INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA E MEDIO RURAL COLABORAN NO DESENVOLVEMENTO DE ACTUACIÓNS DE FOMENTO DAS ENERXÍAS RENOVABLES

24/04/2010

Santiago, 24 de abril de 2010.

A Consellería de Economía e Industria, a través do Inega, colaborará coa Consellería de Medio Rural, da man da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), en materia de investimentos en enerxías renovables no medio rural, de acordo a un convenio de colaboración fixado entre ambos organismos, que recentemente foi asinado polos seus responsables: o director do Inega, Eliseo Diéguez García, e o director xeral de Agader, Antonio Crespo Iglesias.

Dada a circunstancia de que tanto o Inega como a Axencia adscrita á Consellería do Medio Rural, Agader, teñen liñas de axudas similares de apoio e fomento ás enerxías renovables para o desenvolvemento de proxectos de enerxía solar, tanto térmica como fotovoltaica, dirixidas en ambos casos a concellos, o que se pretende a través deste convenio é establecer criterios claros de delimitación respecto a que actuacións serán subvencionadas polo Inega e cales por Agader.

Complementariedade de axudas

O obxectivo prioritario que se procura, tanto por parte do Inega como de Agader, con este marco de colaboración estable é evitar o solapamento e a duplicidade de axudas, logrando así a súa complementariedade, así como diversificar e incrementar o número de concellos beneficiarios das subvencións de fomento das enerxías renovables que ten establecidas a Xunta de Galicia.

Demarcación por beneficiario e tipo de enerxía

Deste xeito, a potencia dos proxectos de enerxía solar fotovoltaica subvencionables por Agader non poderá superar os 40 kW, mentres que os de enerxía solar térmica non deberán exceder unha superficie de 150 m2 de paneis, se o destino da enerxía é o quentamento de piscinas, 50 m2 se a súa aplicación é para polideportivos e 35 m2 para o resto de edificacións. O Inega atenderá ao resto de beneficiarios (é dicir, subvencionará os proxectos de enerxía solar fotovoltaica e solar térmica que non sexan desenvolvidos por concellos), así como aqueles proxectos que, promovidos pola Administración Local, superen os anteriores límites.

Asesoramento técnico

Ademais, o Inega comprométese a supervisar, desde o punto de vista enerxético, a viabilidade dos proxectos tramitados en Agader. Os técnicos do Instituto emitirán unha ficha previa de viabilidade, ao obxecto de que Agader poda resolver a selección de proxectos coas garantías, técnicas e normativas necesarias, referentes ao sector enerxético.

Abrir vías de colaboración

O devandito marco de colaboración entre Inega e Agader tamén servirá de base para realizar calquera tipo de actividades que as dúas partes consideren de interese mutuo e que se concretarán a través dos oportunos protocolos.

O presente convenio terá vixencia ata o 31 de decembro de 2010, considerándose prorrogado tacitamente se non o solicita de modo expreso calquera das partes.