INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O INEGA INCENTIVARÁ A TRAVÉS DO PROGRAMA BICIDADÁNS O USO DA BICICLETA COMO MEDIO DE TRANSPORTE EN 8 CONCELLOS EN 2010 MEDIANTE ACHEGAS, A FONDO PERDIDO, DUN MÁXIMO DE 700.000 EUROS

05/01/2010

Santiago, 5 de xaneiro de 2010.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Consellería de Economía e Industria, destinará á través do programa Bicidadáns, de promoción do transporte urbano e interurbano en bicicleta, unha partida orzamentaria máxima de 700.000 euros en 2010 para incentivar a utilización deste medio de dúas rodas, acción que se enmarca na súa política de fomentar a eficiencia no transporte público.

A través da próxima sinatura de cinco convenios cun total de oito concellos (Lalín, O Barco-A Rúa -que concorren á axuda de xeito conxunto-, Porto do Son-Noia-Lousame -un único acordo para os tres-, A Coruña e Ourense), o Inega achegará, a fondo perdido, unha contía máxima de 140.000 euros por acordo, para ir estendendo entre a cidadanía a cultura a favor do uso deste velocípedo de dúas rodas. Ademais de financiar o programa, o Inega prestará o asesoramento técnico necesario aos concellos solicitantes para a posta en marcha do programa.

Os convenios de colaboración para este ano 2010 refírense a municipios que, por primeira vez, participan nesta iniciativa impulsada e financiada polo Instituto Enerxético de Galicia, agás no da Coruña e no de Ourense, nos que se desenvolverá unha segunda fase, posto que xa tomaron parte en anos precedentes neste sistema de préstamo de bicicletas. Deste xeito nestes dous concellos ampliaranse as instalacións destinadas a este servizo.

O programa de promoción do transporte urbano en bicicleta que o Inega desenvolve en colaboración co IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía) consiste na posta en marcha dun servizo de préstamo de bicicletas de uso público nos concellos. Este ano o Instituto Enerxético de Galicia quixo darlle unha denominación específica a esta actuación que vén desenvolvendo nos últimos anos, a través do termo Bicidadáns, expresión que resulta da combinación do xogo de palabras, bici + cidadáns. Co fin de dar a coñecer esta iniciativa e o seu novo nome, o Inega distribuirá ao conxunto de concellos galegos un díptico cunha síntese do programa e coa imaxe visual do mesmo.

Medios de transporte máis eficientes

Bicidadáns é unha iniciativa que se insire dentro das liñas de actuación do Inega no sector do transporte, un dos principais ámbitos consumidores de enerxía, e que ten como fin actuar sobre a mobilidade urbana e conseguir cambios no reparto modal, propiciando unha maior utilización dos medios máis eficientes de transporte.

Actualmente o servizo funciona en 9 concellos (Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago, Pontevedra, Vilagarcía, A Coruña, Redondela e Culleredo), o que supón que na actualidade máis de 700.000 galegos xa se poden beneficiar deste sistema de préstamo automático de bicicletas de uso público nos concellos, que conta con 15.000 usuarios dados de alta. Ao longo dos vindeiros meses este servizo promovido polo Inega estará activo en seis novos concellos e ampliarase en dous.

Obrigas dos concellos

Cada concello (no caso dos de Lalín, A Coruña e Ourense) ou agrupacións de municipios (O Barco-A Rúa e Porto do Son-Noia-Lousame) deberá(n) realizar, en base ao convenio que asinará(n) co Inega, un estudo previo ou plan director onde se analizará o fomento do uso da bicicleta en xeral e os sistemas de préstamo público deste vehículo en particular, antes da entrada en funcionamento do servizo.

Así mesmo cada entidade solicitante da axuda que o Inega dá a fondo perdido deberá instalar un mínimo de tres bases para aparcar bicicletas, que deberán dispoñer dun sistema de xestión automático, que funcione preferentemente mediante a utilización de tarxetas electrónicas. Ademais as bases irán preferiblemente dotadas de marquesiñas para o resgardo da intemperie e dotadas con medidas de seguridade antivandalismo.

