INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA XEROU UN INVESTIMENTO DE 7,2 MILLÓNS DE EUROS COS 1,8 MILLÓNS DE ORZAMENTO DO PLAN RENOVE DE FIESTRAS

17/01/2011

Esta actuación, que se enmarca na aposta estratéxica da Xunta de Galicia pola potenciación do aforro e da eficiencia enerxética, posibilitou a renovación de ventás en 1.368 vivendas e edificios; un aforro de enerxía primaria de 139 toneladas equivalentes de petróleo e unha redución na emisión á atmosfera de 326 toneladas de CO2

O número de establecementos comerciais adheridos, un total de 365, por riba das previsións iniciais, o que supuxo que a demanda de axudas fose tamén moi alta, explica a rápida finalización dos fondos dispoñibles

Santiago, 17 de decembro de 2010.- O Plan Renove de Fiestras 2010 do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito a Economía e Industria, permitiu mobilizar un volume de investimentos de ao redor de 7,2 millóns de euros mediante a renovación de fiestras en 1.368 vivendas e edificios, que se levaron a cabo cos 1.840.775 euros de orzamento con que contou esta actuación, incardinada na aposta estratéxica da Xunta de Galicia pola potenciación do aforro e da eficiencia enerxética.

O Plan Renove de Fiestras é unha liña de axudas cuxo obxectivo é alcanzar melloras significativas na demanda enerxética nas vivendas e nos edificios do sector terciario, mediante incentivos á renovación de ventás, dun máximo do 25% do custo total da obra, cuns límites de 5.000 euros por vivenda unifamiliar e de 100.000 euros por edificios do sector terciario.

O número de establecementos comerciais adheridos ao Plan, un total de 365, por riba das previsións iniciais, o que supuxo que a demanda de axudas fose tamén moi alta, explica a rápida finalización dos fondos dispoñibles, aínda que este ano se incrementou o orzamento nun 17% con respecto ao ano anterior.

O remate anticipado do presuposto deste Plan ratifica o bo grao de aceptación que este tipo de actuacións de promoción do aforro e da eficiencia teñen entre a cidadanía, como xa vén sendo unha práctica habitual con este tipo de accións de promoción do aforro e da eficiencia impulsadas desde o Instituto Enerxético de Galicia.

Ademais do aforro económico que o Plan Renove de Fiestras supuxo para os beneficiarios destas axudas, coas actuacións asociadas a esta campaña, tamén se posibilitou un aforro de enerxía estimado en 139 toneladas equivalentes de petróleo, o que produce unha redución de emisións á atmosfera de 326 toneladas de CO2.

Proximamente o Inega estudará, en función dos fondos dispoñibles, se fará unha ampliación de fondos deste Plan que, en todo caso, o Instituto adscrito a Economía e Industria seguirá desenvolvendo anualmente.

O Plan Renove de Fiestras 2010 inscríbese dentro das actividades de aforro e eficiencia enerxética da estratexia global da Xunta de Galicia neste eido, e no marco da cal a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, destina neste exercicio máis de 21 millóns de euros a desenvolver distintas liñas de axudas que se achegarán a todos os sectores económicos co fin de conseguir un aforro enerxético superior a 193 mil MWh anuais, un aforro económico de preto de 16 millóns de euros anuais, unha redución de máis de 78 mil toneladas de CO2 á atmosfera, cun investimento asociado de 75 millóns de euros.