INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O PRAZO PARA SOLICITAR AS AXUDAS DO PLAN RENOVE ELECTRODOMÉSTICOS 2009 DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA ABRIUSE HOXE

05/10/2009

Santiago, 5 de outubro de 2009.

Desde hoxe luns, día 5 de outubro, pódense solicitar as axudas correspondentes ao Plan Renove Electrodomésticos 2009 nos establecementos comerciais adheridos a esta iniciativa que a Consellería de Economía e Industria que dirixe Javier Guerra, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), vén de poñer en marcha co fin de fomentar o aforro enerxético nos fogares galegos, mediante a substitución de electrodomésticos antigos por equipos con etiquetado enerxético de clase A ou superior, isto é, máis eficientes enerxeticamente. Ata o momento solicitaron participar nesta iniciativa preto de 800 establecementos, se ben o Inega pretende superar os 900 porque o prazo para as altas de novos comercios permanecerá aberto ata a finalización da campaña.

Deste xeito, os beneficiarios desta liña de axudas, persoas físicas ou xurídicas residentes en Galicia, poderán obter unha subvención do 25% do prezo do electrodoméstico, oscilando a contía da axuda desde os 50 euros no caso da compra dunha encimera de gas ata os 125 euros, no caso de conxeladores ou frigoríficos con clasificación enerxética A++. Cada persoa se poderá beneficiar, como máximo, dunha axuda por cada unha das cinco tipoloxías de electrodomésticos (frigoríficos, conxeladores, lavadoras, lavalouzas, fornos e placas), sempre que adquiran outros con etiqueta enerxética de clase A ou superior. Para resolver calquera tipo de dúbida sobre o Plan Renove o Inega ten habilitados tres números de teléfono: o 981 957 146, o 981 541 505 e o 981 957 275.

Mediante os 4 millóns de euros que o Inega, organismo dirixido por Eliseo Diéguez e dependente da Consellería de Economía e Industria, habilitou inicialmente como orzamento para este Plan, prevese un aforro global de 1,7 millóns de euros para 43.500 familias na factura eléctrica, o que supón unha redución na factura de 40 euros por unidade ao diminuír o consumo de electricidade un 8% por fogar (230 kWh/ano), como consecuencia da utilización de equipos de clase A ou superior.

AXUDA Á ECONOMÍA DAS FAMILIAS

Deste xeito o departamento do que é titular Javier Guerra apoia, a través do Inega, a recuperación das economías das familias galegas, que están a experimentar as consecuencias da actual conxuntura económica, acentuadas aínda máis tras as recentes modificacións no regulamento enerxético nacional, proceso que leva aparellado un considerable incremento no prezo da factura eléctrica.

Así mesmo o Plan Renove Electrodomésticos incardínase na aposta da Consellería de Economía e Industria por fomentar un axeitado aproveitamento dos recursos enerxéticos, proceso que ha de estar combinado cun respecto escrupuloso ao medio ambiente. O aforro de enerxía primaria estimado con esta campaña alcanza os 25.085 MWh, o que supón evitar a emisión de 4.033 toneladas de CO2 á atmosfera.

ESTÍMULO AOS EMPRENDEDORES

Con esta liña de axudas a Consellería de Economía e Industria persegue ofrecer un estímulo aos emprendedores dedicados á venda de electrodomésticos, xa que se calcula que a adhesión á campaña supere os 900 comercios e traia consigo a substitución e venda de 43.500 electrodomésticos.

O Plan Renove Electrodomésticos 2009 englóbase no programa de actividades de aforro e eficiencia enerxética da estratexia en marcha para este ano en curso, que conta cun orzamento global de 21.386.065 euros. As actuacións incluídas no Plan abranguen todos os sectores económicos: industrial, edificación, transporte, doméstico, servizos públicos e transformación da enerxía.

Coa xestión do conxunto de actividades inscritas na estratexia para 2009, entre as que se atopan, entre outras, o Plan de Vehículos Eficientes, o Plan Renove de Climatización, os proxectos de parques empresariais eficientes ou o Plan Renove de Fiestras, o Inega prevé a xeración dun aforro de enerxía primaria estimado en 538.000 toneladas equivalentes de petróleo, o que supón evitar a emisión á atmosfera de ao redor de 1.300.000 toneladas de CO2.