INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

AS AXUDAS DO PRIMEIRO PLAN RENOVE DE EQUIPOS DE CLIMATIZACIÓN DE ECONOMÍA E INDUSTRIA, DE ATA O 30% DO CUSTO, ÁBRENSE MAÑÁ

28/02/2010

Santiago, 28 de febreiro de 2010.

As axudas do primeiro Plan Renove de Equipos de Climatización que a Consellería de Economía e Industria instrumenta a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), poderanse solicitar desde mañá, luns, 1 de marzo e ata o 30 de xuño, ou ata esgotarse os fondos dispoñibles. Con esta nova liña de axudas de aforro e eficiencia enerxética nos fogares galegos, xa que este ano é a primeira vez que desenvolve esta campaña, preténdese reducir o consumo das instalacións térmicas de calefacción, climatización e produción de auga quente sanitaria, a través da substitución de equipos convencionais por equipos de alta eficiencia enerxética: caldeiras de condensación, equipos de climatización de clase A e bombas de calor de clase A.

Con esta actuación, que conta cun orzamento inicial de 1 millón de euros, vaise xerar un investimento asociado de en torno aos 3,5 millóns de euros, e prevese chegar a un total de 1.400 vivendas e edificios e lograr a adhesión ao Plan de máis de 200 establecementos. A día de hoxe, antes de abrirse o prazo de solicitude de axudas, xa se sumaron a esta campaña 163 comercios. A campaña permitirá un aforro de enerxía primaria estimado en 9.566 MWh, o que supón evitar a emisión de 1.527 toneladas de CO2 á atmosfera, e un aforro económico cuantificado nuns 600.000 euros anuais.

A través do Plan Renove de Equipos de Climatización a Consellería de Economía e Industria e o Inega subvencionarán a substitución de equipos de potencia entre 5 e 70 kW por equipos de alta eficiencia enerxética. Concretamente poderán ser obxecto de axuda as caldeiras de condensación (cun rendemento de 4 estrelas ou equivalente); os equipos de aire acondicionado (só frío), aire-aire ou auga-auga (con rendemento A) e, por último, as bombas de calor (só calor ou reversibles) que teñan como foco frío o aire (con rendemento clase A). Os aparatos antigos substituídos deberanse entregar aos xestores autorizados para o seu correcto tratamento como residuo voluminoso conforme á normativa vixente.

Contía das axudas

A contía da subvención ascenderá a un máximo de 45 €/kW da potencia nominal (en modo calefacción) da caldeira de condensación instalada co límite do 30% do seu custo. No caso de equipos de aire acondicionado e bombas de calor a contía máxima da axuda será de 150 euros/kW térmico, co límite do 30% do prezo de tarifa dos equipos. Os beneficiarios das axudas poderán ser persoas físicas ou xurídicas de natureza pública ou privada residentes ou radicadas en Galicia, usufrutuarios ou arrendatarios de vivendas, edificios de vivendas ou de edificios destinados a outros usos, que estean localizados en Galicia.

Obtención da axuda

O comprador dirixirase a un instalador adherido ao Plan Renove de Equipos de Climatización e adquirirá o equipo obxecto da subvención. O instalador realizará a solicitude de fondos mediante a aplicación web www.inega.es/planrenoveclima2009, imprimirá o impreso de axuda e o comprador asinará a súa conformidade. A continuación o instalador realizará a obra e cobrará o imorte da factura co desconto da axuda establecida. Finalmente, o instalador remitirá toda a documentación ao Inega para o cobro da subvención.