INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA INVESTIRÁ MÁIS DE 21 MILLÓNS DE EUROS NO PROGRAMA DE ACTUACIÓNS DE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA 2010-2011, QUE ENGLOBARÁ 27 MEDIDAS DIRIXIDAS A TODOS OS SECTORES ECONÓMICOS

06/07/2010

Santiago, 6 de xullo de 2010.

A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), investirá no presente exercicio (de xullo de 2010 a xullo de 2011) máis de 21 millóns de euros no desenvolvemento de 27 actuacións (convenios, plans específicos de axudas, cursos de formación, actividades de divulgación, etc.) para a potenciación do aforro e eficiencia enerxética en todos os sectores económicos (industria, transporte, edificación, servizos públicos, equipamento doméstico, agricultura e pesca e transformación da enerxía).

Este anuncio realizouno hoxe o titular do departamento autonómico, Javier Guerra Fernández, na presentación do programa de actuacións de aforro e eficiencia enerxética 2010-2011 do Inega, que se inscribe no marco de colaboración que mantén co IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía). "Coa xestión de todas as medidas deste ambicioso Plan xeraremos un investimento asociado de 75 millóns de euros, un aforro de enerxía de preto de 200.000 MWh, un aforro económico de case 16 millóns de euros anuais e evitaremos á emisión á atmosfera de 78.143 toneladas de CO2", precisou.

Guerra explicou, na súa comparecencia de prensa, na que estivo acompañado polo director do Instituto adscrito a Economía e Industria, Eliseo Diéguez García, que a través da execución deste programa de actuacións, cun orzamento global de 21.143.257 euros, o Inega desenvolverá actuacións novidosas, ao tempo que continuará a execución doutros programas que xa se viñan realizando.

Novos Plans Renove

Entre as principais novidades para este exercicio, o conselleiro destacou a posta en marcha de dous novos Plans Renove: o Plan Renove de Equipos de Iluminación Interior e o Plan Renove de Rótulos Lumínicos. O primeiro destes novos Plans consiste nunha liña de axudas para a substitución de equipamento de iluminación interior dos edificios por equipamento máis eficiente co obxectivo de conseguir aforros superiores ao 20%. A través do Plan Renove de Rótulos Lumínicos levarase adiante unha campaña para a substitución de rótulos luminosos de fluorescencia por tecnoloxía LED. Ademais, o Inega desenvolverá novas campañas do Plan de Vehículos Eficientes; do Plan Renove de Equipos de Climatización; do Plan Renove de Fiestras e do Plan Renove de Electrodomésticos. En total, Economía e Industria destinará en 2010 máis de 6,5 millóns de euros a Plans Renove, un total de seis diferentes.

Actuacións de carácter innovador

O Inega contribuirá tamén ao apoio dun proxecto piloto de aforro enerxético na mobilidade dos traballadores de Navantia doutro proxecto piloto de Lámpadas Eficientes, que consistirá na distribución de bonos-desconto para a compra de lámpadas de baixo consumo e alto factor de potencia en varios concellos de Galicia, en colaboración con Gas Natural Fenosa e Energy Mad; dun estudo de viabilidade para a implantación de redes de recarga eléctrica en diversas instalacións portuarias, a través dun acordo con Portos de Galicia, e dun estudo de optimización enerxética á iluminación exterior en tres portos, propiedade do devandito ente autonómico.

A execución dun proxecto piloto de iluminación exterior con tecnoloxía LED para o cambio da luminaria exterior en diversas localizacións de diferentes concellos de Galicia co obxecto de analizar as diferentes opcións da utilización da tecnoloxía LED existente para a iluminación e dun estudo de viabilidade da implantación dunha planta de coxeración en instalacións portuarias son outras actuacións de carácter innovador englobadas neste Plan.

Apoio aos concellos

O conselleiro resaltou ademais que desde Economía e Industria continuarase co apoio que se vén prestando aos concellos e por iso destinaranse preto de 5 millóns de euros, a axudas para estudos e proxectos de eficiencia enerxética nos municipios cunha contía subvencionable de ata o 75% nalgunhas medidas -sobre os preto de 9 millóns de euros de orzamento global destinado ao programa de axudas de aforro e eficiencia enerxética destinado a todos os sectores económicos-. Ademais, tamén destinados aos concellos, realizaranse, por primeira vez, cursos de xestor enerxético municipal, en colaboración coas deputacións, dirixidos aos técnicos municipais para a optimización da xestión enerxética nos municipios e desenvolverase o mencionado plan piloto para desenvolver tecnoloxía LED en iluminación pública municipal, entre outras actuacións.

Convenios

Así mesmo Guerra avanzou que no marco deste Plan asinaranse diversos convenios, entre os que destaca un co Clúster do Granito para a realización dun estudo sectorial de eficiencia enerxética neste sector; con AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agrarias), tamén para levar un estudo de optimización enerxética en explotacións lácteas e análise dos resultados finais co obxecto da súa replicabilidade, e un novo acordo de coordinación coa Dirección Xeral de Mobilidade para o desenvolvemento dun estudo de viabilidade de carrís bicis nas áreas metropolitanas.

A realización de cursos de condución eficiente de vehículos turismo e industriais e de cursos de enerxética edificatoria; o desenvolvemento do terceiro Plan de Inspección RITE (Inspeccións de Eficiencia Enerxética en instalacións térmicas en edificios) e a continuación do programa Bicidadáns de promoción co transporte urbano en bicicleta, que este ano se vai desenvolver en varias cidades ou áreas metropolitanas, enmárcanse tamén no abano de actuacións que Economía e Industria desenvolverá a través do Instituto Enerxético de Galicia no marco deste programa.

Aposta global da Xunta

A través deste programa de actuacións 2010-2011, Economía e Industria continúa fomentando o aforro e da eficiencia enerxética, actuación que se insire na aposta global da Xunta de Galicia por construír un modelo enerxético limpo e respectuoso co medio ambiente, e que ten como obxectivos prioritarios e irrenunciables, de acordo coas directrices do Plan Enerxético Estratéxico de Galicia 2010-2015, o de chegar a 2015 producindo con enerxías renovables máis do 95% do consumo de electricidade e o de reducir do 1,01 ao 0,27 a taxa de incremento da demanda da enerxía, co que se conseguirá un aforro económico de preto de 1.000 millóns de euros, un aforro de enerxía primaria de 1.002 ktep e unha redución de 4.001 kt de CO2 á atmosfera.