INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA IMPLEMENTA A SÚA APOSTA POLO AFORRO E A EFICIENCIA ENERXÉTICA MEDIANTE O DESENVOLVEMENTO DE 14 CONVENIOS CUN INVESTIMENTO SUPERIOR AOS 2 MILLÓNS DE EUROS

01/04/2010

Santiago, 1 de abril de 2010.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Consellería de Economía e Industria, está a promover a potenciación do aforro e da eficiencia enerxética e o fomento da utilización das enerxías renovables, os dous piares básicos sobre os que se sustenta a política enerxética da Xunta de Galicia, ademais de con axudas específicas de preto de 16 millóns de euros e dirixidas a todos os sectores económicos -cun incremento da contía subvencionable de ata o 75%, no caso dalgunhas subvencións-, e con campañas informativas como a que puxo en marcha o 5 de Marzo, Día Mundial da Eficiencia Enerxética, baixo o título "Aseguremos o futuro. Usa a enerxía de forma eficiente", mediante o desenvolvemento de convenios de colaboración con distintas entidades e organizacións, así como coas distintas administracións.

Deste xeito a Consellería de Economía e Industria, a través do Inega, asinou nos últimos catro meses un total de 14 convenios, o que supuxo un esforzo inversor de 2.018.441 euros para impulsar os dous eixos vertebradores do modelo enerxético galego. O obxecto da sinatura destes acordos, cos que se xera un investimento asociado de 2.739.661 euros, é contribuír ao fomento do aforro e da eficiencia enerxética en distintos sectores, así como impulsar as enerxías renovables mediante o desenvolvemento de proxectos singulares que teñan un importante impacto social.

Dos devanditos convenios rubricados polo Inega, 10 corresponden ao desenvolvemento de actuacións en materia de aforro e eficiencia enerxética e 4 no ámbito de enerxías renovables, cun investimento total de 1.690.941 euros e 327.500 euros, respectivamente.

Convenios de aforro e eficiencia

O desenvolvemento dunha experiencia piloto de polígonos empresariais enerxeticamente eficientes; de actuacións de promoción do transporte urbano en bicicleta nun total de oito novos concellos; de diversos cursos de formación para mellorar a eficiencia no transporte e no sector da edificación e de accións de promoción do transporte colectivo por estrada son as accións que o Inega pretende impulsar mediante a sinatura dos 10 convenios de aforro e eficiencia enerxética.

Concretamente o Inega asinou convenios neste eido con:

  • FEGAPE (Federación Galega de Parques Empresariais) para o desenvolvemento dun proxecto innovador, cun orzamento total de 300.341 euros, consistente na realización de plans de formación e auditorías nas empresas adheridas á FEGAPE e na realización de plans de mobilidade en diversos polígonos industriais.
  • Concellos de Lalín; O Barco-A Rúa (conxuntamente); Ourense; A Coruña; Porto do Son-Noia-Lousame (un único convenio) para a promoción do transporte urbano en bicicleta. En todos os casos a aportación máxima de cada un dos cinco convenios é de 140.000 euros, o 100% do total do custo. O obxectivo fundamental destes acordos é o de impulsar a utilización deste medio de transporte polo aforro económico e enerxético que supón.
  • Faimevi e PSA Citroën para a realización de cursos de condución eficiente de vehículos turismo, por un importe de 80.000 euros.
  • Faimevi, Faepac e Sotavento para a realización de cursos de condución eficiente de vehículos turismo (150.000 euros).
  • Federación Galega de Asociacións de Fontanería, Calefacción e Afíns (FEGAFON) para a realización de cursos de validación do carné do RITE (Regulación de Instalacións Térmicas en Edificacións), por un total de 30.000 euros.
  • Acordo de coordinación coa Dirección Xeral de Mobilidade para a execución dunha medida encamiñada ao fomento da maior participación dos medios colectivos de transporte por estrada. O importe do convenio é de 430.600 euros.

Convenios de enerxías renovables

Os convenios rubricados polo Inega nos últimos meses en materia de enerxías renovables teñen como obxecto incorporar a implantación das distintas tipoloxías deste tipo de fontes renovables nas instalacións das entidades e administracións obxecto do convenio, agás o caso dun acordo, que foi para a realización de actividades formativas sobre as enerxías renovables.

A relación de convenios asinados polo Inega neste ámbito foron: coa Fundación Menela para o cofinanciamento de instalacións dunha caldeira de biomasa e de paneis solares térmicos para o apoio ao abastecemento das necesidades térmicas da Fundación Menela (90.000 euros); coa Deputación de Ourense para promover e potenciar a instalación de caldeiras de biomasa en diferentes centros educativos, culturais, etc. dependentes do organismo provincial (104.400 euros); coa S.A. de Xestión do Plan Xacobeo para a instalación de caldeiras de biomasa en diferentes albergues de peregrinos para a subministración completa das necesidades de auga quente sanitaria e calefacción dos albergues de Monte do Gozo (Santiago); "O Conco" (Dumbría); Melide; Carral e Valga (130.600 euros), e para a organización dun convenio de colaboración coa Universidade de Santiago para impartir un curso sobre as posibilidades de aproveitamento dos biocombustibles (2.500 euros).

Cumprimento dos obxectivos estratéxicos

O impulso do aforro e a da eficiencia enerxética e das enerxías renovables mediante o desenvolvemento de convenios de colaboración con distintas organizacións e/ou administracións insírese dentro da aposta global da Xunta de Galicia por construír un modelo enerxético limpo e respectuoso co medio ambiente, que ten como obxectivos prioritarios e irrenunciables, de acordo coas directrices do Plan Enerxético Estratéxico de Galicia 2010-2015, o de chegar a 2015 producindo con enerxías renovables máis do 95% do consumo de electricidade en Galicia e o de conseguir reducir a taxa actual de incremento da demanda de enerxía dun 0,99% a un 0,25%.

  1. Descarga