INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA FOMENTA A IMPLANTACIÓN DE ENERXÍAS RENOVABLES EN EDIFICIOS PÚBLICOS MEDIANTE O PROGRAMA E-SOL

10/04/2010

Santiago, 10 de abril de 2010.

"Desde a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), apostamos firmemente polas enerxías renovables e nesta liña estamos a promover a utilización deste tipo de fontes en edificios e instalacións públicas, mediante un programa de axudas específicas, coa sinatura de convenios con distintas administracións e tamén a través do proxecto E-SOL (Enerxía Sostible Local)". Así o destacou esta mañá o director do Inega, Eliseo Diéguez García, que explicou en rolda de prensa as liñas estratéxicas de actuación do programa de cooperación transfronteriza España-Norte de Portugal E-SOL, proxecto que está liderado polo Instituto Enerxético de Galicia, xa que é o socio que actúa como xefe de fila.

E-SOL ten como obxectivo específico estimular a posta en marcha de proxectos conxuntos de utilización compartida dos recursos enerxéticos e de operacións de aforro e diversificación enerxética, mediante o fomento do uso das enerxías renovables en edificacións públicas. Os restantes socios do programa son os concellos de Verín, Baltar, A Mezquita e Riós, e as cámaras municipais de Chaves e Vinhais, xunto co Instituto Politécnico de Viana do Castelo.

Carácter exemplarizante

O director do Inega incidiu no carácter exemplarizante de E-SOL "xa que a totalidade das accións desenvólvense en instalacións de propiedade pública, polo que ademais do beneficio obvio para os cidadáns, as accións teñen un carácter exemplarizante; a pretensión é que teñan replicabilidade no resto da cidadanía, é dicir, que este modelo de aposta polas enerxías renovables sexa un referente a seguir por parte de doutras institucións e entidades públicas".

Inega, socio con maior participación

Eliseo Diéguez resaltou ademais que o Inega ademais de ser xefe de fila deste proxecto que ten unha duración de dúas anualidades (2009 e 2010), é o socio con maior participación, cun 36%, e achega 450.000 euros do 1.238.550 euros do orzamento total do que dispón o programa que conta cunha achega de fondos Feder nun 75%”.

"Ademais -engadiu- E-SOL é un exemplo claro da aposta do Goberno galego pola potenciación da utilización das enerxías renovables e do aforro e da eficiencia enerxética de cara a acadar no ano 2015 a produción de máis do 95% do consumo de electricidade en Galicia con este tipo de fontes, de acordo coas directrices do Plan Enerxético Estratéxico de Galicia 2010-2015".

Así mesmo, Diéguez García sinalou que "entre os obxectivos específicos do programa atópanse o de reducir a factura enerxética nas institucións públicas mediante accións de substitución de enerxías renovables; o desenvolvemento de accións de formación específica nesta materia tales como o curso de Xestor Enerxético Municipal que terá lugar a finais de maio, e a xeración de emprego a medio prazo".

E-SOL púxose en marcha o pasado ano, no que se levaron a cabo as actividades de xestión do proxecto, a través dunha primeira fase na que se seleccionaron as instalacións públicas onde se pretende actuar. En total foron elixidos 13 edificios municipais para a substitución de sistemas convencionais por sistemas de enerxías renovables.

Aforro do 40%

Actualmente tras redactar os proxectos técnicos de execución estase na fase de execución das obras de substitución dos sistemas convencionais de produción de enerxía por sistemas renovables, entre eles por caldeiras de biomasa, coas que se conseguirán un aforro do 40% no consumo.

Diéguez subliñou que "a través de E-SOL estanse a desenvolver instalacións de subministro enerxético integral ou de apoio en 13 edificios: casas consistoriais, centros sociais, centros de saúde e instalacións deportivas". Boa parte das actuacións proxectadas consisten en aplicar aos edificios sistemas de "district-heating", nos que un sistema central subministra enerxía a un grupo de edificios para abastecer a estes inmobles de sistema de auga quente sanitaria e dar cobertura á demanda de enerxía térmica.

Estudo pioneiro de viabilidade da biomasa

O director do Inega tamén anunciou que "tamén levaremos a cabo un estudo de viabilidade do mercado da biomasa nesta área, que terá como fin avaliar as condicións existentes e a sostibilidade de futuras actuacións que se queiran realizar para levar a cabo desenvolvementos de tipo industrial, tales como a construción de plantas elaboradoras de pellets ou similares, o que axudará á xeración de emprego a medio prazo". "Pese a que as condicións da zona son inmellorables para o desenvolvemento de grandes extensións arbóreas, fluxo de xeración de residuos forestais e industria de transformación da madeira, ata o momento non houbo ningún actuación destas características", aclarou.

Actividades de difusión

O plan de comunicación do proxecto E-SOL inclúe a celebración de seminarios de presentación de resultados, a edición e mantemento dunha páxina web propia (www.esol-project.com) e a realización dunha reportaxe multimedia que posibilitará a difusión do proxecto transfronterizo na Unión Europea.