INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA, A TRAVÉS DO INEGA, PROMOVE O AFORRO E A EFICIENCIA ENERXÉTICA EN TODOS OS SECTORES ECONÓMICOS

21/10/2009

Santiago, 21 de outubro de 2009.

A Consellería de Economía e Industria, a través do Inega (Instituto Enerxético de Galicia) vai potenciar o aforro e a eficiencia enerxética mediante un amplo programa de axudas que, cun orzamento global de preto de 11 millóns de euros, abrangue o conxunto dos sectores económicos galegos. A devandita iniciativa, presentada hoxe polo conselleiro Javier Guerra e polo director do Instituto, Eliseo Diéguez, componse de 22 medidas específicas, que poden chegar a cubrir ata o 75% do investimento, agrupadas en seis sectores: industria, transporte, edificación, servizos públicos, transformación da enerxía e agricultura e pesca.

O titular do departamento de Economía e Industria destacou como aspectos innovadores deste programa de axudas 2009 de aforro e eficiencia enerxética do Inega a presentación telemática das axudas e a redución nos tempos de tramitación (establecido nun máximo de 4 meses fronte aos 6 meses de anteriores convocatorias) e resolución das subvencións (6 meses como prazo máximo fronte aos 9 meses en anteriores anos). "Nesta convocatoria por primeira se poden solicitar e xestionar as subvencións vía Internet, o que, sen dúbida, axudará enormemente á simplificación dos trámites; ademais marcámonos como obxectivo reducir considerablemente os prazos de tramitación e resolución de axudas, xa que desde a Consellería de Economía e Industria, a través do Inega, queremos dar unha resposta rápida e eficaz ao solicitante, como parte integrante dos novos compromisos que nesta nova etapa imos desenvolver para achegar o aforro e a eficiencia enerxética a todos os sectores", remarcou.

Javier Guerra tamén remarcou que "con esta campaña, que se insire na aposta do Goberno galego polo aforro enerxético en todos os sectores económicos, conseguiremos un investimento total asociado de preto de 36 millóns de euros e un aforro de enerxía primaria de preto de 16.500 toneladas equivalentes de petróleo, o que supón evitar a emisión de máis de 48.500 toneladas de CO2 á atmosfera".

Industria

No sector industria incentivarase o desenvolvemento de auditorías enerxéticas a industrias, cunha contía máxima de axuda do 75% do estudo, en función do consumo de enerxía da empresa, e tamén a posta en marcha de proxectos de aforro e eficiencia enerxética en industrias encamiñados á redución do consumo da enerxía nas empresas, neste caso cunha cantidade máxima de axuda de 200.000 euros por proxecto.

Transporte

Concellos, administracións públicas, empresas, entre elas as dedicadas ao transporte de mercadorías, así como as concesionarias de servizos de transporte público poderanse beneficiar do conxunto de axudas que o Inega ten en marcha para promover o aforro e a eficiencia enerxética no sector do transporte. Neste eido subvencionaranse, co ata o 60% do custo, estudos xerais de mobilidade urbana sustentable dirixidos a promover actuacións de cara á utilización de medios de transporte que consuman menores cantidades de enerxía, así como estudos previos á implantación de medidas específicas de mobilidade urbana sustentable, cunha contía máxima de subvención de 100.000 euros para os estudos e de 200.000 euros para a posta en marcha de experiencias piloto, onde se encadran, por exemplo, as redes de recarga de vehículos eléctricos.

A realización de auditorías para o desenvolvemento dun plan de transporte a unha empresa ou centro de actividade e de auditorías enerxéticas para flotas de transporte, así como os investimentos en sistemas tecnolóxicos e aplicacións orientadas á mellora da eficiencia enerxética son outras das liñas de axudas orientadas ao sector. No primeiro dos casos, estudos para plans de transporte para empresas, a axuda máxima é de 50.000 euros para os estudos e de 150.000 para os proxectos piloto, e no segundo, auditorías para a xestión de flotas de transporte por estrada, a contía máxima da axuda é do 70% do custo, cun máximo de 21.000 euros por auditoría e do 40% se se trata de investimentos.

Edificación

As liñas de axuda do sector da edificación son as máis extensas e a elas pódense acoller persoas físicas ou xurídicas de natureza pública ou privada, propietarios ou titulares de edificios do sector residencial e terciario e empresas de servizos enerxéticos. Así desde o Inega, Instituto adscrito á Consellería de Economía e Industria que dirixe Javier Guerra, potenciaranse actuacións que consigan unha redución da demanda da enerxía do edificio mediante melloras da súa envolvente térmica, para o que se outorgarán axudas por un máximo de 10.000 euros por vivenda e de 300.000 euros por edificios de vivendas.

