INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA, A TRAVÉS DO INEGA, DESTINA COMO ORZAMENTO INICIAL 500.000 EUROS AO PLAN DE VEHÍCULOS EFICIENTES 2009, QUE XERARÁ UN INVESTIMENTO ASOCIADO DE 3,4 MILLÓNS DE EUROS

28/12/2009

Santiago, 28 de decembro de 2009.

A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), potenciará a renovación e modernización do parque automobilístico galego mediante o Plan de Vehículos Eficientes 2009, un programa co que se pretende impulsar unha maior eficiencia enerxética no sector do transporte, un dos ámbitos principais de consumo de enerxía, a través de incentivos para a adquisición de vehículos novos ou para transformacións que se alimenten con combustibles alternativos aos convencionais de gasolina e gasóleo. A través deste Plan tamén se consegue diminuír o impacto ambiental ao incentivarse a compra de vehículos novos menos contaminantes e ademais promóvese a diversificación enerxética para reducir a dependencia do petróleo.

Con esta nova actuación de aforro e eficiencia enerxética á que o Inega destina un orzamento inicial de 500.000 euros posibilitarase un aforro de 48 toneladas equivalentes de petróleo ao ano, o que supón a redución anual na emisión á atmosfera de 162,40 toneladas de CO2. Ademais xerarase un investimento asociado de aproximadamente 3,4 millóns de euros.

Esta liña de axudas está orientada á favorecer a compra de vehículos novos de propulsión eléctrica, híbrida (é dicir, con capacidade de tracción ao 100% mediante baterías), ou de medios de transporte alimentados con gas natural, Gases Licuados do Petróleo (GLP) ou hidróxeno, mediante a concesión de axudas económicas que diminúan o extracusto nestes vehículos alternativos, en relación cos vehículos equivalentes de deseño e motorización tradicional. Está previsto que con esta campaña, xestionada en colaboración coas empresas que desexen participar nela, se adhiran máis de 45 concesionarios e talleres e se realicen 250 transaccións no marco deste Plan: as estimacións son que se adquiran 210 vehículos novos híbridos e se realicen 40 transformacións a GLP.

Tamén se subvenciona igualmente a adquisición de motocicletas con capacidade de tracción eléctrica ao 100% e a transformación de vehículos matriculados, novos ou usados, a GLP. Ademais admítense os sistemas de financiamento de renting, leasing ou outros sistemas de arrendamento financeiros para estes vehículos eficientes. Poderán ser beneficiarios das axudas todas as persoas físicas ou xurídicas residentes en Galicia.

Contía da subvención

A contía máxima da subvención será dun máximo do 15% do prezo do vehículo de mercado. Para os vehículos turismos híbridos enchufables, eléctricos puros, de combustión directa de hidróxeno ou de pilas de combustible o importe máximo da axuda por vehículo poderá alcanzar os 7.000 euros; 2.300 euros para os vehículos turismos híbridos Full Hybrid e de 2.000 euros para os vehículos turismos híbridos Mild Hybrid. No caso de vehículos novos ou transformados nun prazo inferior a 3 meses desde a súa primeira matriculación alimentados por gas natural e GLP o importe máximo por vehículo é de 2.000 euros e para transformacións a GLP, o máximo é de 450 euros. Por último, a compra de motocicletas eléctricas puras, híbridas, de hidróxeno ou pila combustible incentívase cun importe máximo de 750 euros.

Este programa de potenciación da eficiencia enerxética no sector dos medios de transporte estará vixente desde o 1 de febreiro de 2010 e ata o 30 de setembro de 2010 ou ata o remate dos fondos asignados, se ben os concesionarios ou talleres interesados en adherirse a esta campaña ou renovar a súa adhesión poden facelo desde mañá, 29 de decembro de 2009, e ata a finalización da campaña. Poderán tomar parte neste plan todos os concesionarios que operen en Galicia e que comercialicen vehículos eficientes, así como todos os talleres autorizados para realizar transformacións de vehículos a GLP.

Proceso de obtención da axuda

O usuario debe mercar o vehículo para que o comerciante poida solicitar a previsión de fondos e aplicar o desconto correspondente, tras a cumprimentación do formulario de solicitude. A continuación o comerciante cobra o prezo menos o desconto. O usuario asina a conformidade no formulario de solicitude e o comerciante remite ao Inega nun mes toda a documentación. Finalmente o Instituto realiza o pagamento ao comerciante.

Terceira edición

Esta é a terceira edición que o Instituto Enerxético de Galicia desenvolve este programa de promoción de medios de transporte máis eficientes, que permitiu a compra de 93 vehículos híbridos en 2007 e o desenvolvemento no ano 2008 de 296 actuacións ao abeiro desta campaña, 233 adquisicións de vehículos híbridos e 66 transformacións a GLP. Isto significa que preto de 400 vehículos máis eficientes circulan xa polas estradas galegas, adquiridos mediante as subvencións que o Inega dá a través do Plan de Vehículos Eficientes, e prevese superar os 600 ao longo do vindeiro ano con esta nova convocatoria.