INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA COLABORA COA DGT NA REALIZACIÓN DE CURSOS DE CONDUCIÓN EFICIENTE DE VEHÍCULOS TURISMO

10/06/2010

Santiago, 10 de xuño de 2010.

O Instituto Enerxético de Galicia da Consellería de Economía e Industria colaborará coa DGT (Dirección General de Tráfico) na realización de cursos de condución eficiente de vehículos turismo, que se desenvolverán nos próximos meses nas cidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Pontevedra, Vigo e Ourense. Os seminarios terán lugar nas xefaturas provinciais da DGT, agás nos casos de Santiago de Compostela e de Vigo, que se celebrarán nas xefaturas locais.

O director do Inega, Eliseo Diéguez, asistiu hoxe, en Santiago, ao arranque destas actividades, que se enmarcan dentro do plan de formación do Inega para o ano 2010 e nas que tomarán parte un total de 120 persoas (12 en Santiago de Compostela; 45 na Coruña; 23 en Pontevedra; 18 en Vigo e 22 en Ourense).

Con esta acción formativa, prevista dentro das medidas dun uso máis eficiente dos medios de transporte, o Instituto Enerxético de Galicia que dirixe Eliseo Diéguez pertencente á Consellería cuxo titular é Javier Guerra, trata de fomentar un novo estilo de condución dos vehículos turismos, co que se obterán diminucións medias no consumo do combustible de ata un 15% sobre a condución convencional, mellorando tamén a seguridade.

Monitores expertos

A acción formativa contará con monitores expertos que explicarán as técnicas ao volante para aproveitar a eficiencia enerxética dos vehículos actuais. O alumno terá a posibilidade de comparar a influencia das técnicas de condución eficiente no consumo do combustible mediante unha proba práctica que se verificará antes e despois da sesión teórica.