INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA MOBILIZA UN INVESTIMENTO DUNS 16,5 MILLÓNS E POSIBILITA UN AFORRO DE 1,3 MILLÓNS AOS MÁIS DE 32 MIL BENEFICIARIOS DO RENOVE ELECTRODOMÉSTICOS

25/08/2010

Santiago, 25 de agosto de 2010.

Os 3,1 millóns de euros do Plan Renove de Electrodomésticos 2010 veñen de completar a súa execución nalgo máis de quince días, o que confirma o éxito da nova edición desta campaña de aforro e eficiencia enerxética nos fogares galegos, promovida pola Consellería de Economía e Industria, e consistente na substitución de electrodomésticos antigos por equipamentos máis eficientes (clase A ou superior). Mediante esta actuación a Consellería que dirixe Javier Guerra, a través do Inega, ten impulsado a mobilización dun investimento asociado duns 16,5 millóns de euros e un aforro superior aos 1,3 millóns de euros en consumo de electricidade para os máis de 32.000 beneficiarios.

O director do Inega, Eliseo Diéguez, realizaba hoxe estas declaracións para facer balance do programa, tras confirmarse a finalización dos fondos destinados ao devandito Plan, que vai permitir a cada beneficiario un aforro anual de 40 euros na factura da luz, ao posibilitar a redución no seu consumo eléctrico de en torno a un 8%.

Segundo Diéguez, "confírmase así a excelente acollida que tivo entre o conxunto da cidadanía o Plan Renove de Electrodomésticos desde que se abriu, xa que na primeira semana de funcionamento se rexistraron preto de 20.000 solicitudes de axuda para a adquisición de equipos eficientes enerxeticamente".

O Plan Renove de Electrodomésticos 2010, actuación que se engloba dentro a aposta global da Xunta de Galicia pola potenciación do aforro e da eficiencia enerxética, alcanzou a cifra de 32.295 vendas de electrodomésticos eficientes enerxeticamente. Dos máis de trinta e dous mil aparatos substituídos mediante esta campaña, 12.323 corresponden á provincia da Coruña; 5.522 á de Lugo; 4.646 á de Ourense e 9.804 á de Pontevedra.

Por tipoloxías de electrodomésticos, os máis demandados foron as lavadoras de clasificación enerxética A e os frigoríficos-conxeladores con clasificación A+ (cun total de 10.409 e 8.051 vendas). A relación completa de electrodomésticos adquiridos mediante este Plan é a seguinte: 8 frigoríficos con clasificación enerxética A++; 483 frigoríficos-conxeladores con clasificación A++; 79 conxeladores con clasificación A++; 1.599 frigoríficos con clasificación A+; 8.051 frigoríficos-conxeladores con clasificación A+; 3.672 conxeladores con clasificación A+; 1.471 lavadoras termoeficientes de clasificación enerxética A; 10.409 lavadoras de clasificación enerxética A; 1.081 lavalouzas termoeficientes de clase enerxética A; 1.641 placas de indución total; 2.643 fornos con clasificación enerxética A; 944 lavalouzas de clase enerxética A; 26 placas de indución mixta e 188 placas de gas.

O director do Inega subliñou que "a elevada repercusión que o Plan Renove de Electrodomésticos tivo entre a poboación é explicable polo dobre aforro que xera, xa que por un lado ten repercusión directa sobre a economía familiar ao permitir aforrar unha cantidade de diñeiro que pode chegar ata os 125 euros a través da substitución dun equipamento por outro novo máis eficiente desde o punto de vista enerxético e ao mesmo tempo permite diminuír o consumo eléctrico nun 8%". Así mesmo agradeceu a colaboración aos preto de 900 establecementos que solicitaron adherirse á campaña como entidades colaboradoras.

Ademais de promover a redución do consumo eléctrico o Plan Renove de Electrodomésticos encádrase na aposta da Consellería de Economía e Industria por fomentar un axeitado aproveitamento dos recursos autóctonos conxugado co respecto escrupuloso ao medio ambiente. O aforro en enerxía primaria estimado con esta campaña alcanzou os 16.000 MWh, o que supuxo evitar a emisión de 2.500 toneladas de CO2 á atmosfera.

Por último, cómpre destacar que o Plan Renove Electrodomésticos 2010 se inscribe dentro das actividades de aforro e eficiencia enerxética da estratexia en marcha para este ano en curso, que conta cun orzamento total de máis de 21 millóns de euros, programa de actuacións co que se xerará un investimento asociado de en torno a 75 millóns de euros, e coa que se prevé un aforro en enerxía primaria de preto de 200 mil MWh anuais, un aforro económico de case 16 millóns de euros e a redución na emisión á atmosfera de máis de 78 mil toneladas de CO2.

  1. Descarga