INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

AS AXUDAS DO PLAN DE VEHÍCULOS EFICIENTES DO INEGA, DE ATA UN MÁXIMO DE 7.000 EUROS, PÓDENSE SOLICITAR DESDE O 1 DE FEBREIRO

30/01/2010

Santiago, 30 de xaneiro de 2010.

Desde o próximo luns, día 1 de febreiro, pódense solicitar as axudas correspondentes ao Plan de Vehículos Eficientes do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), coas que se pretende potenciar e renovar o parque automobilístico galego e impulsar unha maior eficiencia enerxética no sector do transporte, un dos principais ámbitos de consumo da enerxía, mediante incentivos para a adquisición de vehículos novos ou para as transformacións que se alimenten de combustibles alternativos aos convencionais de gasolina ou gasóleo.

Con este Plan, ao que o Inega, organismo dirixido por Eliseo Diéguez e adscrito á Consellería de Economía e Industria, destina inicialmente 500.000 euros, tamén se conseguirá diminuír o impacto ambiental mediante a promoción da compra de vehículos novos menos contaminantes e se potenciará unha maior diversificación enerxética para reducir a dependencia do petróleo. Os concesionarios ou talleres que desexen tomar parte neste Plan poden facelo adheríndose ata a finalización da campaña.

Mediante esta nova actuación de aforro e eficiencia enerxética posibilitarase un aforro de 48 toneladas equivalentes de petróleo ao ano, o que supón a redución anual na emisión á atmosfera de 162,40 toneladas de CO2. Ademais xerarase un investimento asociado de aproximadamente 3,4 millóns de euros.

Esta liña de axudas está orientada á favorecer a compra de vehículos novos de propulsión eléctrica, híbrida (é dicir, con capacidade de tracción ao 100% mediante baterías), ou de medios de transporte alimentados con gas natural, Gases Licuados do Petróleo (GLP) ou hidróxeno, mediante a concesión de axudas económicas que diminúan o extracusto nestes vehículos alternativos, en relación cos vehículos equivalentes de deseño e motorización tradicional.

Está previsto que con esta campaña, xestionada en colaboración coas empresas que desexen participar nela, se adhiran máis de 45 concesionarios e talleres e se realicen 250 transaccións no marco deste Plan: as estimacións son que se adquiran 210 vehículos novos híbridos e se realicen 40 transformacións a GLP.

Tamén se subvenciona igualmente a adquisición de motocicletas con capacidade de tracción eléctrica ao 100% e a transformación de vehículos matriculados, novos ou usados, a GLP. Ademais admítense os sistemas de financiamento de renting, leasing ou outros sistemas de arrendamento financeiros para estes vehículos eficientes. Poderán ser beneficiarios das axudas todas as persoas físicas ou xurídicas residentes en Galicia.

Contía da subvención

A contía máxima da subvención será dun máximo do 15% do prezo do vehículo de mercado. Para os vehículos turismos híbridos enchufables, eléctricos puros, de combustión directa de hidróxeno ou de pilas de combustible o importe máximo da axuda por vehículo poderá alcanzar os 7.000 euros; 2.300 euros para os vehículos turismos híbridos Full Hybrid e de 2.000 euros para os vehículos turismos híbridos Mild Hybrid. No caso de vehículos novos ou transformados nun prazo inferior a 3 meses desde a súa primeira matriculación alimentados por gas natural e GLP o importe máximo por vehículo é de 2.000 euros e para transformacións a GLP, o máximo é de 450 euros. Por último, a compra de motocicletas eléctricas puras, híbridas, de hidróxeno ou pila de combustible incentívase cun importe máximo de 750 euros.

Proceso de obtención da axuda

O usuario debe mercar o vehículo, para que o comerciante poida solicitar a previsión de fondos e aplicar o desconto correspondente, tras a cumprimentación do formulario de solicitude. A continuación o comerciante cobra o prezo menos o desconto. O usuario asina a conformidade no formulario de solicitude e o comerciante remite ao Inega nun mes toda a documentación. Finalmente o Instituto realiza o pagamento ao comerciante.

Terceira edición

Esta é a terceira edición que o Instituto Enerxético de Galicia desenvolve este programa de promoción de medios de transporte máis eficientes, que permitiu a compra de 93 vehículos híbridos en 2007 e o desenvolvemento no ano 2008 de 296 actuacións, ao abeiro desta campaña, 233 adquisicións de vehículos híbridos e 66 transformacións a GLP. Isto significa que preto de 400 vehículos máis eficientes circulan xa polas estradas galegas, adquiridos mediante as subvencións que o Inega dá a través do Plan de Vehículos Eficientes, e prevese superar os 600 ao longo do vindeiro ano con esta nova convocatoria.