INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA PROMOVERÁ UN INVESTIMENTO ASOCIADO DE 28,4 MILLÓNS DE EUROS COAS AXUDAS DE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA 2010

28/07/2010

Santiago, 28 de xullo de 2010.

A Consellería de Economía e Industria que dirixe Javier Guerra vai desenvolver, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), un novo programa de axudas para potenciar o aforro e a eficiencia enerxética en todos os sectores económicos no presente exercicio que xerará un investimento asociado de 28,4 millóns cun investimento de preto de 9 millóns.

Esta nova programación, ao abeiro da orde de axudas que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia e que se enmarca dentro da estratexia global de aforro e eficiencia enerxética da Xunta de Galicia abrangue un total de 18 liñas de axudas distintas, das que 12 están dirixidas especificamente aos concellos, e que ofrecen ata un 75% de subvención nos distintos sectores: industria, transporte, edificación, servizos públicos, transformación da enerxía e agricultura e pesca.

Entre as novidades introducidas nesta convocatoria está a posibilidade de consultar o estado de cada expediente en liña (www.inega.es/axudasinega2010), o que axudará a optimizar a atención que se lle presta ao cidadán, así como a acadar o obxectivo de lograr unha nova redución nos tempos de tramitación e resolución das axudas, de xeito que o novo prazo será dun máximo de 5 meses.

Deste xeito manteranse o compromiso de acurtamento dos prazos iniciado en 2009 (tramitación: prazo máximo de 4 meses -anteriormente 6 meses- e resolución: prazo máximo de 6 meses -antes eran 9-) e ademais seguirase ofrecendo a posibilidade de tramitación telemática das subvencións, co propósito de garantir unha resposta rápida e eficaz ao solicitante para achegar o aforro e a eficiencia enerxética á cidadanía.

Este programa de axudas, que se insire na aposta global do Goberno galego pola potenciación do aforro e da eficiencia enerxética, conseguirá un aforro de enerxía primaria de preto de 12.650 toneladas equivalentes de petróleo (147 GWh/ano), o que supón evitar a emisión de máis de 50.350 toneladas de CO2 á atmosfera.

Concellos

A Consellería de Economía e Industria continuará prestando unha especial dedicación aos concellos, que se concreta a través de 12 liñas de axudas das 18 contempladas neste programa. Entre este paquete de liñas específicas para os municipios destacan as de renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes (cunha contía máxima de subvención de entre o 50 e o 70% do custo elixible en función do número de habitantes) e as auditorías enerxéticas a instalacións de iluminación pública (cunha porcentaxe de axuda de entre o 55% e o 75% do estudo, con valores máximos en función do número de habitantes do concello), dúas liñas ás que se destinará algo máis da metade do orzamento destinado a este programa de axudas.

Concellos, administracións públicas e empresas, poderanse beneficiar tamén das axudas que o Inega ten en marcha para promover o aforro e a eficiencia enerxética no sector do transporte. Subvencionaranse, con ata o 60% do custo, estudos xerais de mobilidade urbana sustentable dirixidos a promover a utilización de medios de transporte que consuman menores cantidades de enerxía, e estudos previos á implantación de medidas de mobilidade urbana sustentable.

Ademais tamén se incentivará con axuda de ata o 40% do custo elixible, os proxectos piloto para puntos de recarga de uso público para vehículos eléctricos. A realización de estudos para o desenvolvemento dun plan de transporte a unha empresa ou centro de actividade e auditorías enerxéticas e investimentos en sistemas tecnolóxicos e aplicacións co obxecto de mellorar a eficiencia enerxética de frotas de transporte son outras das liñas de axudas orientadas ao sector.

As liñas de axuda do sector da edificación son un total de seis distintas e todas elas teñen como finalidade conseguir unha redución da demanda da enerxía nas vivendas a través da rehabilitación da envolvente térmica; da mellora da eficiencia enerxética de instalacións térmicas (ata o 35% do custo elixible); da construción de novos edificios con alta cualificación enerxética (entre 15 e 50 euros/m2); da realización de auditorías nos edificios do sector residencial e servizos (75% do custo do estudo); de proxectos de instalacións de bombas de calor xeotérmicas (30% do custo) e de proxectos de bombas de calor aire-auga e aire-aire (30% do custo elixible).

As empresas do sector industrial ou terciario poderán realizar ao abeiro deste programa, auditorías enerxéticas a plantas de coxeración para mellorar a súa eficiencia e estudos de viabilidade para promover outras novas. Ademais, continuarase coa liña de axudas ao sector da agricultura e da pesca, iniciada en 2009, a través de auditorías enerxéticas e proxectos de aforro e eficiencia enerxética (ata o 75% do custo elixible no caso de auditorías enerxéticas e o 20% para os proxectos).

No sector industria incentivarase o desenvolvemento de auditorías enerxéticas, cunha contía máxima de axuda do 75% do estudo, e o desenvolvemento de proxectos de aforro e eficiencia enerxética, neste caso cunha contía máxima de axuda de 200.000 euros por proxecto.

Guías explicativas

Para alcanzar a máxima divulgación destas axudas o Inega elaborou unha guía explicativa sobre as 18 liñas de axuda de aforro e eficiencia enerxética e un tríptico informativo coas 12 medidas concretas dirixidas a concellos, dispoñibles en www.inega.es. O prazo de presentación de solicitudes abrirase o día 29 de xullo e as axudas poderanse pedir ata o 30 de setembro, agás as axudas relativas ás auditorías enerxéticas sector servizos (AES), bombas de calor xeotérmicas (BCX), bombas de calor aire-aire e aire-auga nova construcción (BCA), renovación das instalacións de iluminación pública exterior/ Renovación de semáforos (ILE/SEM) e auditorías enerxética en iluminación pública exterior (AEP), nas cales o prazo rematará 31 de agosto.

  1. Descarga