INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

HOXE DEU COMEZO O PROGRAMA DE CURSOS DE ECONOMÍA E INDUSTRIA PARA ESTE ANO SOBRE CERTIFICACIÓN ENERXÉTICA DE EDIFICIOS

20/04/2010

Santiago, 20 de abril de 2010.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Consellería de Economía e Industria, iniciou hoxe o seu programa de actividades de formación para este ano en materia de "Modelización e prácticas experimentais para a Certificación Enerxética de Edificios", que abrangue un total de 9 cursos que se desenvolverán nas diferentes cidades galegas.

O director do Inega, Eliseo Diéguez García, inaugurou esta tarde o primeiro destes nove seminarios que se desenvolverá na sede do Instituto (Rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5 – San Lázaro), ao longo de 9 xornadas de tarde (en horario de 16.00 a 20.00 horas) ata o próximo 6 de maio.

Eliseo Diéguez resaltou "o gran interese que están a espertar estes cursos, que se reflicte no elevado número de preinscricións que se levan rexistradas". Así mesmo defendeu que "é imprescindible a formación específica neste ámbito para lograr, co esforzo de todos, que se consuma menos enerxía e dun xeito máis eficiente neste sector, que se sitúa nuns índices de consumo no contexto europeo de entre o 35% e o 40%".

O obxectivo final destes seminarios, que o Inega desenvolve no marco de colaboración global que ten co IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía), é o de formar, informar e concienciar aos axentes implicados e aos afectados pola nova normativa enerxética edificatoria para propiciar unha racionalización do gasto enerxético.

Prácticas experimentais

Estes cursos están dirixidos a capacitar aos profesionais da edificación no manexo dos programas informáticos de referencia relacionados coa eficiencia enerxética no sector da edificación, mediante métodos experimentais e resolución de casos prácticos. Por esta razón os seminarios van dirixidos a profesionais relacionados co deseño e verificación de sistemas relacionados co consumo de enerxía na edificación, particularmente en arquitectura, sistema de climatización, iluminación e enerxías renovables, así como a estudantes de último curso e posgrao en Escolas de Enxeñerías (Superior e Técnica) e Arquitecturas (Superior e Técnica).

Calendario

Ademais do curso que hoxe arrancou e que se desenvolverá no Inega, os restantes oito impartiranse entre os meses de abril a xullo, de acordo co seguinte programa provisional (susceptible dalgún tipo de cambio, por motivos técnicos e organizativos). (Prema para ver o PDF do calendario)

Requisitos para a admisión

O custo de realización por curso é de 60 euros. A preinscrición realizarase a través da páxina web de Bureau Veritas (www.bureauveritas.es/construccion), como entidade encargada polo Inega para a xestión e impartición dos cursos. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de recepción, ata un máximo de 25, sempre que se reúnan os requisitos precisos. Non serán seleccionados aqueles alumnos dos que non se recibiu os seus curriculums antes do prazo límite de preinscrición.

  1. Descarga