado día 11 de decembro, despois de amplialo debido á elevada demanda, o balance de axudas de aforro e eficiencia enerxética e de enerxías renovables do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Consellería de Economía e Industria, ascende a 3.698 solicitudes de axudas aceptadas, a cifra maior de todas as convocatorias anuais desenvoltas ata o momento desde a primeira edición en 2006. Así en 2008 houbo un total de 2.696 peticións, co que o cómputo de axudas aceptadas que agora están sendo tramitadas se incrementou un 37% con respecto ao ano pasado.

Deste xeito o Instituto que dirixe Eliseo Diéguez recibiu 1.912 peticións para subvencións de aforro e eficiencia enerxética e 1.786 para o desenvolvemento de proxectos de enerxías renovables, fronte ás 1.069 e 1.627, respectivamente do ano 2008. Se ben o número de subvencións validadas se achega ás 3.700, o Inega recibiu 11.554 borradores de subvencións, 6.102 de aforro e eficiencia e 5.452 de enerxías renovables.

"Estes datos confirman definitivamente o interese que xerou o programa de axudas do Inega, cun amplo seguimento, como o confirma o cómputo de máis de 11.500 borradores de axudas, o que supón unha media de 282 diarias, das que foron aceptadas e que agora están sendo tramitadas, 3.698, é dicir, 90 por día", destaca Eliseo Diéguez.

O director do Inega apunta "á presentación, por primeira vez, vía telemática das subvencións, que axudou a simplificar os trámites, e á difusión do programa de axudas mediante dúas xornadas informativas desenvoltas polo Inega e que lograron unha alta participación, como factores que incidiron de xeito positivo á hora de alcanzar este número tan elevado de solicitudes".

"Neste intre o Inega está a centrar esforzos en axilizar a tramitación das axudas para dar cumprimento ao noso compromiso de reducir nun terzo os tempos, de xeito que tardemos 4 meses como máximo en procesalas, e 6, ao sumo, en resolvelas", resalta Diéguez. "Imos a bo ritmo, pero cómpre non baixar a marcha para cumprir os prazos", precisa.

Por tipoloxías

Dentro do paquete global de 22 liñas de axuda de aforro e eficiencia enerxética as máis demandadas foron ás destinadas á mellora da eficiencia enerxética de instalacións térmicas nos edificios existentes (305 solicitudes); á renovación de instalacións de iluminación pública exterior (247 solicitudes), onde o Inega aumentou este ano a contía subvencionable do 40 ata o 70% para axudar aos concellos nesta conxuntura económica adversa; ás dirixidas ao desenvolvemento de proxectos de instalacións de bombas de calor aire-aire (186 solicitudes) e de calor xeotérmico (164); os proxectos de mellora da eficiencia enerxética das instalacións de potabilización, abastacemento e depuración das augas residuais (158 solicitudes) e a mellora da eficiencia enerxética nas instalacións de iluminación nos edificios existentes (139 solicitudes). As dúas liñas novas de axudas con respecto á convocatoria do ano 2008, auditorías enerxéticas a proxectos de aforro e eficiencia enerxética no sector pesqueiro e no sector agrario sumaron 21 e 25 solicitudes, respectivamente.

As subvencións para o desenvolvemento de proxectos de enerxías renovables tiveron tamén un amplo seguimento. Así rexistráronse un total de 897 solicitudes para caldeiras de biomasa; 587 para enerxía solar térmica; 231 para enerxía fotovoltaica conectada á rede; 42 para enerxía fotovoltaica illada; 20 para outras renovables e 9 para proxectos de biogás.

Balance por provincias

A Coruña foi a provincia con maior volume de axudas aceptadas (1.452: 772 de aforro e eficiencia e 680 de enerxías renovables ); seguida de Pontevedra (1.197: 511 de aforro e eficiencia e 686 de enerxías renovables), Ourense (694: 420 de aforro e eficiencia e 274 de enerxías renovables ) e Lugo (355: 209 de aforro e eficiencia e 146 de enerxías renovables).

Investimento asociado e aforro de enerxía

O programa de axudas do Inega de aforro e eficiencia enerxética e de enerxías renovables, que abrangueron todos os sectores económicos galegos, contou cun orzamento de preto de 16 millóns de euros. A través destas actuacións xerouse un investimento asociado de 61,8 millóns, e posibilitouse a redución na emisión á atmosfera de 60.500 toneladas de CO2 anuais.

  1. Descarga