INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

OS BUQUES DE PESCA GALEGOS PODERÍAN ACADAR UN AFORRO MEDIO ANUAL DE ENTRE O 5% E O 48%, SEGUNDO UN ESTUDO PROMOVIDO POLO INEGA, EN COLABORACIÓN CO CETPEC

06/02/2010

Santiago, 6 de febreiro de 2010.

Os buques pesqueiros galegos poden chegar a acadar un aforro medio anual no consumo de entre o 5% e o 48%, dependendo da tipoloxía dos barcos, o que se traduce nun aforro máximo de combustible de ata de 72.000 litros anuais, o que equivale a un aforro económico anual de ata 30.000 euros por barco. Son os resultados dun estudo que se atopa practicamente ultimado e que foi realizado en base a un convenio que o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) ten, no marco xenérico de colaboración co IDAE, co Centro Tecnolóxico da Pesca (Cetpec) para potenciar a eficiencia enerxética no sector da pesca. Para a materialización deste acordo o Inega destinou unha achega de 464.000 euros e financiou o 70% das actuacións, correndo o restante 30% por conta do Cetpec e dos propietarios dos barcos.

Para chegar a estas cifras de aforro acadable realizáronse preto dun cento de auditorías enerxéticas a buques de pesca nun total de dezasete portos da xeografía galega. O obxectivo destes estudos é o coñecer en detalle o gasto enerxético das distintas tipoloxías de barcos e propoñer melloras para diminuílo, co fin de facer máis competitiva a flota pesqueira galega, dándolle ferramentas para afrontar dun xeito máis eficiente a problemática derivada do alto custo do combustible e a caída dos prezos do peixe en primeira venda.

A fin de analizar de forma axeitada as distintas tipoloxías de buques e as artes de pesca fíxose unha división dos pesqueiros en tres grupos, en función da eslora do barco: pesca de altura (que comprende buques con eslora de máis de 15 metros, e no que se distinguen tres tipoloxías: arrastreiro de litoral, arrastreiro de Gran Sol e pincheiro de Gran Sol); pesca de litoral (eslora de 9 a 15 metros) e pesca artesanal (eslora de 6 a 8 metros).

Xeograficamente escolléronse portos ao longo de todo o litoral galego (Burela, Portocelo, Celeiro, Cesantes, Laxe, Camelle, Lira, Muros, Ribeira, O Grove, Marín, Bueu, Arcade, Meira, Aldán, Cangas e Baiona), recollendo deste xeito datos procedentes de buques que faenan en diversos caladoiros, o que permitiu ter un estudo detallado das artes de pesca que operan en Galicia.

Ata o momento presente levouse a cabo a adquisición de datos sobre o consumo de enerxía nun total de 20 das 24 embarcacións de altura (83,3%) obxecto de estudo en base ao convenio, en 10 das 14 dos barcos de pesca de litoral (71,42%) e na totalidade dos barcos de pesca artesanal: 52 (100%), o que supón que xa están realizados os estudos en 82 pesqueiros (91,1%) dos 90 contemplados no acordo.

En segundo lugar analizáronse os datos e propuxéronse unha serie de medidas a aplicar para reducir o consumo enerxético en cada sector da flota. A través da aplicación destas medidas de optimización enerxética estímase que se poden acadar aforros de ata un 12% nos arrastreiros de litoral, o que se traduce nun aforro anual de 57.800 litros de combustible e en 27.700 euros cada barco; dun 8,5% nos arrastreiros de Gran Sol (72.300 litros e 29.600 euros); dun 16% nos pincheiros Gran Sol (44.400 litros e 18.200 euros); dun 5% na pesca de litoral (2.500 litros e 1.025 euros) e dun 48% nos barcos de pesca artesanal (780 litros e 2.623 euros).

Para a execución do devandito convenio, que supuxo un fito na realización de auditorías enerxéticas en barcos de pesca en Galicia e tamén en España e Europa, instaláronse nos pesqueiros, co obxecto de poder levar adiante as auditorías enerxéticas, caudalímetros, isto é, medidores do consumo instantáneo de gasóleo, tanto no motor principal como nos motores auxiliares; rexistradores eléctricos para estudar a xeración e o consumo eléctrico do buque ao longo dunha marea; tacómetros e torsiómetros que miden as revolucións por minuto e a potencia do eixo do buque; rexistradores GPS a fin de coñecer a velocidade do buque en cada estudo, entre outros sistemas de avaliación do consumo enerxético dos barcos.

Medidas propostas para a optimización enerxética

As medidas a aplicar para reducir o custo enerxético pasan por introducir melloras na loxística (por exemplo, no caso dos arrastreiros de Litoral, cando un barco volve a porto co peixe a súa parella debe seguir faenando no caladoiro con outro barco); por diminuír a velocidade de navegación, o que permite aforrar combustible; por cambiar o cable de arrastre fabricado en aceiro por outro de materia orgánica, de elevada resistencia e de baixo peso ou por substituír o sistema de iluminación e cociña convencionais por sistemas máis eficientes, así como por aproveitar o calor residual dos motores para producir auga quente sanitaria.

A instalación de sensores de velocidade da rede, que permiten adaptar a velocidade en función da corrente; a instalación de caudalímetros que permitan a visualización instantánea do consumo, a limpeza do casco que permitirá aumentar a velocidade de navegación; a mellora da distribución do peso no buque e a eliminación de cargas innecesarias, así como un empopado óptimo, mediante o que se conseguirá diminuír o consumo pola variación do ángulo do barco son outras das propostas destas auditorías enerxéticas promovidas e financiadas polo Instituto Enerxético de Galicia, en colaboración co Cetpec, para incrementar o uso racional da enerxía nos barcos de pesca e proporcionar aos mariñeiros ferramentas para unha xestión máis eficiente. No caso dos barcos de pesca artesanal as melloras percibiranse mediante a adaptación do motor da embarcación para usar GLP (Gases Licuados do Petróleo) como combustible; a través do cambio da hélice do barco ou mellorando o mantemento do motor da embarcación.

Divulgación das conclusións

As conclusións do estudo, cando este estea totalmente rematado, daranse a coñecer aos mandos directamente relacionados coa xestión da enerxía (armador, patrón, maquinista, cociñeiro e contramestre) dos barcos auditados a través deste convenio entre o Inega e o Cetpec, para que estes colaboren na execución das melloras. Ademais, está previsto divulgar ao resto da flota galega as medidas de mellora detectadas para que se poidan beneficiar delas. A realización destas preto de cen auditorías insírense dentro das medidas de mellora de aforro e eficiencia no sector pesqueiro da Estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética en España do IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía).