INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA PROMOCIONARÁ O USO RACIONAL DA ENERXÍA CUNHA REPRESENTACIÓN DE TEATRO INTERACTIVA CON MOTIVO DO "DÍA MUNDIAL DA EFICIENCIA ENERXÉTICA" O VINDEIRO VENRES

03/03/2010

Santiago, 3 de marzo de 2010.

A Consellería de Economía e Industria, da man do Instituto Enerxético de Galicia, celebrará o 5 de Marzo, "Día Mundial da Eficiencia Enerxética", cunha actividade consistente nunha representación teatral interactiva sobre a temática da promoción do aforro e da eficiencia enerxética na que tomarán un destacado protagonismo os nenos. O acto, cun carácter marcadamente didáctico, desenvolverase en Santiago de Compostela o vindeiro venres, ás 11.30 horas no Auditorio Carlos V do "Hotel Monumento San Francisco", e contará coa presenza do conselleiro de Economía de Industria, Javier Guerra, e do director do Inega, Eliseo Diéguez García.

A devandita actuación, que se enmarca dentro da campaña informativa de aforro e eficiencia enerxética que a Consellería de Economía e Industria e o Inega poñerán en marcha nesa mesma data, coincidindo co "Día Mundial da Eficiencia", arrancará coas intervencións do titular autonómico de Economía e Industria e do director do Inega, para logo dar paso á representación teatral sobre a eficiencia enerxética. A representación cuxo leimotiv será o uso racional da enerxía consistirá nunha comedia creada ad hoc para na que tomarán parte os escolares asistentes, que se converterán en actores principais.

Eficiencia na rúa en Agolada

Ademais, ao longo do mes de marzo a Consellería de Economía e Industria desenvolverá diversas actividades en diferentes puntos da xeografía galega, unha por provincia, que terán como referente a promoción da eficiencia enerxética. Así o luns, 8 de marzo, en Agolada terá lugar unha actividade de promoción do aforro e da eficiencia enerxética, así como coa potenciación dos hábitos de consumo responsable. Un educador especializado facilitará, nun stand situado na rúa (praza do Concello ou proximidades), consellos de eficiencia enerxética a todas as persoas que se achegen, tratándose temas como o aforro no uso da iluminación, o consumo en espera, etc. Ademais aquelas persoas que o soliciten poderán asistir a un curso teórico práctico de condución eficiente. Serán gratuítos e durante todo o día. O horario previsto de desenvolvemento do conxunto de actividades será de 10.00 a 14.00 horas de de 16.00 a 18.00 horas.

Eficiencia en Sotavento

O luns, 18 de marzo, desenvolveranse diversas actividades de eficiencia, ás que asistirán escolares no Parque Eólico Experimental de Sotavento (Xermade). Os rapaces poderán participar en diversos obradoiros, así como nunha visita á vivenda bioclimática demostrativa que o Inega está a impulsar en Sotavento -que incorpora todo tipo de enerxías renovables-. Ademais aos mestres acompañantes dos grupos se llles convidará a realizar cursos de condución eficiente. O programa de actividades desenvolverase de 10.00 a 17.00 horas

Eficiencia para a comunidade universitaria

A Escola de Maxisterio da Universidade de Santiago acollerá, ás 10.00 horas do xoves, 22 de marzo, o acto de presentación da exposición "Un Mundo de Enerxía", que se presentou o pasado día 19 de febreiro en Agolada, nun acto que pretende divulgar a mostra como ferramenta pedagóxica entre a comunidade universitaria.

Remate do mes da eficiencia enerxética

Por último o xoves, 25 de marzo, o Parque Tecnolóxico de Ourense acollerá ás 13.00 horas unha charla-coloquio do director do Inega sobre o aforro enerxético, que poñerá punto e final aos actos enmarcados dentro deste mes de marzo do aforro e da eficiencia enerxética.

Campaña informativa

Paralelamente ao desenvolvemento destas actividades de promoción da eficiencia enerxética, a Consellería de Economía e Industria e o Inega desenvolverán a campaña informativa "Aseguremos o futuro. Usa a enerxía de forma eficiente" , coa que pretende fomentar o aforro e a eficiencia, e que terá o seu punto de arranque o 5 de marzo, "Día Mundial da Eficiencia Enerxética".

O obxectivo que se persegue con esta actuación é concienciar á cidadanía sobre a necesidade de promover un consumo eficiente e responsable da enerxía para conseguir un modelo de desenvolvemento sustentable. Trátase de incidir sobre todo no aforro e na eficiencia desde idades temperás para axudar así a mudar os hábitos de comportamento, promovendo un consumo máis racional da enerxía. Precisamente o título da campaña fai referencia ao futuro e pon aos nenos como principais artífices do cambio e, polo tanto, dun uso eficiente da enerxía.

Para promover o aforro e a eficiencia enerxética a Consellería de Economía e Industria vén desenvolvendo un amplo programa de actuacións entre as que se atopan o Plan Renove de Electrodomésticos, o Plan Renove de Fiestras, o Plan de Vehículos Eficientes, o Plan Renove de Equipos de Climatización ou o Programa Bicidadáns, de promoción do transporte urbano en bicicleta.

A través desta campaña ofreceranse unha serie de indicacións, medidas, axudas e consellos sobre o aforro e a eficiencia enerxética, tales como a compra de electrodomésticos de clase A ou superior; a utilización de lámpadas de baixo consumo; o apagado correcto dos equipos electrónicos e informáticos; non poñer a calefacción a máis de 21º nin o aire acondicionado a menos de 26º; illar axeitadamente a vivenda ou lugar de traballo; empregar sempre que se poida o transporte colectivo e optar pola bicicleta como alternativa para os desprazamentos curtos, e no caso de ter pensado mercar un vehículo particular, industrial ou agrícola buscar sempre o de menor consumo ou aquel que use biocombustibles e tecnoloxías alternativas.