INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA AMPLÍA ATA O 11 DE DECEMBRO O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES DAS AXUDAS DE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA E ENERXÍAS RENOVABLES

27/11/2009

Santiago, 27 de novembro de 2009.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), organismo dependente da Consellería de Economía e Industria, amplía ata o día 11 de decembro o prazo de presentación de solicitudes de axudas e proxectos de aforro e eficiencia enerxética e de enerxías renovables, cuxo prazo inicial fixado nun mes, estaba previsto que se pechase o día 30 de novembro.

O director do Instituto Enerxético de Galicia, Eliseo Diéguez, tomou este acordo de prolongar en 11 días o período temporal para poder presentar as subvencións "como consecuencia do alto número de solicitudes rexistradas e da documentación a presentar, así como pola tramitación administrativa que as mesmas supoñen". Neste senso Diéguez precisou que "ata o día de hoxe recibíronse no Inega case 7.000 borradores de axudas, das que 1.352 xa están validadas e en proceso de tramitación; o resto aínda as temos que analizar". O número é comparativamente superior ao da convocatoria do ano 2008 na que, ao final do proceso, se tramitaron un total de 2.696 axudas.

"Dos exactamente 6.965 borradores presentados, 3.123 corresponden a axudas de aforro e eficiencia enerxética e os restantes 3.842 a proxectos de enerxías renovables", precisou o director do Inega. "A día de hoxe temos 763 axudas tramitadas de aforro e eficiencia enerxética e 589 de enerxías renovables", engadiu.

Investimento asociado

O programa de axudas de aforro e eficiencia enerxética e de enerxías renovables do Inega ten un orzamento total de 16 millóns de euros, cos se xerará un investimento asociado de 62 millóns de euros e se evitará á emisión á atmosfera de 60.500 toneladas de CO2 anuais.

Rexistro telemático e axilización dos trámites

Entre os aspectos innovadores da convocatoria de axudas de 2009 destacan a presentación, por primeira vez, das axudas vía telemática e a redución nos tempos de tramitación (establecido nun máximo de 4 meses fronte aos 6 meses de anteriores anos) e resolución das subvencións (6 meses fronte aos 9 meses en convocatorias precedentes). Neste sentido o director do Inega incidiu "na resposta rápida e eficaz que lle queremos dar ao solicitante, nunha etapa na que imos centrar os nosos obxectivos en achegar o aforro e a eficiencia enerxética e a promoción das enerxías renovables a todos os sectores económicos".

Axudas de aforro e eficiencia enerxética

O programa de axudas de aforro e eficiencia enerxética componse de 22 liñas de actuación, que poden chegar a cubrir ata o 75% do investimento, agrupadas en seis sectores: industria, transporte, edificación, servizos públicos, transformación da enerxía e agricultura e pesca. Do paquete global existen 14 medidas específicas orientadas aos concellos, entre as que destacan as subvencións dirixidas á renovación das instalacións de iluminación pública, na que a contía este ano é do 70% fronte ao 40% de anteriores convocatorias, e as axudas para a realización de auditorías enerxéticas, onde a porcentaxe subvencionable é do 75%.

Axudas ao fomento de enerxías renovables

A contía máxima subvencionable do programa de axudas e proxectos a enerxías renovables vai desde o 15% ata o 40%, segundo a tipoloxía da fonte (solar térmica, caldeiras de biomasa, fotovoltaica conectada á rede, fotovoltaica illada e outras renovables, así como proxectos de gasificación e biogás), podendo chegar a alcanzar o 45% en proxectos de enerxía solar térmica e biomasa cando os solicitantes son concellos.

A Consellería de Economía e Industria, a través do Inega, potenciará, de acordo coas directrices do Plan Enerxético Estratéxico de Galicia 2010-2015 o aproveitamento deste tipo de enerxías polas numerosas vantaxes que presentan (inesgotabilidade, non contaminantes, autóctonas, etc.), de xeito que no ano 2015 a comunidade autónoma estea en condicións de producir máis do 95% da electricidade con fontes renovables.

Xornadas informativas

Para alcanzar a máxima divulgación das axudas o Inega desenvolveu dúas xornadas informativas, o 4 e o 18 de novembro, nas que tomaron parte 500 persoas de diferentes ámbitos económicos.