INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA ABRE O 16 DE DECEMBRO AS AXUDAS DO NOVO PLAN RENOVE DE FIESTRAS, QUE MOBILIZARÁ UN INVESTIMENTO DE 7,6 MILLÓNS DE EUROS

12/12/2010

Santiago, 12 de decembro de 2010.- Desde o próximo xoves, 16 de decembro e ata o 29 de outubro de 2011 ou ata a finalización anticipada de fondos pódense solicitar as axudas correspondentes ao novo Plan Renove de Fiestras, que cun orzamento que medra un 17% e que se sitúa en 1.840.775 euros como punto de partida, mobilizará un investimento de 7,6 millóns de euros.

O obxectivo deste Plan que ten en marcha a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, é incentivar a rehabilitación dos ocos acristalados das fachadas, co fin de acadar melloras significativas na vivenda ou nos edificios do sector terciario, co conseguinte aforro en termos económicos.

Co novo Renove de Fiestras 2010, incardinado na aposta estratéxica da Xunta de Galicia pola potenciación do aforro e da eficiencia enerxética, o Inega habilita axudas para a renovación de fiestras que ascenden a un máximo de 100 euros por metro cadrado, cuns límites de 5.000 euros por vivenda unifamiliar e de 100.000 euros en edificios do sector terciario. En calquera caso a cantidade da subvención non poderá ser superior ao 25% do custo total da obra.

No caso de que o beneficiario obtivese en anteriores edicións subvencións relativas ao cambio de fiestras para unha mesma vivenda, o límite máximo de todas as axudas en conxunto será de 10.000 euros por vivenda unifamiliar, e de 300.000 euros en edificios do sector terciario, agás axudas outorgadas a empresas cuxo límite será de 200.000 euros.

Cos 1,84 millóns de euros que Economía e Industria destina a esta liña de axudas de promoción do aforro e da eficiencia na edificación, preténdese alcanzar un investimento asociado de 7,6 millóns de euros, así como un aforro de enerxía estimado en 4.382 MWh; e unha redución na emisión á atmosfera de 1.726 toneladas de CO2. Ademais esta campaña que se desenvolve en coordinación coas entidades colaboradoras adheridas ao Plan, algo máis de 300 establecementos, estímase que permitirá a substitución de fiestras en preto de 1.400 vivendas.

Os beneficiarios destas axudas poderán ser persoas físicas ou xurídicas, de dereito público ou privado, propietarios de vivendas ou edificios do sector terciario sempre que a actuación subvencionable se realice en vivendas ou edificios terciarios da súa titularidade sitos en Galicia. No caso de persoas xurídicas de dereito público ou privado deberán ter o domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia. No caso de que unha comunidade de veciños se poña de acordo para renovar as fiestras do edificio, a axuda solicitarase individualmente por vivenda.

Actuacións subvencionables
Deste xeito subvenciónase a substitución de novas fiestras que separen estanzas calefactadas do exterior, sempre por outras de igual ou inferior tamaño, e cando cumpran os requisitos de dispoñer de marcado CE e as esixencias mínimas de eficiencia enerxética. Así serán subvencionables a ventás de carpintería de madeira ou PVC e acristalamento que cumpra algún dos seguintes requisitos: dobre acristalamento con cámara de 12 mm ou superior; dobre acristalamento con cámara de 6 mm ou superior e con cristal exterior baixo emisivo (con emisividade menor ou igual 0,1). No caso de que a fiestra sexa de carpintería metálica deberá ter unha rotura de ponte térmica de 12 mm ou superior con dobre acristalamento de cámara de 6 mm ou superior e con cristal exterior baixo emisivo (con emisividade menor ou igual a 0,1).

O conxunto das fiestras que poderán ser obxecto de subvención deberán dispor dunha persiana, contra ou cortinón completamente opaco, capaz de pechar toda a superficie da fiestra -non se admitirán persianas venecianas, cortinas translúcidas, etc-. Este elemento poderá ser novo ou reutilizado da instalación anterior. En todo caso, se é novo o seu importe incluirase no investimento total do custo da obra. Será igualmente subvencionable a colocación dunha nova fiestra paralela á existente (dobre fiestra), sempre e cando esta nova fiestra satisfaga os requisitos enerxéticos citados.

As únicas portas subvencionables son as portas balconeiras, é dicir, as que dan a un balcón ou terraza pechados (non a patios nin a xardíns), sempre e cando separen estancias calefactadas do exterior. O IVE (Imposto sobre o Valor Engadido) non será subvencionable no caso de que o beneficiario sexa unha empresa, de acordo coas bases das axudas.

Proceso de obtención da axuda
Para ser beneficiario da subvención a persoa solicitante terá que tramitar a súa solicitude a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas ao Plan. Coa xestión das actuacións do Plan Renove de Fiestras 2010 de Economía e Industria incardinadas na estratexia de aforro e eficiencia enerxética para o exercicio en curso, que conta cun orzamento total superior aos 21 millóns de euros, prevese a xeración dun aforro enerxético de preto de 16.000 MWh e unha redución na emisión á atmosfera de case 2.500 toneladas de CO2.