INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O PLAN DE VEHÍCULOS EFICIENTES DE ECONOMÍA E INDUSTRIA SUMA MÁIS DUN CENTO DE SOLICITUDES E TEN COMPROMETIDO MÁIS DA METADE DO SEU ORZAMENTO A MES E MEDIO DA SÚA POSTA EN MARCHA

20/03/2010

Santiago, 20 de marzo de 2010.

O Plan de Vehículos Eficientes que a Consellería de Economía e Industria que dirixe Javier Guerra ten en marcha a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) co fin de impulsar unha maior eficiencia enerxética no sector do transporte, alcanza a cifra total de 113 solicitudes nos 23 establecementos adheridos ata o momento a esta campaña, a mes e medio da súa posta en funcionamento, tras abrirse o prazo de solicitudes o pasado día 1 de febreiro.

Este número de solicitudes supón un importe total de 255.478,78 euros en canto a fondos comprometidos (o 51%, é dicir, máis da metade) sobre os 500.000 euros de orzamento inicial que o Inega destina a esta campaña encamiñada a potenciar a renovación e a modernización do parque automobilístico galego, mediante a concesión de axudas para a compra de vehículos novos menos contaminantes ou transformacións, actuación coa que tamén se promove a diversificación enerxética para reducir así a dependencia do petróleo.

O director do Inega, Eliseo Diéguez, subliña "que este elevado número de solicitudes de axudas de vehículos eficientes rexistrado no primeiro mes e medio de vixencia do Plan, confirma a boa acollida que teñen este tipo de campañas que tratan de incentivar o aforro e a eficiencia entre o conxunto da cidadanía". "Hai que recordar que o Plan Renove de Electrodomésticos esgotou os 4 millóns de orzamento en menos dun mes da súa posta en marcha e o Plan Renove de Fiestras, dotado con 1,2 millóns de euros, en tan só 3 días", precisa. "Con estes Plans, ademais de propiciar unha redución no consumo de enerxía, tamén se trata de apoiar aos emprendedores, xa que se incentiva o consumo, cos correspondentes beneficios para o comercio galego en xeral", engade.

Con esta nova actuación de aforro e eficiencia enerxética da Consellería de Economía e Industria posibilitarase un aforro de 48 toneladas equivalentes de petróleo ao ano, o que supón a redución anual na emisión á atmosfera de 162,40 toneladas de CO2. Ademais xerarase un investimento asociado de aproximadamente 3,4 millóns de euros. Está previsto que con esta campaña, xestionada en colaboración coas empresas que desexen participar nela, se adhiran máis de 45 concesionarios e talleres e se realicen 250 transaccións no marco deste Plan: as estimacións son que se merquen 210 vehículos novos híbridos e se realicen 40 transformacións a GLP.

Contía da subvención

A contía máxima da subvención é do 15% do prezo de mercado do vehículo. Para os vehículos turismos híbridos enchufables, eléctricos puros, de combustión directa de hidróxeno ou de pilas de combustible o importe máximo da axuda por vehículo poderá alcanzar os 7.000 euros; 2.300 euros para os vehículos turismos híbridos Full Hybrid e de 2.000 euros para os vehículos turismos híbridos Mild Hybrid. No caso de vehículos novos ou transformados nun prazo inferior a 3 meses desde a súa primeira matriculación alimentados por gas natural e GLP o importe máximo por vehículo é de 2.000 euros e para transformacións a GLP, o máximo é de 450 euros. Por último, a compra de motocicletas eléctricas puras, híbridas, de hidróxeno ou pila de combustible incentívase cun importe máximo de 750 euros.

Proceso de obtención da axuda

O usuario debe mercar o vehículo, para que o comerciante poida solicitar a previsión de fondos e aplicar o desconto correspondente, tras a cumprimentación do formulario de solicitude. A continuación o comerciante cobra o prezo menos o desconto. O usuario asina a conformidade no formulario de solicitude e o comerciante remite ao Inega nun mes toda a documentación. Finalmente o Instituto realiza o pagamento ao comerciante.

Esta é a terceira edición que o Instituto Enerxético de Galicia desenvolve este programa de promoción de medios de transporte máis eficientes, e prevese superar as 600 actuacións ao longo deste ano con esta nova convocatoria.