INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O INEGA AMPLÍA ATA O 31 DE XANEIRO DE 2010 O PRAZO DE PRESENTACIÓN E XUSTIFICACIÓN DE SOLICITUDES DO PLAN DE VEHÍCULOS EFICIENTES 2008

01/12/2009

Santiago, 1 de decembro de 2009.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), organismo dependente da Consellería de Economía e Industria, vén de ampliar o prazo do Plan de Vehículos Eficientes 2008 ata o próximo 31 de xaneiro de 2010. Isto significa que ata esa data se poderán presentar e xustificar os proxectos subvencionables ao abeiro deste programa de aforro e eficiencia enerxética co que se pretende impulsar unha maior eficiencia a través de incentivos, ben para a adquisición de vehículos que se alimenten con biocombustibles alternativos aos convencionais de gasolina e gasóleo, ou ben para a súa transformación a GLP (Gases Licuados do Petróleo).

O Inega decidiu prorrogar o prazo facéndose eco das demandas dos concesionarios adheridos ao Plan que ante a alta demanda de solicitudes estaban tendo problemas para recepcionar os vehículos no prazo de vixencia estipulado, cuxa finalización estaba fixada para o 30 de novembro. Ademais, a día de hoxe, aínda existe un pequeno remanente de fondos, posto que están executados 700.000 euros, dos 720.000 euros de orzamento con que conta o Plan. Ata a data adquiríronse 360 vehículos eficientes ao abeiro deste programa. Na primeira edición de 2007, con 187.000 euros de presuposto, realizáronse un total de 93 adquisicións de automóbiles eficientes.

Esta é a segunda ampliación de prazo do Plan de Vehículos Eficientes 2008. As bases deste Plan contemplaban un período inicial de vixencia ata o 30 de agosto. En data 20 de xullo acordouse unha primeira prórroga ante a existencia de remanentes de fondos e agora, con data do 30 de novembro, vense de ampliar o prazo ata o 31 de xaneiro de 2010. Está previsto que a finais do mes de decembro o Inega poña en marcha o Plan de Vehículos Eficientes 2009.

Aforro de enerxía

O obxectivo do Plan Renove de Vehículos Eficientes é contribuír á modernización do parques automobilístico galego e aproveitar a maior eficiencia enerxética dos novos vehículos que se alimenten con combustibles alternativos aos convencionais. Unha vez remate a campaña estímase que se terá posibilitado un aforro de 112 toneladas equivalentes de petróleo ao ano.

Esta liña de axudas está destinada á compra de vehículos novos de propulsión eléctrica ou híbrida (con capacidade de tracción al 100% mediante baterías) ou vehículos alimentados con gas natural, Gases Licuados do Petróleo (GLP) ou hidróxeno. Tamén se subvenciona igualmente a adquisición de motocicletas con capacidade de tracción eléctrica ao 100% e a transformación de vehículos matriculados, novos ou usados, a GLP. Ademais admítense os sistemas de financiamento de renting, leasing ou outros sistemas de arrendamento financeiros para estes vehículos eficientes. Poderán ser beneficiarios das axudas todas as persoas físicas ou xurídicas residentes en Galicia.

Axudas de ata 6.000 euros

A contía máxima da subvención será dun máximo do 15% do prezo do vehículo de mercado. Para os novos turismos de propulsión eléctrica, hidróxeno ou de pilas de combustible a axuda poderá alcanzar un máximo de 6.000 euros; de 2.000 euros no caso dos vehículos de propulsión híbrida e dos alimentados con gas natural e GLP; de 750 euros para as motocicletas eléctricas, de hidróxeno ou pila de combustible e, por último, de 450 euros para a transformación de vehículos a GLP con posterioridade á súa matriculación.

Poderán tomar parte neste plan todos os concesionarios que operen en Galicia e que comercialicen vehículos eficientes, así como todos os talleres autorizados para realizar transformacións de vehículos a GLP.