INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA DISPORÁ PARA USO DO INEGA DUN VEHÍCULO PROPULSADO CON AUTOGÁS, CEDIDO POR REPSOL E SEAT, PARA COÑECER DE PRIMEIRA MAN OS BENEFICIOS DESTA NOVA TECNOLOXÍA

25/12/2010

- O director do Instituto Enerxético de Galicia recibiu hoxe este automóbil da man do director territorial de GLP de Repsol en Galicia e Asturias, que estará á disposición do persoal do Instituto durante tres meses para coñecer de primeira man as súas vantaxes, entre as que se atopa a eliminación practicamente das emisións de óxidos de nitróxeno e de partículas á atmosfera

- O Inega, no marco do Plan de Vehículos Eficientes, concedeu un total de 85 axudas a transformacións a GLP de vehículos novos, cunha contía subvencionable entre 1.200 e 2.000 euros por automóbil

Santiago, 25 de decembro de 2010.- O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito a Economía e Industria, disporá, grazas á colaboración de Repsol e de Seat, dun vehículo alimentado con autogás, co fin de que durante tres meses probe e coñeza de primeira man as particularidades e os principais beneficios asociados á utilización desta tecnoloxía consistente en utilizar o Gas Licuado do Petróleo (GLP) como carburante para automoción. O director do Inega, Eliseo Diéguez García, recibiu hoxe o devandito automóbil por parte do director territorial de GLP de Repsol en Galicia e Asturias, César Joral Badás.

Este vehículo, modelo Seat Altea XL, que conta con dobre motorización (GLP e gasolina), quedará durante este tempo á disposición do Inega para que poida coñecer esta nova opción de mobilidade, así como as vantaxes e inconvintes asociadas a esta tecnoloxía; os consumos; os custos de mantemento, a autonomía do coche, así como todas as particularidades asociadas á utilización deste combustible alternativo.

Con esta cesión, tanto o Instituto adscrito a Economía e Industria como Repsol, confirman a súa aposta polo desenvolvemento do autogás en Galicia como un combustible alternativo, respectuoso co medio natural e cos obxectivos de mellora da calidade do aire nas grandes cidades, posto que permite eliminar practicamente as emisións de óxidos de nitróxeno e partículas.

Plan de Vehículos Eficientes
O Instituto Enerxético de Galicia, vén potenciando, a través do Plan de Vehículos Eficientes enerxeticamente, integrado neste exercicio no Plan de apoio á automoción galega, re-Móvete 2010, ademais das compras de vehículos eléctricos ou híbridos de combustión directa de hidróxeno ou de pilas de combustible, turismos bi ou multicombustibles de gas natural ou GLP, a compra ou transformación de vehículos novos ou usados a GLP. Ata día de hoxe o Inega concedeu un total de 85 axudas a transformacións a GLP de vehículos novos, cunha contía subvencionable entre 1.200 e 2.000 euros por automóbil.

Vantaxes
O autogás é o carburante alternativo máis utilizado no mundo. Trátase dunha mestura de butano e propano que empregan uns 7 millóns de vehículos en Europa e máis de 3.000 en España. Estes automóbiles están dotados con motores "bifuel", capaces de cambiar de autogás a gasolina en marcha, tan só con activar un botón no cadro de mandos do vehículo.

Polas súas características, o uso do autogás xera menos emisións de CO2 e elimina de forma significativa as emisións de óxidos de nitróxeno e de partículas, polo que contribúe á mellora da calidade do aire nas grandes cidades. Ademais, os niveis de ruído vense reducidos nun 50%.

Outras vantaxes técnicas do autogás son facilitar unha condución máis suave; unha maior autonomía por tratarse de vehículos "bifuel", con dous combustibles alternativos; máis duración do motor porque o seu combustible é máis limpo; menor custo de mantemento debido á redución de avarías e a realización de cambios de aceite máis espazados.

Puntos de subministro
En Galicia Repsol dispón de tres puntos de subministro ao público de autogás (emprazados na Coruña, Santiago e Vigo), dos máis de 50 que xa ten equipados con este combustible no mercado español. Está previsto que nos próximos meses se abran dúas novas estacións de servizo con este combustible na comunidade autónoma e que o total no mercado español sexa de 80.