INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

AS AXUDAS DE ECONOMÍA E INDUSTRIA A PROXECTOS DE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA ASCENDEN A 860, UN 46% MÁIS QUE EN 2008, E SUPOÑEN UN INVESTIMENTO ASOCIADO DE CASE 33 MILLÓNS DE EUROS

27/04/2010

Santiago, 27 de abril de 2010.

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra Fernández, informou hoxe que o número de axudas concedidas de aforro e eficiencia enerxética do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) 2009 ascende a un total de 860, o que supón o 71% do total de solicitudes validadas e representa un incremento do 46% con respecto á anterior convocatoria, cifras todas elas que demostran a excelente acollida que tivo entre a cidadanía este programa de axudas, que abranguen todos os sectores económicos e que están abertas a calquera persoa ou entidade.

O titular autonómico indicou, en comparecencia de prensa, na que estivo acompañado polo director do Inega, Eliseo Diéguez García, que hoxe se vén de publicar no DOG a resolución provisional dos proxectos de aforro e de eficiencia de 2009 con dereito a subvención, cumprindo o compromiso de lograr unha redución dun 33% nos tempos de tramitación e resolución das axudas con respecto a anos precedentes, co fin de garantir unha resposta máis rápida e eficaz aos usuarios.

Javier Guerra sinalou que as 860 axudas concedidas suman un orzamento de case 9,1 millóns de euros (sobre os 10.037.868,2 euros contemplados na convocatoria), o que supón un investimento asociado de aproximadamente 33 millóns de euros. Así mesmo anunciou que a partida de case 1 millón de euros restante se destinará a sendas convocatorias de ampliación de fondos do Plan Renove de Fiestras e do Plan Renove de Electrodomésticos que se porán en marcha proximamente, atendendo á gran demanda que teñen estas actuacións entre os cidadáns.

Guerra fixo fincapé, ao igual que na presentación deste programa de axudas o pasado mes de outubro, na especial entrega da Consellería de Economía e Industria e do Inega para cos concellos, habilitando un paquete de medidas específicas orientadas a este sector e incrementando a contía subvencionable dalgunhas axudas ata o 75%.

Máis de metade dos concellos recibiron axudas

O conselleiro puntualizou que o número final de concellos beneficiarios nesta convocatoria é de 164 (posto que un mesmo municipio pode recibir varios tipos de axudas), o que representa un incremento do 50% con respecto a 2008, ano no que se outorgaron axudas a 109 municipios. Isto significa que un 52% das entidades locais galegas recibiron algún tipo de subvención por parte do Inega, o que supón que estas subvencións beneficiarán a unha poboación potencial de preto de 1,8 millóns de galegos, precisou.

Case o 50% do orzamento para os concellos

Proba deste compromiso coa Administración Local -engadiu- é que case o 50% do orzamento concedido a estas axudas, se destina ao sector servizos públicos, onde os beneficiarios son exclusivamente os concellos galegos con 3 liñas específicas: auditorías enerxéticas a instalacións de iluminación pública; renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes e proxectos de mellora da eficiencia enerxética das instalacións de potabilización, abastecementos e depuración de augas residuais. Estas medidas únicas para os municipios representan no seu conxunto un orzamento de preto 4,5 millóns de euros, case o 50% do total do concedido destinado nesta convocatoria, remarcou.

Pero cómpre aclarar que ademais destas 3 liñas específicas de axudas para concellos -que suman 206 subvencións concedidas, unha suba de máis do 60% con respecto a 2008-, na convocatoria de axudas de aforro e eficiencia enerxética 2009, as entidades locais puidéronse acoller a un total de 14 medidas diferentes das 22 liñas de subvencións habilitadas na convocatoria, o que se traduce nun total de 267 axudas concedidas (nas que están incluídas as 206 anteriores), e supón que o 31% das subvencións totais concedidas tiveron os municipios como destinatarios únicos.

Liñas de axudas exclusivas para concellos

Das liñas específicas de axudas a concellos, os proxectos de renovación da iluminación pública obtiveron a maior demanda de solicitudes, polo que o orzamento inicial para esta liña incrementouse nun 18% (550.000 euros) e achégase aos 4 millóns de euros. A alta demanda de solicitudes neste tipo de proxectos vén orixinada fundamentalmente polo incremento na porcentaxe de axuda neste tipo de proxectos pasando do 40% en convocatorias anteriores ao 70%, o que suporá que a práctica totalidade das subvencións concedidas, un total de 67, se levarán á práctica, ao ser as achegas municipais moito menores, incrementándose así o nivel de execución con respecto á anteriores convocatorias (en torno ao 50%).

Así mesmo, un total de 59 concellos foron perceptores das axudas para levar a cabo auditorías enerxéticas a instalacións de iluminación pública, unha nova liña de subvencións posta en marcha este ano, e na que a contía subvencionable ascende ao 75%.

Por último, un total de 80 concellos resultaron beneficiarios de proxectos de mellora da eficiencia enerxética en instalacións de potabilización e depuración de augas residuais, o que representa a súa multiplicación por 10 con respecto a 2008.

Distribución de axudas por sectores

O sector edificación e o sector servizos públicos son os que presentan un maior número de axudas concedidas con 463 e 208 respectivamente, seguidos polo sector da industria (87); transporte (41); agricultura e pesca (33) e transformación da enerxía (28).

Coa resolución das axudas de aforro e eficiencia enerxética, que se vén sumar á das axudas a proxectos de enerxías renovables (publicada no DOG o 12 de abril), Economía e Industria completa a execución do programa de subvencións 2009 do Inega dentro do prazo estipulado fixado para esta convocatoria, e que é de 4 meses desde a data de finalización de presentación de solicitudes, reducindo nun terzo os tempos de resolución e tramitación.

Aforro económico e enerxético

O programa de axudas 2009 do Instituto Enerxético de Galicia, cun orzamento de case 9,1 millóns de euros, permitirá xerar un investimento asociado de 33 millóns de euros, xerando un aforro de enerxía de máis de 15.015 toneladas equivalentes de petróleo e evitará a emisión á atmosfera de 44.000 toneladas de CO2.