INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

PRETO DE 200 PERSOAS SE INSCRIBIRON XA NAS XORNADAS INFORMATIVAS SOBRE AS AXUDAS DO INEGA QUE TERÁN LUGAR O 4 E O 18 DE NOVEMBRO.

27/10/2009

A día de hoxe xa son 180 as persoas inscritas para participar nas xornadas informativas organizadas polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Consellería de Economía e Industria, co fin de explicar o completo e innovador programa de 22 liñas de axudas de aforro e eficiencia enerxética para este ano 2009, que chegan a cubrir ata o 75% do investimento e que permitirán mobilizar no seu conxunto un investimento total asociado de preto de 36 millóns de euros. En total serán dous encontros que se desenvolverán, en horario de mañá (de 9.00 a 13.30 horas) os próximos mércores, días 4 e 18 de novembro.

A inscrición nestes seminarios, que se abriu o pasado mércores día 21, é de balde e debe ser realizada telematicamente, a través da web do propio Instituto (www.inega.es), cumprimentando o correspondente boletín de inscrición. Para calquera dúbida ou aclaración os interesados poden enviar un correo electrónico ao enderezo inscricions@inega.es.

A pretensión do Inega, segundo afirma o seu director, Eliseo Diéguez "é lograr unha ampla difusión das xornadas, para o precisamos a máxima participación e do maior número de ámbitos posibles, posto que estamos a falar dunhas axudas que abranguen todos os sectores económicos galegos, incluído o sector servizos, ao que dedicamos unha especial atención mediante a inclusión de medidas específicas para os concellos, precisamente para prestarlles o noso apoio nestes tempos de conxuntura económica difícil, e ás que destinamos unha contía importante, algo máis de 4 millóns de euros", destacou.

Garantir a participación dos concellos

"Polo tanto é moi importante que tomen parte nestas xuntanzas informativas ademais de particulares, de profesionais e técnicos dos diferentes sectores tamén os concellos, porque teñen diante de si unha ocasión aproveitable para poder levar á práctica proxectos, a un custo baixo, que lle permitirán aumentar o aforro enerxético e aliviar a súa factura eléctrica", incidiu Diéguez. "Estoume a referir ás liñas de axudas de renovación da iluminación exterior, onde desde o Instituto Enerxético de Galicia subvencionamos o 70% do custe, e ás auditorías enerxéticas sobre iluminación, nas que o investimento que teñen que facer os concellos ascende unicamente ao 25%, correndo por conta do Inega o restante", destacou.

Presentación telemática

Durante os encontros os asistentes terán ocasión de asistir á explicación de como realizar a tramitación telemática das axudas, xa que este ano é a primeira vez que se poden solicitar vía Internet. Ademais nesta convocatoria redúcense nun terzo os prazos de tramitación e resolución, co que as subvencións deberán estar tramitadas nun prazo máximo de 4 meses e resoltas en 6.

Así mesmo os participantes nas xornadas recibirán explicación detallada dos distintos tipos de axudas e das contías económicas que cobren cada subvención. Ao final desenvolverase un coloquio co fin de que os asistentes poidan realizar calquera consulta ou aclaración. O obxectivo é que ao remate das xornadas estean totalmente familiarizados coa preparación das solicitudes.