Cada municipio deberá igualmente mercar un mínimo de 50 bicicletas e cada agrupación de concellos un mínimo de 100 -que poderán ser eléctricas de forma total ou parcial-, e que terán que ter un sistema de amarre compatible coas bases portabicicletas instaladas. Cada bici, dotada dun sistema de identificación visible, perdurable e resistente, deberá ter unha cesta portaequipaxes ou sistema alternativo que permita o transporte de obxectos.

Correspóndelle tamén a cada organismo solicitante da subvención do Inega deseñar o sistema de xestión do programa de transporte urbano en bicicleta, que deberá estar á disposición do público, para o seu uso, un mínimo de 4.000 horas anuais. Así mesmo o convenio recolle que o sistema deberá estar activo por un período mínimo de tres anos a partir da súa posta en marcha. As entidades locais tamén poderán contribuír co deseño dunha planificación de itinerarios ciclables, funcionais e seguros, que permitan incorporar a bicicleta como elemento útil de mobilidade, e non só como reclamo turístico ou deportivo.

Responsabilizarse do correcto mantemento destes vehículos bípedos, de xeito que haxa sempre en funcionamento un número superior a 40 por entidade solicitante; a remisión ao Inega dun informe trimestral durante o primeiro ano, no que se detalle o número de usuarios mensuais do sistema e o estado do servizo son outras das obrigas que marcan cada os dos cinco convenios que o Inega asinará proximamente cos devanditos concellos.

Publicidade do sistema

O concello ou agrupación de municipios perceptores da axuda do Inega promocionarán e publicitarán axeitadamente o sistema para maximizar a súa utilización polos cidadáns, para o que, entre outras cuestións, deberán facer figurar a imaxe corporativa do Inega e do IDAE en toda a documentación que o desenvolvemento do convenio requira.

A achega do Inega, cun límite máximo de 140.000 euros por convenio, determinarase en cada caso en función do número de bicicletas funcionais, do número de bases expendedoras e do número de bicis eléctricas que estean en servizo. Cada beneficiario da axuda poderá aportar fondos adicionais que eventualmente sexan necesarios para a realización destas actuacións e permitirase a presenza de patrocinadores privados ou o cobramento polo uso do sistema.

Posta en funcionamento

A axuda do Inega farase efectiva a cada entidade en dous pagamentos: o 50% á adxudicación do concurso á empresa encargada da realización do traballo, e o 50% restante un mes despois da entrada en funcionamento do sistema, achegando a relación de gastos realizados na execución do convenio. A posta en servizo ao público do sistema de préstamo de bicicletas nos devanditos concellos deberá facerse antes do 30 de xuño de 2010.

Criterios de selección

A colaboración entre o Inega e o concello ou concellos seleccionados establécese en base a unha serie de criterios obxectivos:

  • Poboación do concello ou conxunto de concellos solicitantes: cada sistema debe dar servizo, como mínimo, a 10.000 habitantes, polo que os municipios de menor poboación teñen que presentar solicitudes conxuntas.
  • Interese manifesto do concello: a solicitude debe realizarse por escrito e á atención do director do Inega. Valórase que estea acompañada dunha descrición do sistema a implantar.
  • Prioridade ás novas instalacións sobre ampliación de sistemas xa existentes.
  • Data de entrada da solicitude.

Vantaxes

A utilización da bicicleta nos entornos urbanos e interurbanos presenta significativas vantaxes de cara ao benestar da poboación, entre elas o aforro enerxético e económico. Este medio de transporte é o máis rápido e eficiente nos traxectos de menos de 3 quilómetros e case 10 veces máis barato que o automóbil. A súa facilidade de utilización (máis do 90% da poboación sabe andar en bicicleta); o seu carácter silencioso e non contaminante e a reducida ocupación de espazo son outras potencialidades engadidas que presenta.

O obxectivo último do Inega a través de Bicidadáns, programa de promoción do transporte urbano en bicicleta, é promover a eficiencia no transporte público, aliviar o exceso de conxestión nos centros urbanos e reducir o problema medioambiental derivado do usos de combustibles fósiles para o transporte.

Aforro

Desde que puxo en marcha este programa no ano 2006, o Inega leva realizado un investimento total de 2.100.000 euros na promoción da utilización da bicicleta como medio de transporte, o que supón un aforro estimado de 195 toneladas equivalentes de petróleo anuais e unha redución na emisión a atmosfera de 595 toneladas de CO2 ao ano.

  1. Descarga
  2. Descarga