Así mesmo subvencionaranse actuacións que teñan como fin último a mellora da eficiencia enerxética das instalacións de calefacción, produción de auga quente sanitaria e refrixeración de edificios do sector residencial ou terciario que se renoven e que consigan unha redución anual do 20% do consumo de enerxía. O importe máximo da contía será o 22% con carácter xeral e do 35%, nos casos de proxectos de alta eficiencia enerxética.

As instalacións de iluminación que se renoven tamén recibirán unha subvención máxima de 10.000 euros por edificio de vivendas en bloque e de 50.000 euros por edificio destinado a outros usos. Se o solicitante se declina pola construción de novos edificios que teñan unha cualificación enerxética A ou B (graos superiores de eficiencia) a contía máxima da subvención vai dos 15 aos 50 euros por metro cadrado, en función do uso do edificio e da cualificación enerxética.

A realización de auditorías enerxéticas en edificios do sector residencial e servizos tamén poden ser obxecto de subvención cunha contía máxima do 75% do custo do estudo, dependendo do tipo de edificio e superficie. A instalación de bombas de calor xeotérmicas en edificios poderán ser subvencionables co 30% do investimento, sempre que cumpran uns determinados requisitos técnicos, ao igual que os proxectos de instalacións de bombas de calor aire-auga e aire-aire.

Servizos públicos

A renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes aplicando criterios de aforro e eficiencia, así como de instalacións de semáforos; a substitución de tecnoloxías existentes nas instalacións de potabilización e abastecemento de augas e nas depuradoras de augas residuais por outras tecnoloxías e a realización de estudos de optimización enerxética que analicen as instalacións de iluminación pública dun concello son as liñas de axuda do Inega para o sector servizos públicos, no que se inclúen como destinatarios concellos, institucións públicas e empresas públicas ou privadas concesionarias do servizo de iluminación exterior, comunidades de propietarios e calquera asociación ou entidade pública ou privada con responsabilidade na iluminación pública exterior.

70% de subvención para instalacións de iluminación pública

O director do Inega, Eliseo Diéguez, que explicou o conxunto de medidas concretas, un total de 14, dirixidas ás entidades locais, fixo fincapé en que a contía máxima da subvención, no caso da renovación das instalacións de iluminación pública, é do 70% fronte ao 40% en anteriores convocatorias, do 40% se se trata de proxectos de mellora de eficiencia enerxética nas instalacións de potabilización de auga, e do 75% se se opta pola realización dunha auditoría enerxética da iluminación pública.

Transformación da enerxía

As empresas do sector industrial ou terciario son as posibles beneficiarias das axudas do sector da transformación da enerxía, nas que o Inega subvencionará a realización de auditorías enerxéticas en plantas de coxeración para mellorar a eficiencia (9.000 euros como contía máxima da axuda); estudos de viabilidade técnica e económica dirixidos a promover novas plantas de coxeración (11.250 euros como máximo de axuda por estudo); a construción de instalacións de coxeración de alta eficiencia con potencia eléctrica superior a 150 kW nos sectores non industriais -terciario e agropecuario, agás tratamento de xurros- (o importe máximo da axuda será de 200.000 euros por proxecto) e a promoción da instalación de plantas de coxeración de potencia eléctrica igual ou inferior a 150 kW (a contía máxima da subvención é do 30%).

Agricultura e pesca

O sector agrario-pesqueiro será tamén obxecto dunha especial sensibilidade por parte do Instituto Enerxético de Galicia que incentivará a realización de auditorías enerxéticas e de proxectos de aforro e eficiencia enerxética nestes eidos. Así, no tocante á pesca, a contía máxima das axudas será do 20% do custo do investimento para a implantación das medidas que propoñan as auditorías enerxéticas, e do 70% do custo da auditoría enerxética. En materia agraria a contía máxima por subvención será do 75% do custo da auditoría, cun límite de 8.000 euros por estudo, e do 20% para investimentos.

Accións informativas e divulgativas

Para alcanzar a máxima divulgación destas axudas o Inega realizará, tal como o anunciou hoxe en rolda de prensa o director, Eliseo Diéguez, xornadas informativas, que se celebrarán os vindeiros 4 e 18 de novembro, e que están dirixidas a particulares, profesionais e técnicos dos diferentes sectores, así como a persoal dos concellos. A inscrición, gratuíta, xa se pode formalizar a través da web do Inega: www.inega.es. Así mesmo tamén se elaboraron guías explicativas sobre o conxunto de axudas de aforro e eficiencia enerxética e sobre as medidas concretas dirixidas a concellos, que se comezarán a distribuír proximamente.

O programa de axudas de aforro e eficiencia enerxética 2009 enmárcase dentro do programa de actuacións que contempla a estratexia de aforro e eficiencia enerxética, plan de acción 2008-2012. O prazo de solicitude abrirase a semana que vén e as axudas poderanse pedir ata o 30 de novembro.