INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA, A TRAVÉS DO INEGA, MOBILIZARÁ UN INVESTIMENTO ASOCIADO DE 5 MILLÓNS DE EUROS CO PLAN RENOVE DE FIESTRAS, DOTADO CUN ORZAMENTO INICIAL DE 1,2 MILLÓNS

07/11/2009

Santiago, 7 de novembro de 2009.

O director do Instituto Enerxético de Galicia, Eliseo Diéguez, presentou hoxe unha nova medida posta en marcha polo Inega, dependente da Consellería de Economía e Industria, no ámbito do aforro e da eficiencia enerxética. Trátase do Plan Renove de Fiestras que, dotado cun orzamento inicial de 1,2 millóns de euros, está destinado á rehabilitación da envolvente térmica das edificacións.

A través desta liña o Inega incentiva a rehabilitación dos ocos acristalados das fachadas, co fin de mellorar a eficiencia enerxética das vivendas e dos edificios. Deste xeito subvencionaranse a substitución de novas fiestras que separen estanzas calefactadas do exterior, sempre por outras de igual tamaño, e cando cumpran os requisitos de dispoñer de marcado CE; de ser de carpintería de madeira ou PVC con dobre acristalamento e cámara mínima de 12 mm. ou de 6 mm. baixo emisivo; de ser de carpintería metálica con rotura de ponte térmica de cando menos 12 mm. ou superior cun acristalamento de 6 mm. de cámara e baixo emisivo. En todo caso, a execución da obra deberá ser realizada, a partir do 1 de decembro do presente ano.

As axudas serán de 100 euros por metro cadrado de fiestra, cun máximo do 25% do custo total da obra. O Plan subvencionará a renovación de fiestras desde o 1 de decembro de 2009 ata o 30 de outubro de 2010 ou ata a finalización de fondos, xa que estes poderán ser ampliados en función da demanda e da dispoñibilidade de fondos. Neste senso o director do Inega precisou que "o orzamento do Plan Renove de Fiestras é un orzamento vivo, de xeito que o poderemos ampliar con remanentes doutras actuacións, en función do número de peticións que rexistremos, pero é probable que teñamos que ir a esa ampliación, posto que na anterior convocatoria chegouse a máis de 3 millóns de euros de demanda sobre uns fondos iniciais de 500.000 euros".

Aforro de enerxía primaria

Diéguez destacou que "con esta campaña desde o Inega queremos seguir apoiando o aforro enerxético nos fogares galegos cunha previsión de substitución de fiestras en 1.000 vivendas". Así mesmo fixo fincapé en que "a través do Plan Renove de Fiestras conseguiremos un investimento total asociado a esta medida de aproximadamente 5 millóns de euros e un aforro da enerxía primaria estimado en 1.356 MWh, o que supón evitar a emisión de 274 toneladas de CO2 á atmosfera".

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios as persoas físicas ou xurídicas de natureza pública ou privada, propietarios, usufrutuarios ou arrendatarios de vivendas, edificios de vivendas ou edificios destinados a outros usos. Todos aqueles instaladores ou empresas de fiestras poderanse adherir desde o 9 de novembro ata o 30 de novembro, no caso de renovacións, ou ben ata finalización de campaña, no caso de tratarse de altas novas. En total espérase que participen máis de 500 instaladores.

Proceso de obtención da axuda

O comprador dirixirase a un instalador adherido ao Plan Renove de Fiestras 2009 e terá que adquirir a carpintería obxecto da subvención. A continuación o instalador realizará a solicitude de fondos mediante a aplicación web www.inega.es/planrenovefiestras2009, imprimirá o impreso da axuda e o comprador asinará a súa conformidade.

O instalador disporá de 60 días para realizar a obra e despois cobrará o importe da factura co desconto da axuda establecida, calculada na aplicación informática. Finalmente, o instalador remitirá toda a documentación ao Inega para o cobro da axuda.