INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía, Empresa e Innovación

O PLAN RENOVE DE ELECTROMÉSTICOS 2009 DO INEGA, DEPENDENTE DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA, SUMA MÁIS DE 8.500 VENDAS DE EQUIPOS NA SÚA PRIMEIRA SEMANA.

10/10/2009

Santiago, 10 de outubro de 2009.

O Plan Renove de Electrodomésticos 2009 que a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), ten en marcha co fin de fomentar o aforro enerxético nos fogares galegos mediante a substitución de aparatos antigos por equipamentos máis eficientes (clase A ou superior) suma, na súa primeira semana de funcionamento tras abrirse o prazo de solicitude de axudas o pasado día 5, máis de 8.500 vendas efectuadas nos 806 establecementos adheridos ata o momento a esta iniciativa. Este número de vendas supoñen un importe de 833.731,61 euros sobre os 4 millóns de orzamento que o Inega destinou inicialmente a esta medida encamiñada a axudar ás familias galegas na actual conxuntura económica, cuxas economías domésticas se viron agravadas despois das recentes modificacións no regulamento enerxético nacional que trouxeron consigo un notable incremento no prezo da factura eléctrica.

O director do Inega, Eliseo Diéguez, subliña que "o balance elevado de vendas de electrodomésticos eficientes enerxeticamente nestes primeiros días de vixencia do Plan Renove de Electrodomésticos 2009 confirma a excelente acollida que esta iniciativa está a ter no conxunto da cidadanía por tratarse dunha medida de repercusión directa sobre a economía das familias galegas nun dobre sentido, posto que ao mesmo tempo que aforran unha cantidade considerable de diñeiro que pode chegar ata 125 euros a través da substitución dun equipamento por outro novo máis eficiente desde o punto de vista enerxético tamén van aforrar a longo prazo no consumo eléctrico, xa que mediante o novo electrodoméstico cada familia reducirá o consumo de corrente nuns 40 euros ao ano (230 kWh/ano), o que significará un aforro global de 1,7 millóns de euros na factura eléctrica tendo en conta que chegaremos a 43.500 familias galegas".

Agradecemento aos comercios participantes

"Así mesmo desde o Inega aproveitamos para agradecer a colaboración que están a mostrar os máis de 800 establecementos comerciais adheridos a día de hoxe ao Plan e convidamos a que se unan máis, posto que se poden dar de alta en calquera momento; de feito a nosa pretensión é chegar a superar os 900", engade o director do Instituto adscrito ao departamento que dirixe Javier Guerra.

Transcendencia internacional

Eliseo Dieguéz defende que "o alcance que está a ter o Plan Renove de Electrodomésticos transcende incluso as nosas fronteiras, como o demostra o feito de que unha multinacional emprazada en Xapón vén de solicitar información sobre esta iniciativa e sobre o programa de subvencións de aforro e eficiencia enerxética do Inega".

Ademais de promover a redución do consumo eléctrico o Plan Renove de Electrodomésticos adáptase á aposta da Consellería de Economía e Industria por fomentar un axeitado aproveitamento dos nosos recursos conxugado co respecto escrupuloso ao medio ambiente. O aforro de enerxía primaria estimado con esta campaña acada os 25.085 MWh, o que supón evitar a emisión de 4.033 toneladas de CO2 a atmosfera.

As subvencións á compra destes electrodomésticos son de ata o 25% do prezo do aparato e abranguen dende os 50 euros para encimeras de gas ata os 125 euros para conxeladores con clasificación enerxética A++. Esta campaña pretende ser tamén un estímulo para os emprendedores dedicados á venda de electrodomésticos como frigoríficos, conxeladores, lavalouzas, lavadoras ou encimeiras.

Por outra banda, cómpre destacar que o Plan Renove Electrodomésticos 2009 inscríbese dentro das actividades de aforro e eficiencia enerxética da estratexia en marcha para este ano en curso, que contan cun orzamento total de 21.386.065 euros. As actuacións incluídas no plan abranguen todos os sectores económicos: industrial, transporte, edificación, doméstico, servizos públicos e transformación da enerxía.

Aforro de enerxía primaria

Coa xestión destas actividades inscritas na estratexia para 2009, prevese a xeración dun aforro de enerxía primaria de 538.000 toneladas equivalentes de petróleo, o que supón evitar a emisión á atmosfera de preto de 1.300.000 toneladas de CO2. Dentro destas iniciativas cómpre destacar o Plan de Vehículos Eficientes, o Plan Renove Equipos de Climatización, a posta en marcha dunha experiencia piloto para o desenvolvemento de polígonos empresariais enerxeticamente eficientes ou o Plan Renove de Fiestras.