INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

JAVIER GUERRA AVOGA POR ESTABLECER HÁBITOS DE CONSUMO RACIONAL DA ENERXÍA DESDE A INFANCIA COMO CLAVE PARA PROPICIAR A EFICIENCIA ENERXÉTICA

05/03/2010

Santiago, 5 de marzo de 2010.

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra Fernández, avogou, durante o acto de conmemoración do "Día Mundial da Eficiencia Enerxética", por establecer hábitos de consumo racional da enerxía desde a infancia como elemento clave para propiciar o aforro e a eficiencia enerxética.

O conselleiro presidiu, ante un auditorio composto maioritariamente por rapaces, máis dun cento en total, a orixinal celebración consistente nunha representación teatral específica para este día sobre a necesidade de facer un uso correcto dos recursos enerxéticos, e na que os protagonistas foron os nenos.

Guerra destacou que a celebración dunha data como o "Día Mundial da Eficiencia Enerxética" debe ser unha xornada de reflexión para toda a sociedade sobre os hábitos fronte a un uso racional da enerxía e incidiu na necesidade de que esta tarefa non debe ser labor dun día, senón un esforzo continuo e constante, e sinalou a importancia que ten incorporar á vida cotiá pequenos xestos de eficiencia enerxética, tales como por exemplo, apagar a televisión ou o ordenador cando non o esteamos usando.

Modelo enerxético limpo e respectuoso co medio ambiente

O titular de Economía e Industria, que estivo acompañado polo director do Inega, Eliseo Diéguez, salientou que a Xunta de Galicia está comprometida coa construción dun modelo enerxético limpo e respectuoso co medio ambiente, baseado na potenciación das enerxías renovables nos máis diversos ámbitos e nunha nova dimensión do aforro e da eficiencia enerxética, na que Galicia está sendo pioneira coa adopción de políticas transversais a todos os sectores económicos.

Entre este conxunto de medidas que a Consellería de Economía e Industria, a través do Inega, promove para propiciar o aforro e a eficiencia enerxética atópanse a posta en marcha de campañas informativas como a que se vén de poñer hoxe en marcha nos diversos medios de comunicación baixo o lema "Aseguremos o futuro. Usa a enerxía de forma eficiente"; a realización de cursos para o fomento do uso racional da enerxía en todos os sectores; a colaboración con diferentes organismos para levar a cabo proxectos que incentiven a eficiencia enerxética e a activación de axudas económicas a proxectos encamiñados ao uso racional da enerxía.

Guerra fixo fincapé en que co Plan de actuacións de aforro e eficiencia 2009 se posibilitará un aforro enerxético de 228.570 MWh/ano e un aforro económico de cerca de 25 millóns de euros, o que suporá un investimento asociado de 77 millóns de euros en todos os sectores económicos.

Así mesmo o conselleiro anunciou que o reto da Xunta de Galicia en materia de aforro e eficiencia enerxética é conseguir, de acordo coas directrices do Plan Enerxético Estratéxico de Galicia 2010-2015, reducir a taxa actual de incremento de demanda de enerxía dun 0,99% a un 0,26% no horizonte de 2015, o que suporá un aforro económico superior aos 1.000 millóns de euros.

Decálogo de aforro e eficiencia enerxética

Pola súa parte, o director do Inega, Eliseo Diéguez, apuntou á necesidade de buscar novas fontes de enerxía limpas e á utilización da enerxía dun modo responsable ante a ameaza que supón o quecemento global. Neste sentido abondou en que conseguir unha maior eficiencia enerxética é unha tarefa colectiva á que debemos contribuír con pequenas accións da vida diaria, que recolleu no seguinte decálogo de aforro e eficiencia enerxética:

  • Acender soamente as luces que sexan necesarias. Non deixar as luces acendidas en dependencias baleiras.
  • Aproveitar a luz natural. Abrir as persianas durante o día.
  • Programar o ordenador para que cando estea inactivo máis de 10 minutos entre o programa de aforro de enerxía.
  • De non utilizar o ordenador, apagar o monitor, xa que consume tanto como unha lámpada de 100 W.
  • Evitar os consumos ocultos dos equipos eléctricos (fotocopiadoras, impresoras, ordenadores, etc). Apagalos, cando non se utilicen.
  • Manter pechadas as portas e ventás cando funcione a calefacción ou a climatización.
  • Non abusar da calefacción. Regular o termostato nos 19–21 ºC. Pechar os radiadores que non se necesiten.
  • Utilizar equipos eficientes; por exemplo lámpadas de baixo consumo.
  • Valorar a opción de usar o transporte público e a bicicleta como medio de transporte.
  • Á hora de comprar, lembrar seguir as indicacións da etiqueta enerxética e elixir equipos de clase A ou superior.

Actividades do mes da eficiencia enerxética

Diéguez lembrou ademais que ao longo do mes de marzo a Consellería de Economía e Industria, a través do Inega, desenvolverá diversas actividades en diferentes puntos da xeografía galega, unha por provincia, que terán como referente a promoción da eficiencia enerxética. Así o luns, 8 de marzo, en Agolada terá lugar unha actividade de promoción do aforro e da eficiencia enerxética, así como coa potenciación dos hábitos de consumo responsable. Un educador especializado facilitará, nun stand situado na rúa (praza do Concello ou proximidades), consellos de eficiencia enerxética a todas as persoas que se acheguen, tratándose temas como o aforro no uso da iluminación, o consumo en espera, etc. Ademais aquelas persoas que o soliciten poderán asistir a un curso teórico práctico de condución eficiente. Serán gratuítos e durante todo o día. O horario previsto de desenvolvemento do conxunto de actividades será de 10.00 a 14.00 horas de 16.00 a 18.00 horas.

O xoves, 18 de marzo, desenvolveranse diversas actividades de eficiencia, ás que asistirán escolares no Parque Eólico Experimental de Sotavento (Xermade). Os rapaces poderán participar en diversos obradoiros, así como nunha visita á vivenda bioclimática demostrativa que o Inega está a impulsar en Sotavento -que incorpora todo tipo de enerxías renovables-. Ademais aos mestres acompañantes dos grupos se lles convidará a realizar cursos de condución eficiente. O programa de actividades desenvolverase de 10.00 a 17.00 horas

A Escola de Maxisterio da Universidade de Santiago acollerá, ás 10.00 horas do luns, 22 de marzo, o acto de presentación da exposición "Un Mundo de Enerxía", que se presentou o pasado día 19 de febreiro en Agolada, nun acto que pretende divulgar a mostra como ferramenta pedagóxica entre a comunidade universitaria.

Por último o xoves, 25 de marzo, o Parque Tecnolóxico de Ourense acollerá ás 13.00 horas unha charla-coloquio do director do Inega sobre o aforro enerxético, que poñerá punto e final aos actos enmarcados dentro deste mes de marzo do aforro e da eficiencia enerxética.