INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA EMPRENDE UNHA CAMPAÑA INFORMATIVA PARA POÑER FIN ÁS RECARGAS QUE AFECTAN AOS USUARIOS DE MÁIS DE 10 kW QUE AÍNDA NON CONTRATARAN A SUBMINISTRACIÓN NO MERCADO LIBRE

13/08/2010

Santiago, 13 de agosto de 2010.

A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e coa colaboración do Instituto Galego do Consumo (IGC), ambos os dous organismos dependentes do departamento que dirixe Javier Guerra Fernández, vai poñer en marcha unha campaña informativa para evitar as recargas que están a sufrir na súa factura eléctrica un gran número de usuarios, -entre os que se atopan particulares, administracións, pemes, etc.- que teñen unha potencia contratada de máis de 10 kW, e que aínda non contrataron a subministración cunha empresa comercializadora do mercado libre (trámite obrigatorio para os consumidores de máis de 10 kW, que non poden acollerse á Tarifa de Último Recurso). Así o anunciaron esta mañá, nunha rolda de prensa conxunta, o director do Inega, Eliseo Diéguez García, e a presidenta do IGC (Instituto Galego de Consumo), Nava Castro Domínguez.

Nava Castro subliñou que "se trata dunha acción transversal, que afecta ao consumo e máis concretamente ao consumo enerxético, e de aí que no desenvolvemento desta actuación esteamos implicados e coordinados tanto o Instituto Galego de Consumo como o Instituto Enerxético de Galicia, dependentes da Consellería de Economía e Industria".

Así mesmo a presidenta do IGC e á súa vez directora xeral de Comercio incidiu no alcance e na relevancia que se pretende con esta campaña, que "é a de conseguir que os cidadáns galegos que actualmente están sufrindo recargas na súa facturación non as teñan que pagar de aquí en adiante".

Pola súa parte, o director do Inega explicou que estes subrecustos son, por termo medio, do 20% da facturación pero poden chegar incluso ata o 40% naqueles consumidores que teñen discriminación horaria, onde se aplica o mesmo prezo a todo o consumo. "Ademais -engadiu-, o que é aínda máis grave é que se non se realiza o trámite obrigatorio de contratar a subministración cunha empresa comercializadora, a distribuidora poderalle cortar a subministración o vindeiro 1 de xaneiro de 2011, segundo se recolle na normativa ao respecto".

"Co fin de axudar a que os cidadáns non paguen máis, senón unicamente o que teñen que pagar, máis nestes tempos difíciles, evitando así as recargas nas facturas e o futuros cortes na subministración, desde a Consellería de Economía e Industria e contando coa colaboración do IGC- imos emprender unha campaña informativa para alertar sobre este sobreprezo", indicou Diéguez.

"Deste xeito distribuiremos folletos informativos, avisando desta situación, e nos que se recollen as instrucións necesarias a poñer en práctica polos consumidores de máis de 10 kW para evitar este subrecusto, instrucións que son moi sinxelas e que consisten basicamente en contactar con algunha empresa comercializadora (recoméndase un mínimo de tres; o listado pódese atopar na web da CNE, www.cne.es) e solicitarlles ofertas", aclarou. "Para isto o usuario só deberá facilitar o CUPS (Código Unificado do Punto de Subministro) que figura na súa factura eléctrica", precisou.

A partir de aí o usuario, unha vez dispoña de ofertas das empresas comercializadoras, deberá avaliar e escoller a máis vantaxosa para os seus intereses e terá que aplicar os novos prezos ao seu consumo dos últimos 12 meses e comprobar a diferenza. Se non dispón dun histórico de consumo, pode comparar os prezos que lle oferten cos prezos de referencia da TUR. Unha vez escollida a empresa comercializadora coa que se vai contratar a subministración, esta realizará os trámites correspondentes, sen ningún custo.

Colaboración cidadá

O director do Inega sinalou que "faremos chegar esta información a todos os concellos, ás OMIC (Oficinas Municipais de Información aos Consumidores), para que trasladen esta importante información aos seus asociados, así como a outros usuarios que se atopen nesta situación", aclarou. "En definitiva, trátase de chegar ao maior número de usuarios para que estes, á súa vez, trasladen esta comunicación porque o aforro e a eficiencia enerxética é cousa de todos, por iso pedimos o esforzo e a colaboración dos cidadáns nesta campaña e tamén a dos medios de comunicación" -engadiu Diéguez-, aspecto este da colaboración cidadá que tamén foi resaltado pola presidenta do IGC.

  1. Descarga