INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O INEGA POTENCIARÁ O USO DA BICICLETA COMO MEDIO DE TRANSPORTE EN PORTO DO SON, NOIA E LOUSAME MEDIANTE UN CONVENIO CON ESTES CONCELLOS CUNHA CONTÍA MÁXIMA TOTAL DE 140.000 EUROS

01/02/2010

Santiago, 1 de febreiro de 2010.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Consellería de Economía e Industria, financiará a posta en marcha dun sistema de préstamo de bicicletas nos Concellos de Porto do Son, Noia e Lousame, a través dun convenio de colaboración conxunto cos tres municipios barbanzanos, para o que achegará unha contía orzamentaria máxima de 140.000 euros en 2010. O acordo suscrito entre o Inega e os tres concellos insírese no marco do programa Bicidadáns, de promoción de transporte urbano en bicicleta, que xa está funcionando, financiado e impulsado polo Inega, noutros nove concellos.

O obxectivo que se persegue con esta iniciativa é incrementar a eficiencia no sector do transporte, un dos principais ámbitos consumidores de enerxía en Galicia; aliviar a conxestión do tráfico e reducir o problema medioambiental derivado dos usos fósiles do transporte. Así se recolle no convenio de colaboración asinado entre Eliseo Diéguez, director do Inega, e Rafael García Guerrero, alcalde de Noia; Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, alcalde de Porto do Son; e José Santiago Freire Abeijón, alcalde de Lousame.

Plan director

O acordo de cooperación materializarase mediante a posta en marcha nos tres concellos da comarca do Barbanza dun servizo de préstamo de bicicletas de uso público, que deberá estar funcionando antes do 15 de setembro de 2010. Segundo establece o convenio os municipios realizarán un estudo previo ou plan director onde se analizará o fomento do uso da bicicleta en xeral, e os sistemas de préstamo de bicicletas en particular, antes da entrada en funcionamento do servizo.

Así mesmo deberán instalar un mínimo de tres bases para aparcar bicicletas, que terán que dispoñer dun sistema de xestión automático, que funcione preferentemente mediante a utilización de tarxetas electrónicas. Ademais as bases irán preferiblemente dotadas de marquesiñas para o resgardo da intemperie e dotadas con medidas de seguridade antivandalismo.

Mínimo, 100 bicicletas

O Concellos de Porto do Son-Noia-Lousame mercarán tamén un mínimo de 100 bicicletas -que poderán ser eléctricas de forma total ou parcial-, e que terán que ter un sistema de amarre compatible coas bases portabicicletas instaladas. Cada bicicleta, dotada dun sistema de identificación visible, perdurable e resistente, deberá ter unha cesta portaequipaxes ou sistema alternativo que permita o transporte de obxectos.

O sistema de xestión do programa estará deseñado de xeito que estea á disposición do público un mínimo de 4.000 horas anuais e deberá estar activo por un período mínimo de 3 anos a partir da súa posta en marcha, é outra das responsabilidades dos concellos asinantes deste convenio co Inega, que deberán ademais velar polo correcto mantemento das bicicletas, para que sempre estean en funcionamento un número superior a 40. Así mesmo remitirán ao Inega un informe trimestral durante o primeiro ano de servizo do sistema e promocionará e publicitará axeitadamente o sistema.

Pola súa parte o Inega ademais de financiar a posta en marcha do programa tamén prestará asesoramento técnico aos concellos para o desenvolvemento desta iniciativa. A partida orzamentaria que recibirán os tres municipios barbanzanos, que concorren de xeito conxunto á axuda do Inega, fixarase en función do número de bicicletas convencionais, do número de bases expendedoras e do número de bicis eléctricas que estean en servizo.

O devandito acordo insírese no marco de colaboración que o Inega ten co IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía) e ten como obxectivo último ir estendendo entre a cidadanía a cultura a favor deste vehículo de transporte de dúas rodas e promover a eficiencia no transporte público, un dos principais ámbitos consumidores de enerxía; aliviar o exceso de conxestión e reducir o problema medioambiental derivado dos usos dos combustibles fósiles do transporte.

Actualmente este sistema de préstamo de bicicletas, impulsado e financiado polo Inega, xa funciona en nove concellos (Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago, Pontevedra, Vilagarcía, A Coruña, Redondela e Culleredo), o que supón que máis de 700.000 galegos xa se poden beneficiar deste servizo público, que conta con 15.000 usuarios dados de alta.

Para este ano 2010, desde o Inega impulsarase a promoción do transporte en bicicleta, para que ao longo dos vindeiros meses se poñerá en marcha este sistema noutros cinco concellos, ademais dos de Porto do Son-Noia-Lousame: Lalín, O Barco-A Rúa -que concorren á axuda de xeito conxunto-; e A Coruña e Ourense. En todos os casos, agás no dos dous últimos concellos nos que se ampliará a iniciativa, trátase de municipios que, por primeira vez, se incorporarán ao programa.

Aforro enerxético e económico

A utilización da bicicleta nos entornos urbanos e interurbanos presenta significativas vantaxes de cara ao benestar da poboación, entre elas o aforro enerxético e económico. Este medio de transporte é o máis rápido e eficiente nos traxectos de menos de 3 quilómetros e case 10 veces máis barato que o automóbil. A súa facilidade de utilización (máis do 90% da poboación sabe andar en bicicleta); o seu carácter silencioso e non contaminante e a reducida ocupación de espazo son outras potencialidades engadidas que presenta.